|
|
 |
  |
 por
Gonzalo Navaza |
 |
| |
|
|
Riqueza onomástica
Unha das grandes riquezas do patrimonio cultural
galego é a onomástica, o tesouro dos
nomes propios. Nun dos seus dous campos principais,
o da onomástica xeográfica ou toponimia,
conta desde hai anos con protección legal,
o que permitiu descontaminar de alteracións
e deturpacións castelanizantes os infinitos
nomes de lugar que cobren con palabras da nosa lingua
cada recanto do país. No outro campo, o da
onomástica persoal ou antroponimia, perviven
aínda os efectos dunha oficialidade que non
recoñecía dereitos á lingua galega.
Con esta nova lei, que modifica algúns artigos
do Código Civil e da Lei do Rexistro Civil,
ábrese unha porta legal para a recuperación
do noso patrimonio.
Pódese prever que o alcance práctico
desta novidade legal será menor, e desde logo
moito máis lento, ca no caso da toponimia.
En primeiro lugar porque mentres que o topónimo
galego é unha obrigación legal derivada
dun dereito colectivo, a restauración do apelido
deturpado descansa na vontade do interesado: é
un dereito individual.
En segundo lugar, porque nos topónimos coexistía,
xunto coa forma oficial deturpada, a forma viva popular,
lexítima galega. Os apelidos, en cambio, en
moitos casos só teñen vida oficial,
polo que con frecuencia se perde noticia da forma
orixinaria. É certo que aínda hai familias
apelidadas Otero ou Villar, poñamos
por caso, que son coñecidas polos seus veciños
como "os de/do Outeiro" ou "Os de/do
Vilar", pero a morte paulatina da sociedade campesiña
tradicional acaba tamén con eses exemplos de
pervivencia, e polo regular as persoas tenden a identificarse
coa forma do seu apelido tal coma o aprenderon. Sospeito
que moitos Soto, por seguir empregando exemplos de
apelidos ben comúns, levarían unha sorpresa
ó comprobaren que non hai que remontarse moitas
xeracións para dar cos antepasados apelidados
(de/do) Souto. |
|
|
 |
|
|
 |
Casuística complexa
O texto da lei 40/1999, ademais de falar de adecuación
dos apelidos á lingua correspondente, fala
tamén de regularización, o
que pode dar lugar a interpretacións erradas.
Naturalmente, esa regularización non significa
necesariamente uniformización; hai apelidos
que presentan variacións dialectais que deben
ser preservadas, e o mesmo se podería dicir
de variantes gráficas dun mesmo apelido.
Visto que cada apelido ten a súa propia historia,
unicamente se poden establecer uns criterios moi xerais
para a restauración da nosa onomástica
deturpada, pois cada caso require un tratamento específico.
Por veces as aparencias enganan, e un apelido como
Villamil, por exemplo, que de primeiras semella
conter un primeiro elemento villa-, podería
corresponder a un topónimo idéntico
Villamil, variante de Guillamil
(emparentado co primeiro elemento de Guillerme)
de xeito que non se trataría dunha forma deturpada,
mentres que unha restauración en *Vilamil
sería un errado hipergaleguismo.
Unha clasificación xeral dos apelidos galegos
pode establecer tres grandes tipos. O primeiro sería
o dos apelidos patronímicos, derivados dun
nome de pía, con ou sen sufixo (Rodríguez,
Fernández, Vázquez, Lourenzo...),
que constitúen un grupo relativamente limitado
pero moi abundante; o segundo, o dos apelidos toponímicos,
derivados dun nome de lugar (Taboada, Outeiro,
Souto, Pereira, etc.), e un terceiro dos apelidos
que foron en orixe nomes comúns, empregados
como sobrenomes, onde cabería distinguir varios
subgrupos (alusivos a características físicas,
á condición social ou oficio, etc...). |
|
|
|