Que é o certificado ABERTOS AO GALEGO?
ABERTOS AO GALEGO é un certificado que se concede, en diferentes niveis, ás empresas, comercios, asociacións e entidades de toda índole que adopten e desenvolvan compromisos para a normalización
do galego.
Cal é a validez do certificado ABERTOS AO GALEGO?
O certificado concédese cunha validez anual. Ao longo deste tempo, avaliarase de novo o cumprimento das condicións
para ver en cal dos catros graos do certificado se encontra a entidade que
o ostenta.
ABERTOS AO GALEGO é compatíbel con outros certificados públicos
agora mesmo xa existentes, por exemplo para o sector comercial.
Quen se encarga do seguimento e avaliación?
A Mesa pola Normalización Lingüística, a maior asociación
cultural de Galiza, con máis de vinte anos de historia ininterrompida, é a
responsábel do seguimento, promoción e avaliación
do certificado.
Cales son as vantaxes das empresas ou asociacións
que contÉn co CERTIFICADO ABERTOS AO GALEGO?
a. Figurarán no catálogo web, actualizado permanentemente
na páxina www.amesanl.org.
b. Poderán participar nos actos comarcais e nacionais
que se realizarán cada ano para as entidades que ostenten o certificado
e que terán difusión mediática.
c. Poderán acceder a descontos publicitarios
en medios de comunicación que colaboraren co proxecto. Nestes momentos: Longalingua.
d. Poderán utilizar o distintivo do certificado
alí onde o consideraren oportuno (A Mesa entregará os distintivos
correspondentes).
e. Conseguirán un impulso ao uso da lingua
que nos une como galegos e como galegas, participando dunha ampla
rede social.
Cales son os diferentes niveis do certificado?
A extensión da lingua galega a todos os ámbitos é un camiño que imos andando pouco a pouco. Por iso, o certificado estabelece catro graos. O NIVEL UN é para quen está a dar os primeiros pasos; o NIVEL DOUS para quen xa utiliza o galego cara ao exterior; o NIVEL TRES para quen tamén o usa internamente, e o NIVEL CATRO para aquelas entidades que ademais participan de forma especial en dinamizar o uso da lingua.
NIVEL UN
Adoptaron e están a desenvolver medidas para a normalización do galego. Están aínda a dar os primeiros pasos.
No caso das empresas, estabelecerase como mínimo para este nivel o uso non deturpado da toponimia e o cumprimento da lexislación lingüística.
No caso das organizacións, o estabelecemento de medidas concretas para o uso do galego será suficiente para este nivel, malia que tales medidas aínda non se concretasen. A Mesa realizará un seguimento específico da aplicación das medidas nos prazos acordados coa entidade correspondente.
NIVEL DOUS
Empresas e entidades que ofrecen toda a súa información exterior en galego.
No caso de facer uso tamén doutros idiomas, o galego será a lingua de opción positiva e que apareza salientada ou en primeiro lugar.
NIVEL TRES
Ofrecen toda a información exterior en galego e, ademais, utilízano como lingua interna de traballo: nóminas, xestións administrativas, contabilidade etc.
NIVEL CATRO
Ademais de realizaren un uso sistemático do galego tanto interna como externamente, solicitan a información e a documentación en galego a provedores e administracións.
Son entidades e empresas que dinamizan de xeito especial o uso e a extensión social do galego.
Cales son os requisitos para ostentar o certificado?
1) Ter unha disposición favorábel ao uso do galego.
2) Colaborar na análise anual da situación lingüística da entidade (para o cal A Mesa pon ao seu dispor unha Ficha para analizar e planificar a situación lingüística)
e, segundo a mesma, proporse obxectivos anuais.
3) Pagar a cota que corresponda para poder ostentar o certificado.
A onde me podo dirixir para conseguir máis información ou iniciar os trámites para obter o certificado?
Podes pórte en contacto coa Mesa pola Normalización Lingüística
- no correo electrónico abertosaogalego©amesanl.org -
no teléfono 981 56 38 85.
Cales son as cotas para poder ostentar o certificado?
A base é de 48 / ano, ao que se acrecentarán 3 /
ano por cada traballador ou traballadora.
As organizacións sen ánimo de lucro que non estean participadas pola Administración pública, que teñan entre 1 e 5 traballadores, non terán que pagar suplemento ningún por traballador/a; as que teñan máis de 5, terán que pagar 3 / ano por cada traballador/a, a partir da/o sexta/o.
As empresas ou entidades con varias sedes ou locais contabilizaranse de xeito diferenciado segundo cada un dos enderezos, xa que nas guías tamén aparecerán separadamente.
Cal é o destino do diñeiro recadado nas cotas?
Todas as cotas recadadas irán destinadas integramente á xestión e ao desenvolvemento do propio proxecto do certificado (edición de folletos, catálogos, mantemento da páxina web etc) e ao obxectivo de promover a extensión do uso do galego no ámbito socioeconómico.
Empresas e entidades
Nesta sección disporemos aos visitantes da relación de empresas
que posúen o certificado co seu nivel.
descarga de recursos
Disporemos dunha serie de recursos relacionados como folletos, pegatinas, salvapantallas, etc.
|