| Manifestación o 17 de maio de 2006. Saída da Alameda de Compostela ás 12.00 h. | |||
|---|---|---|---|
![]() |
|||
Aquí podes descargar o banner publicitario: * Formato "swf" (133 kb) * Formato "fla" (427 kb) * Formato "gif" (830 kb) Cuña de radio (1Mb) |
|
PORQUE TEMOS, PORQUE QUEREMOS, PORQUE DEBEMOS O Estatuto da normalidade lingüística |
|---|---|---|
|
PORQUE TEMOS unha lingua propia. Unha lingua que nos une como galegas e galegos e que contribúe ao noso xeito de ver o mundo. PORQUE QUEREMOS poder utilizar esta lingua para calquera cousa do noso día a día e que calquera galega ou galego poida gozar tamén do seu uso. Para xogar, para ouvir a radio, para facer xestións por internet, para casar, para soñar... PORQUE DEBEMOS protexer unha das nosas grandes riquezas como pobo. Na actualidade, despois de 25 anos do actual Estatuto, o galego continúa a estar mesmo moi por debaixo dos niveis mínimos de teórica cooficialidade. O debate do novo Estatuto supón unha oportunidade histórica para superar a situación de discriminacións que continúa a padecer a nosa lingua e quen quere utilizala con normalidade. Precisamos dun Estatuto que solucione o problema: podermos exercer como galegos e galegas na Galiza. Un Estatuto que non manteña por máis tempo o galego nunha situación de inferioridade a respecto do castelán. Un Estatuto que garanta o dereito individual de calquera persoa a poder vivir en galego. Un Estatuto que garanta o dereito colectivo á lingua propia. Porque ao galego deben corresponderlle todas as garantías dunha lingua oficial. O galego é o idioma do Estado que máis precisa das garantías dun novo Estatuto. Mentres en Cataluña ou Euskadi houbo gobernos autonómicos que desenvolveron políticas que serviron para recuperar e estender eficazmente as súas linguas, en Galiza non só non se desenvolveu o tímido marco legal, senón que mesmo se permitiu a súa vulneración. A pesar desta falta de implicación das institucións, que conlevou unha forte caída de falantes nas xeracións máis novas, o galego continúa a ser a lingua espontánea de uso habitual para a maioría da poboación. Que no Estatuto de autonomía figure o galego como “dereito e deber” ou que conteña unha carta de dereitos lingüísticos, significaría unha garantía de primeiro nivel para que o galego supere a situación de cooficialidade subalterna. Precisamos garantías para que a galeguización do ensino, o uso do galego nos medios públicos, nas administracións, etc, non dependa da maioría electoral conxuntural nin da mobilización permanente da sociedade. PORQUE TEMOS, PORQUE QUEREMOS, PORQUE DEBEMOS, as persoas e entidades que apoiamos esta mobilización do 17 de maio de 2006, conscientes do reto histórico, demandamos para o novo Estatuto de Galiza: 1.- Que se manteña a obriga dos poderes públicos de contribuír a normalizar a nosa lingua. 2.- Que se recoñeza o dereito a usar e o deber de coñecer o galego, dándolle plena validez xurídica ás comunicacións na nosa lingua en todos os ámbitos. 3.- Que se garanta o dereito de todas as persoas a ser atendidas oralmente e por escrito en galego, na súa condición de usuarias e consumidoras de bens, produtos e servizos. 4.- Que se regule o uso preferente do galego por parte de todas as administracións situadas en Galiza, o cal inclúe tamén a Administración Xeral do Estado e a Administración de Xustiza. O persoal ao servizo das Administracións públicas debe estar capacitado e en disposición de usar o galego como lingua propia das Administracións galegas e as situadas na Galiza. 5.- Todos os integrantes da maxistratura, notarías, fiscalías e rexistros, para prestar os seus servizos en Galiza, han de acreditar que teñen un coñecemento adecuado e suficiente do galego como para garantir o dereito de opción lingüística. 6.- Que se recoñeza ao galego a condición de lingua vehicular no ensino non universitario. 7- Que se consigne o uso preferente do galego nos medios de comunicación públicos en Galiza, incluíndo por tanto a RNE e TVE. 8.- Que o Goberno galego promova a comunicación e cooperación cos outros territorios que pertencen ao sistema lingüístico galego-portugués. 9.- Que o Goberno galego fomente singularmente o uso da lingua galega nas zonas galegofalantes do exterior da comunidade autónoma de Galiza. Pedímoslle a todas as forzas políticas e axentes sociais que estean á altura do que este país e este tempo histórico demandan. Un Estatuto que recolla artigos no sentido antedito rachará os alicerces que sustentan as graves discriminacións que aínda padece o galego. Ademais, para alén do sinalado no importante debate estatutario, agardamos que desde o novo Goberno da Xunta, singularmente desde a Secretaría Xeral de Política Lingüística, se comece a traballar para afrontar os problemas de base que ten o noso idioma, garantindo en primeiro lugar o dereito fundamental á escolarización en galego. Porque TEMOS unha lingua propia e QUEREMOS vivir e aprender en galego, hoxe DEBEMOS exixir o cumprimento do noso dereito. |
|