4
A Mesa pola Normalización Lingüística
notícias
Quen somos?
Que facemos?
Campañas
Biblioteca
Lexislación
Ligazóns
Colectivos
Especiais
Tenda
Asocia-te
Índice Iotas nos apelidosSobre a xeografía e os apelidosBibliotecapor Gonzalo Navaza
   

ORIXE GALEGA OU FORÁNEA DOS APELIDOS

Tradicións familiares

Un remitente da Coruña pregunta se faría ben en cambiar de Teijedo para Teixedo o seu apelido. Respóndolle que si, pero non podo concordar co que di acerca da orixe e o significado (el teno por portugués e asóciao ó verbo tecer). O apelido é galego, toponímico, e vénlle dalgún lugar chamado Teixedo, que debe o seu nome á árbore chamada teixo, en latín taxus.

Hoxe o teixo é unha especie insólita, en perigo de extinción. No Teixadal de Casaio, nos confíns de Valdeorras, consérvase o último bosque de teixos das nosas latitudes, pero na antigüidade os teixos deberon de ser comúns no país, a xulgar polas pegadas que deixou o nome na toponimia. Como é sabido, os resistentes do Medulio envelenáronse con follas de teixo. Se, como di o remitente, a súa familia procede "da parte de Ponteceso", ha de saber que na parroquia de Corcoesto, nese concello, existe un lugar chamado Teixedo. Seguramente virá dese lugar o seu apelido.

A explicación que o remitente di que conservan "de xeración en xeración" na súa familia hai que considerala unha lenda etimolóxica ou etiolóxica, do xénero das interpretacións populares dalgúns topónimos que recolleu Celso de Baión (X. Mª Álvarez Blázquez) hai anos nun libriño da colección O moucho. Son mostras da fantasía popular e teñen interese literario ou etnográfico, pero non explican a orixe dos nomes. No caso dos apelidos, esas tradicións familiares constitúen ademais curiosos indicios de certos prexuízos sociais ou nacionais emparentados coa diglosia.

 
Arriba    
Abaixo

Supostas orixes exóticas

Estes prexuízos maniféstanse na pretensión de atribuír orixes foráneas a apelidos inequivocamente galegos. Unha ollada filolóxica sobre o censo, a guía telefónica ou as esquelas dos xornais evidencia que unha altísima porcentaxe da poboación galega é autóctona, e estudios xenéticos coma os que divulgou Cavalli-Sforza nos seus libros ou os que causaron polémica hai uns anos en relación coa poboación vasca poderían confirmalo. Sen embargo, de fiármonos das tradicións familiares que explican a orixe dos apelidos, aquí practicamente todo o mundo tería chegado de fóra.

Acontece así que moitos galegos se teñen por casteláns, vascos, franceses, ingleses ou italianos sen selo. Un coñecido meu apelidado Jofre facíase descendente dun xeneral francés (non lle valía un soldado) da Guerra da Independencia, e resulta que o sobrenome Xofre (‘sulfuro’) está documentado na onomástica galega desde a Idade Media. Unha Lajos de Vigo emparenta o seu apelido co nome húngaro Lajos (pronunciado Lóios, equivalente de Lois ou Luís), e resulta que a súa familia procede de Cuntis, e en Cuntis hai o topónimo Laxos, cunha insólita variante masculina de Laxa ou Laxe, do que vén sen dúbida o apelido. O propio Castelao interpretaba o seu como o xentilicio relativo á Castela castellana porque seguramente non coñecía os escritos de Sarmiento sobre os castellanos de Ourense e a antiga xurisdicción chamada Castela, máis ou menos na actual comarca do Carballiño.

Dieter Kremer, o máis recoñecido especialista en onomástica galega e portuguesa, documenta no noso ámbito lingüístico polo menos desde o século XIII o sobrenome Fole, que contén o nome común fole ou fol, usado como alcume en alusión a características físicas dun individuo. Ánxel Fole, que levaba ese sobrenome como apelido, fabulou nun relato sobre a súa propia liñaxe e alí facíase descender dun exótico cabaleiro templario apelidado Folk ou algo semellante. O escritor lugués, que botou man das crenzas tradicionais para a súa literatura, tamén neste caso se acomodou ás pautas da fantasía popular.

