5
A Mesa pola Normalización Lingüística
notícias
Quen somos?
Que facemos?
Campañas
Biblioteca
Lexislación
Ligazóns
Colectivos
Especiais
Tenda
Asocia-te
Índice Máis sobre a grafía dos apelidosOrixe galega o foránea dos apelidosBibliotecapor Gonzalo Navaza
   

Iotas nos apelidos

Moitas das consultas que nos chegan están relacionadas con apelidos que conteñen un iota (J) ou un i grego (Y) na súa forma escrita. Das deturpacións que a lingua oficial inflixiu á onomástica galega, as relativas a cuestións gráficas non son as máis graves, e en moitas delas nin sequera deberiamos falar de deturpacións senón de grafías anormais. Outras alteracións, como a desgaleguización por reducción de ditongos ou cambio de sufixos (Sotelo, Sotelino, Atanes ou Goyanes por Soutelo, Souteliño, Atás/Atáns ou Goiás/Goiáns) ou a directa traducción ó castelán (Villanueva, Otero, Soto por Vilanova, Outeiro, Souto) foron deturpacións moito máis agresivas para o noso patrimonio onomástico e non deben pasar inadvertidas.

Sen embargo, estoutras cuestións gráficas resultan en xeral máis evidentes porque a xente é consciente de que grafías como Y ou J son alleas á escrita do galego actual. Moitas persoas que levan no seu apelido un J desexan remediar, ó abeiro da lei 40/1999, o feito de teren un apelido galego escrito cunha grafía que non se acomoda á fonética da súa lingua.

Respondemos aquí a algunhas consultas relativas a apelidos que conteñen a letra J. Nos máis deles recomendamos unha grafía con X, non sendo no caso de apelidos non galegos (que só mencionaremos para indicar esta circunstancia, como por exemplo un Jorquera que nos consultan, que supoñemos catalán) ou no de apelidos que rexistran gheada na súa escrita (por exemplo Regenjo), que serán obxecto dun próximo artigo.

 
Arriba    
Abaixo

Feijoo, Feijó / Feixó

O máis abundante dos apelidos galegos que no censo actual levan un iota na súa grafía ocupa o lugar 93 por orde de frecuencia. É o apelido Feijoo, derivado do nome común correspondente ó galego actual feixón ‘faba’ (do latín faseolu). Nas cantigas de escarnio medievais emprégase feijoo co significado de ‘cabeza calva’ e ha de ser sen dúbida ese significado o que motivou o seu emprego como alcuña persoal na Idade Media. Trataríase, xa que logo, dun sinónimo metafórico ou humorístico do apelido Calvo.

Aínda que a documentación máis antiga testemuña o uso deste sobrenome en diferentes latitudes galegas e portuguesas, a súa perduración como apelido é característica do territorio da diocese de Ourense, e cos datos que posúo case me atrevería a afirmar que é un apelido de orixe exclusivamente ourensá. O padre Seixas, e nisto ségueo a Gran Enciclopedia Gallega, sitúa a súa orixe en Celanova, pero non cremos que se poida falar dun foco tan localizado.

Un dos remitentes que nos consultan este apelido pregunta se debería cambialo para Feixoo ou Feixó e coincido con el na preferencia por Feixó, a forma a que el mesmo vén usando "habitualmente pero non oficialmente", segundo as súas palabras.

 
Arriba    
Abaixo

Abeijón / Abeixón

Abeijón ocupa entre os apelidos galegos o lugar 388 por orde de frecuencia e ten orixe toponímica. O nomenclátor recolle un único lugar chamado Abeixón na parroquia de Tállara, no concello coruñés de Lousame. A distribución actual do apelido, que mantén a súa maior densidade nos concellos da Barbanza e as áreas veciñas, parecen confirmar que ese lugar constitúe o seu único foco orixinario. A etimoloxía do topónimo está suxeita a polémica e non é este o lugar para espoñe-las diferentes hipóteses que se teñen proposto. Dado que a forma oficial do topónimo é Abeixón, esa ha de ser tamén a forma restaurada do apelido.

 
Arriba    
Abaixo

Buján / Buxán

Tamén ten orixe toponímica Buxán, moito menos frecuente que os precedentes. O nomenclátor galego recolle varios lugares chamados Buxán e calquera deles puido ter dado orixe a este apelido, aínda que a distribución que presenta no censo actual permite identificar como o seu foco principal (probablemente non o único, pero si o máis productivo) o territorio da antiga xurisdicción e concello de Buxán, hoxe chamado de Val do Dubra. O topónimo Buxán que dá orixe a este apelido procede á súa vez dun nome de persoa altomedieval Bus(s)ianus.

 
Arriba    
Abaixo

Freijeiro / Freixeiro

Tamén é apelido toponímico. O nomenclátor galego recolle vinte entidades de poboación lugares chamadas Freixeiro, polo que non é posible identificar un único foco orixinario para o apelido correspondente. Os topónimos Freixeiro deben o seu nome a un derivado do común freixo (latín fraxinus), nome de árbore. Coma nos outros casos, dado que a forma oficial dos topónimos é Freixeiro, así debe escribirse a forma restaurada do apelido.

 
Arriba    
Tope

Mejuto / Mexuto

A documentación que manexamos fainos sospeitar que este apelido foi en orixe un alcume ou sobrenome, aínda que non estamos en condicións de explicar satisfactoriamente a súa etimoloxía. A actual distribución do apelido, que rexistra a maior densidade nos concellos de Melide, Santiso e Agolada, permite situa-lo seu foco orixinario curso alto do río Ulla, nas terras luguesas e coruñesas da Ulloa e de Abeancos e en parte das pontevedresas de Deza. O consultante di que está a utilizar desde hai anos a forma Mexuto pero que non sabe se é a correcta. Nós cremos que si.

 

Publicado no Semanario A Nosa Terra (nº 925 - 9/03/2000 - páx: 17)

 
     
   

Noticias | Quen somos | Que facemos | Campañas | Mediateca | Lexislación
Ligazóns
| Colectivos | Especiais | Tenda | Asóciate