A Mesa pola Normalización Lingüística
Noticias
Quen somos?
Que facemos?
Campañas
Mediateca
Lexislación
Ligazóns
Colectivos
Especiais
Tenda
Asóciate


Manifesto Día das Letras 2007

TEMOS LINGUA PROPIA. QUEREMOS VIVIR NELA.

Hai un cuarto de século que o galego conseguiu un recoñecemento oficial que, aínda que foi insuficiente, o situaba no Estatuto de Autonomía como “lingua propia de Galiza”. Porén, o noso idioma, o único “idioma propio” que ten Galiza, continúa aínda moi por debaixo dos mínimos de cooficialidade.

O Día das Letras non é momento para a retórica nin para a propaganda vacía. As persoas e entidades que apoiamos este manifesto reclamamos as medidas e as accións para garantir o dereito de todos os galegos e todas as galegas a poder vivir en galego. Porque sabemos que, cunha política lingüística decidida, o galego terá garantido o seu futuro.

Máis galego no ensino!

Estamos ás portas da aplicación dunha nova norma de galeguización do ensino. O novo decreto consensuado debe ser cumprido integramente no próximo curso escolar, pondo para iso a Consellaría de Educación todos os medios humanos e económicos que foren precisos. Esta nova norma legal ten que supor un paso máis cara á plena galeguización do sistema educativo a medio prazo.

Máis galego na Administración!

Este 17 de Maio celébrase durante unha campaña electoral, o que representa unha oportunidade perfecta para reclamarmos aos participantes nese proceso un verdadeiro compromiso coa lingua. Elixiremos axiña os nosos representantes nos concellos, polo que facemos un chamamento a todas as candidaturas que comporán as cámaras municipais para o cumprimento da lexislación e dos acordos institucionais en materia lingüística.

Nese sentido, o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega aprobado por unanimidade en 2004 no Parlamento galego sinala unha serie de medidas que, malia faceren referencia directísima á Administración local, continúan sen ter plasmación na maioría das cámaras municipais.

Reclamamos que neste 2007 se poñan sólidos alicerces para a plena aplicación do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega en todos os concellos, dirixindo tal proceso o Goberno galego.

Sen deixarmos de falar das administracións, temos que lembrar que o Consello de Europa recriminou en 2005 á Administración Xeral do Estado por converter o dereito ao uso do galego nunha auténtica carreira de obstáculos. Dous anos despois do denunciado por esta institución, a carreira de obstáculos continúa.

Un exemplo é a Axencia Tributaria, que nega a día de hoxe o dereito a utilizar o galego na inmensa maioría das xestións. Exiximos que, coa máxima urxencia, a páxina web da Axencia Tributaria teña opción plenamente en galego, incluídos todos os formularios e programas informáticos.

Máis galego nos medios de comunicación!

Un dos trazos do servizo público é o servizo á cultura, comezando polo respecto e o uso da lingua de cada país. Reclamamos que os medios públicos, for de titularidade estatal, for de titularidade galega, teñan en conta este principio.

Á RTVG demandámoslle:

  • Unha mellora substancial na galeguización da publicidade, tendo o obxectivo do 100% a medio prazo. Sen isto, non se pode falar dunha TV propia e integramente en galego.
  • A creación dun Servizo Galego de Dobraxe e Subtitulación, que asuma a tarefa de elaborar as lexendas e dobrar todos os filmes que se estreen nas salas comerciais, cedéndoas gratuitamente ás distribuidoras ou ás televisións que poidan ter os dereitos de emisión de ditos filmes.
  • Unha das normas de estilo da RTVG debería ser dar prioridade ás participacións en galego en tertulias, entrevistas, etc.
  • Unha presenza mínima do 50% de música en galego na emisora Radio Galega Música.
  • O comezo da emisión do segundo canal da TVG.
  • Velar pola calidade do galego utilizado, tanto na escrita como na oralidade.

A RTVE exixímoslle:

  • A recuperación dunha emisora de RNE en galego (Radio 4).
  • Que as desconexións de RNE e TVE para Galiza se equiparen ás realizadas para Cataluña.
  • Que, na emisión dixital, TVE ofreza versión en galego de todos os filmes, retransmisións deportivas e espazos infantís e xuvenís.
  • Que as páxinas web de RNE e TVE conten cunha versión en galego.

Reclamámoslle á Secretaría Xeral de Comunicación e á Secretaría Xeral de Política Lingüística, dependentes da Presidencia da Xunta, que negocien con firmeza estes adiantos para a nosa lingua nos medios de comunicación de titularidade pública. Ademais, deben garantir o cumprimento das condicións lingüísticas baixo as que se conceden as licenzas de radio e TV.

Máis galego no ensino, na administración e nos medios de comunicación!

Temos lingua propia! Queremos vivir nela!

 

 

 

 

   

 

   

Esta web conta coa colaboración da:


   

Noticias | Quen somos | Que facemos | Campañas | Mediateca | Lexislación
Ligazóns
| Colectivos | Especiais | Tenda | Asóciate