|
|
 |
  |
  por
Gonzalo Navaza |
 |
| |
|
|
Primeiras cuestións
Otero / Outeiro
A primeira cuestión que me chega refírese
ó apelido Otero, que é un dos
apelidos galegos máis comúns (no censo
electoral de 1996 ocupa o lugar décimo sétimo
por orde de frecuencia). Non é exclusivo da
onomástica galega (unha pequena parte dos Otero
galegos poderían ser de orixe leonesa ou zamorana,
por exemplo), pero presenta entre nós a máis
alta densidade da península, e mesmo se pode
afirmar que a maior parte dos Otero do mundo
teñen orixe galega.
O profesor Lema Suárez estudiou a alteración
deste apelido (de/do Outeiro > Otero)
en terras de Soneira e puxo de relevo o carácter
serodio da consolidación da forma deturpada:
ata o século XIX é habitual que nos
escritos, sobre todo nos menos formais, convivan (ás
veces nun mesmo documento para referirse á
mesma persoa) a forma oficial deturpada Otero
e a tradicional Outeiro.
Segundo o censo do Catastro de Ensenada, a mediados
do XVIII os Outeiro e os Otero de
Galicia mantiñan proporcións equilibradas.
Hoxe é case absoluto o predominio da forma
deturpada. Só un 1%, localizado sobre todo
na Barcala e en Bergantiños, mantén
a forma tradicional Outeiro, xa sen a preposición
que presentaba antigamente (de Outeiro, do Outeiro),
habitual nos apelidos de orixe toponímica. |
|
|
 |
|
|
 |
Iglesias / Igrexas / Da Igrexa
Iglesias constitúe un exemplo de
apelido de imposición administrativa, é
dicir, aplicado en casos de filiación non recoñecida
e outras circunstancias semellantes, para as cales
a lexislación vixente aínda contempla
que o funcionario do Rexistro poida impoñer
ó nacido apelidos "de uso corrente".
É apelido característico do territorio
galego e as áreas limítrofes, pero naceu
xa coa forma castelá e o seu uso data de época
relativamente recente, pois non se rexistra no Catastro
de Ensenada (1753), cando na actualidade ocupa en
Galicia, significativamente, o lugar duodécimo
por orde de frecuencias.
Unha parte dos apelidos toponímicos tradicionais
da Eirexa, da Eirexe, da Igrexa e variantes
que non foron castelanizados en de la Iglesia pasaron
a confluír con este apelido administrativo
adquirindo un -s final adventicio, polo que
unha restauración do apelido (unha adecuación
á lingua correspondente, conforme a letra da
lei) podería optar entre reconducil, seguindo
o camiño inverso, ata os apelidos toponímicos
mencionados, ou ben adaptalo á forma estándar
galega (Igrexas).
|
|
|
 |
|
|
 |
Baamonde / Vaamonde / Bahamonde
É apelido toponímico, derivado dun
nome de lugar idéntico, polo que na documentación
antiga aparece sempre precedido de preposición
(de Baamonde). O seu foco orixinario principal
localízase na parroquia e lugar de Baamonde,
no concello lugués de Begonte, pero hai outros
topónimos iguais que tamén puideron
dar orixe a este apelido. Presenta tres variantes
gráficas: a máis común é
Vaamonde (48%), seguida de Baamonde
(30%) e Bahamonde (21%). Ningunha das tres
pode considerarse en rigor unha forma deturpada, polo
menos as dúas primeiras. O -h- entre
vocais da terceira responde a unha tendencia gráfica
allea ó galego actual, de xeito que algúns
topónimos que na grafía castelanizante
presentaban ese -h- antihiático pérdeno
na forma oficial normalizada (*Narahío,
Naraío). Entre Vaamonde e Baamonde,
a forma máis etimolóxica é esta
segunda, pois o topónimo do que deriva o apelido
procede do xenitivo Badamundi dun nome persoal
de orixe xermánica Badamundus.
Publicado no Semanario A
Nosa Terra (Nº 922-17/02/2000-Páxina
17)
|
|
|
|