Cando o aspecto fónico do apelido (por un ditongo, un sufixo -eira, -eiro e cousas parecidas) non permite tales fabulacións e fai innegable a súa orixe galega, entón a tendencia exoticista mira de atribuírlle procedencia portuguesa. Coñezo algún Araújo en Ourense que se di de sangue portugués cando en realidade o principal foco orixinario dese apelido (tamén para os Araújo portugueses) está na antiga terra ou xurisdicción de Araúxo, na zona do actual concello ourensán de Lobios e na raia seca do Xurés/Gerês.

No fondo desas pretensións de orixe foránea está a mesma mentalidade discriminatoria, asumida polos propios discriminados, da que derivan os prexuízos diglósicos contra o idioma. Xa no XVII os galegos sentían vergoña de selo e procuraban ocultalo. Nunha peza de Tirso de Molina recóllese o seguinte diálogo de dous galegos:

«–...Jamás yo mi patria niego.
Galicia es mi natural.
– Pues no es poca maravilla,
que el gallego acá en Castilla
dice que es de Portugal»

 

 
 
Arriba    
Tope

Diccionarios e fontes de consulta

O peor é que estas fantasías tamén se recollen por escrito en obras aparentemente serias onde a xente consulta a procedencia e significado dos seus apelidos. A Gran Enciclopedia Gallega, por exemplo, encargou o tratamento dos apelidos a un heraldista, de maneira que aparecen infinidade de brasóns (moitos deles de apelidos que non teñen a menor relación connosco, a non ser unha vieira no escudo, supostamente alusiva a unha peregrinaxe a Compostela) pero poucas razóns filolóxicas. Xa o padre Sarmiento alertaba, no seu Onomástico etimológico, contra as explicacións de heraldistas ou xenealoxistas. Dado que os apelidos son palabras, as razóns filolóxicas son necesarias para explicalos.

Consulto, por exemplo, na GEG o apelido Vázquez, o oitavo máis frecuente no censo galego e o máis común dos apelidos exclusivamente nosos. Pois ben, alí dáo como apelido asturiano con casa solar en Xixón. E un libro de divulgación titulado El gran libro de los apellidos, de J. M. Albaigés, de moita difusión a xulgar pola tiraxe da edición, explica Vázquez como apelido castelán, ben toponímico (?) ou ben como "contracción" de Velázquez.

Nin asturiano, nin castelán, nin toponímico, nin contracción. Iso que Albaigés chama erradamente contracción é a evolución propia do galego, que perde o -L- entre vocais (así o latín volare dá o galego voar). Se o apelido fose asturiano ou castelán tería a forma Velázquez, pero Vázquez só pode ser galego. É o patronímico do nome persoal Vasco, forma galega e portuguesa correspondente ó castelán Velasco. É certo que hai Vázquez espallados por toda a Península, pero a súa orixe remota é por forza galega. Xa nin sequera galega e portuguesa, pois a solución portuguesa correspondente adoita ser sen sufixo.

Un amigo da Coruña pregunta se debería cambiar de Vázquez para Vásquez o seu apelido. Eu respóndolle que Vázquez é forma lexítima (e exclusiva) galega e que pode e debe deixalo como está. Desde o punto de vista etimolóxico, o derivado regular do nome Vasco debería ser en efecto Vásquez, como este amigo sostén, pero a irregularidade que deu Vázquez, resultante dunha asimilación entre o S e o Z das súas sílabas, é normal no galego e non obedece a unha deturpación resultante da presión do castelán. Irregularidade semellante por interferencia de S e Z é a que deu o apelido Ozores, patronímico derivado do nome Osorio, en lugar de *Osorez, que sería a forma regular.

 

Publicado no Semanario A Nosa Terra (nº 924 - 4/03/2000 - páx: 16)

 
     
   

Noticias | Quen somos | Que facemos | Campañas | Mediateca | Lexislación
Ligazóns
| Colectivos | Especiais | Tenda | Asóciate