3
A Mesa pola Normalización Lingüística
notícias
Quen somos?
Que facemos?
Campañas
Biblioteca
Lexislación
Ligazóns
Colectivos
Especiais
Tenda
Asocia-te
Índice Orixe galega ou foránea dos apelidosPrimeiras cuestiónsBibliotecapor Gonzalo Navaza
   

Sobre a xeografía e os apelidos

Coa entrada en vigor da Lei 40/1999 sobre o nome e apelidos e a orde dos mesmos, por iniciativa da Mesa pola Normalización Lingüística comecei estes artigos para responder a cuestións relativas á restauración dos apelidos galegos deturpados. Algunhas das consultas que me están a chegar obríganme a explicar que o noso propósito é ocupármonos exclusivamente das deturpacións, isto é, das anormalidades artificiais presentes nalgúns dos nosos apelidos debidas ó sometemento da onomástica galega (nacida naturalmente en galego) a unha oficialidade establecida en lingua castelá.

O que non pretendemos nin desexamos facer aquí é un consultorio etimolóxico e menos aínda xenealóxico. Os curiosos da etimoloxía dos apelidos terán á súa disposición neste ano ou no próximo o Diccionario dos apelidos galegos que se está a elaborar no seo da Universidade. Nesa mesma obra, que se fai cada vez máis necesaria a partir da entrada en vigor desta Lei, os interesados na cousa das liñaxes se cadra tamén poderar atopar satisfacción para a súa curiosidade, xa que a miúdo a etimoloxía dos apelidos ofrece interesante información sobre a súa orixe xeográfica.

 
Arriba    
Abaixo

Nóvoa e os acentos

Esta información é máis significativa nos apelidos toponímicos, sobre todo cando veñen dun nome de lugar que non se repite. Coma un invisible cordón umbilical, o apelido vencella coa antiga xurisdicción da Terra de Nóvoa, veciña do Ribeiro de Avia, tódolos Nóvoa de Galicia e do mundo, incluídos o Novoa (así pronunciaban e escribían os medios) que conducía hai uns meses unha furgoneta cargada de explosivos en dirección a Madrid e o Noboa que asumía protagonismos políticos no Ecuador fronte ás mobilizacións indíxenas no pasado xaneiro. Non é difícil imaxina-los camiños que puideron conduci-lo sangue desa(s) estirpe(s) desde Abelenda das Penas ou Carballeda de Avia ata as veas do proletariado industrial do País Vasco ou as da aristocracia militar do estado ecuatoriano. A saída de Galicia do primeiro será sen dúbida cousa ben recente, unha xeración, como moito dúas. No ecuatoriano, a grafía con B fai supor que a travesía oceánica non se debeu de producir nos últimos dous séculos. Un e outro perderon, ó que parece, o acento na viaxe, como tamén lle sucede a outros que se afastaron menos quilómetros do foco inicial ourensán.

A forma xenuína é esdrúxula, Nóvoa, pois corresponde a un diminutivo latino nóvula (do mesmo xeito que o latin mácula dá en galego mágoa), polo que podemos dicir que a pronuncia grave Novoa revela certa eiva na transmisión do apelido, aínda que realmente non se trate dunha deturpación castelanizante. Pero hai casos en que un cambio acentual si obedece a unha deturpación intencionda, coma nos Da Vila ou Davila galegos alterados en Dávila ou (de) Ávila: facéndose esdrúxulo non só se desgaleguizaba o apelido, senón que se pasaba a simular unha orixe foránea.

 
Arriba    
Tope

Miguez, Miguéns

Unha das persoas que dirixiu á Mesa a súa consulta pregunta se debe muda-lo seu Míguez para Miguéns. Se o que se quere é depurar de deturpacións castelanizantes, o seu apelido non as padece e pode deixalo como está. Se o que a anima é o desexo de restaura-la forma etimolóxica, abonda con tirarlle o acento. Os achegados a Celso Emilio saberán que na tradición da familia materna do poeta conservaban a acentuación aguda Miguez, co acento no E, e así pronunciaba el o seu segundo apelido. No cambio de Miguez para Míguez influíu seguramente a analoxía con outros patronímicos que teñen a mesma terminación pero levan o acento no I, algúns moi comúns (Rodríguez, Domínguez...).

Miguéns é unha variante deste apelido. Tanto unha coma outra son o resultado lexítimo galego do patronímico derivado de Miguel. A forma castelá correspondente é Miguélez. Os Miguélez que rexistra o censo de Galicia poderían ter orixe non galega, aínda que teño serias dúbidas.

A distribución xeográfica actual de Miguéns permite localiza-lo foco principal desta variante nas áreas da Arousa e da península do Barbanza. Se a persoa que fixo a consulta ten raíz máis ou menos remota nesas comarcas, entón é de crer que restaura simbolicamente un vencello coas orixes ó mudar para Miguéns o apelido. Faise sorprendente, por exemplo, que no padrón da Pobra do Caramiñal, rodeada de concellos onde é común a variante Miguéns, teña tanta presencia a forma Míguez ó tempo que a variante Miguéns rexistra números insignificantes. Aínda que non debemos desbotar unha procedencia de fóra da comarca, esa illa da Pobra tamén pode deberse ó celo regularizador (en diferentes épocas históricas, pero probablemente non moi antigas) da administración. Podería darse o caso de que un único funcionario, civil ou eclesiástico, deixase dese xeito na onomástica da zona a súa pegada anónima.

Ou non tan anónima. O profesor Lema Suárez, nos seus estudios sobre a Terra de Soneira, ten identificado con nomes e apelidos algúns escribáns ou párrocos, sobre todo do século XVIII, que ocuparon os seus esforzos en deixar fixada por escrito en documentos e en libros parroquiais a castelanización dos Soutos e os Outeiros sen deixar títere con ditongo.

Moitos outros apelidos presentan variantes xeográficas semellantes e cómpre lembrar que nesa variación reside precisamente parte do seu significado, que se vería amputado se o sometemos a unha regularización uniformadora. A mesma variabilidade vémola noutros apelidos como Fontao e Fontán, Quintás e Quintáns, etc. Cando se trata de apelidos deturpados, a regaleguización terá que optar ás veces entre variantes xeográficas. Un Goyanes de Lalín, poñamos por caso, será moi posiblemente castelanización de Goiás, nome dunha parroquia do concello, pero un Goyanes de Bastavales, en cambio, será máis ben castelanización de Goiáns, nome dun lugar no mesmo concello de Brión.

Nestes casos en que hai que decidir entre variantes xeográficas dun mesmo apelido non sempre se debe conceder creto á tradición oral familiar no que se refire á orixe. As deturpacións castelanizantes e as alteracións desgaleguizadoras que presentan algúns apelidos galegos son manifestación, como é sabido, dunha mentalidade emparentada cos chamados prexuízos diglósicos. A mesma mentalidade levou a tradición familiar de moitos apelidos inequívoca e exclusivamente galegos a fantasear con orixes foráneas.

Publicado no Semanario A Nosa Terra (nº 923-24/02/2000-páx: 17)

 
     
   

Noticias | Quen somos | Que facemos | Campañas | Mediateca | Lexislación
Ligazóns
| Colectivos | Especiais | Tenda | Asóciate