A Mesa pola Normalización Lingüística
Noticias
Quen somos?
Que facemos?
Campañas
Mediateca
Lexislación
Ligazóns
Colectivos
Especiais
Tenda
Asóciate


DOCUMENTACIÓN ADICIONAL

PORQUE TODO DEREITO IMPLICA UN DEBER

 

1. O galego como “dereito e deber” no novo Estatuto é constitucional

Un argumento que se vai repetir moito nas próximas semanas para negar a posibilidade de que o galego sexa recoñecido como “dereito e deber” no novo Estatuto vai ser que se trata dunha opción que non permite a Constitución española en vigor. Porén, é unha opción que non nega a Constitución española, tal e como ben se argumentou para o caso catalán. (O artigo 3.2 da Constitución de 1978 di: “As demais linguas españolas tamén serán oficiais nas respectivas comunidades autónomas de acordo cos seus Estatutos”).

2. O que é constitucional en Cataluña é constitucional en Galiza

O que o marco xurídico constitucional permite para o desenvolvemento do catalán, permíteo tamén para o desenvolvemento do galego. Se o galego fica atrás na renovación do Estatuto, a responsabilidade será das forzas políticas que o consintan e dos axentes sociais que fiquen calados perante a discriminación. O recoñecemento do galego no Estatuto de Galiza non debe estar por detrás do recoñecemento do catalán no Estatuto de Cataluña.

3. O galego é a lingua que máis precisa das garantías dun novo Estatuto

Mentres en Cataluña ou Euskadi houbo gobernos autonómicos que desenvolveron políticas que serviron para recuperar e estender eficazmente as súas linguas, en Galiza non só non se desenvolveu o tímido marco legal, senón que mesmo se permitiu a súa vulneración.

Que no Estatuto de autonomía figure o galego como “dereito e deber”, no mesmo nivel que o castelán, ou que conteña unha carta de dereitos lingüísticos, significaría unha garantía de primeiro nivel para que o galego acade, cando menos, os mínimos de cooficialidade de que non goza nestes momentos. Precisamos garantías para que a galeguización do ensino, o uso do galego nos medios públicos, nas administracións, etc, non dependa da maioría electoral conxuntural nin da mobilización permanente da sociedade civil.

4. En 1983, o Parlamento galego aprobou xa por unanimidade que o galego debería ser “dereito e deber”

Mentres o Estatuto de 1980 sinala no seu artigo 5.2 que “Os idiomas galego e castelán son oficiais de Galicia e todos teñen o dereito de os coñecer e de os usar”, a Lei de Normalización Lingüística aprobada por unanimidade no Parlamento galego en 1983 ía máis alá e sinalaba que todos os galegos teñen o deber de coñecelo e o dereito a usalo. O Goberno central impugnouno e o Tribunal Constitucional anulou dito artigo.

A interpretación que fan moitos xuristas é que tal recoñecemento debe aparecer no Estatuto (que é onde di a Constitución actual que debe figurar) e non como unha lei. Agora é o momento de retomar o consenso de todas as forzas políticas para aprobar iso mesmo, mais xa con todas as garantías.

5. O actual Estatuto recoñece que o galego é a “lingua propia”, porén na práctica déixao nunha situación secundaria a respecto do castelán

Resulta contraditorio o feito de que o actual Estatuto, de 1980, sinale como galego como lingua propia, mais non lle conceda unha posición de cooficialidade análoga ao castelán. Mentres ao castelán lle garante a Constitución a súa posición predominante de “dereito e deber”, o Estatuto non presenta tales garantías para o galego. Deste xeito, prodúcese unha situación de “cooficialidade subalterna”.

Como resultado, asistimos nestes 25 anos a unha discriminación permanente da nosa lingua: o galego está moi por debaixo dos mínimos de cooficialidade. Neste ano 2006, continúa habendo delegacións da Administración que non teñen formularios en galego, xuíces e xuízas que se negan a oficiar vodas nesta lingua, notarios/as que obstaculizan o uso do galego, pais e nais que non poden escolarizar as súas crianzas no seu propio idioma, etc.

 

ALGÚNS TEXTOS QUE EXEMPLIFICAN

A POSIBILIDADE E NECESIDADE DE CAMBIAR

O STATUS DO GALEGO NO ESTATUTO GALEGO

 

Tradución da entrevista a Alfredo Pérez Rubalcaba en El País o 5 de febreiro de 2006, páxina 23:

P. O Tribunal Constitucional en 1986 considerou inconstitucional un precepto dunha lei do Goberno galego, daquela do PP, que consideraba un deber falar e coñecer o galego. Isto non afecta a Cataluña?

R. Sobre a lei galega, que é moi relevante que fose o PP quen a propuxese, o Constitucional formula, entre outras cousas, que a norma que propón Galiza, unha lei, é insuficiente para regular o deber de coñecer o galego en Galiza.

P. Se o fixese polo Estatuto en lugar de por unha Lei, o Constitucional admitiríao?

R. Hai xurisprudencia que permite avalar que sería constitucional. E ten unha lóxica: a Constitución di que o castelán é a lingua oficial de España e a continuación estabelece o deber e o dereito de coñecer o castelán para todos os españois. E di tamén que o galego, o catalán, o euskera son linguas oficiais nas respectivas comunidades autónomas de acordo cos seus estatutos. Por tanto, o dereito e o deber de coñecer esas linguas ha de estabelecerse nos estatutos, que forman parte do bloque de constitucionalidade. Segundo, trátase dun deber impropio, que non ten sanción como pasa co castelán. A ninguén o castigan en España por non coñecelo. É máis, en España outorgamos a nacionalidade a persoas que non saben castelán. A Constitución tamén estabelece que o españois teñen o dereito de traballar e non se persegue a ninguén por non o facer. O rexime que se estabelece é o que está en vigor desde hai máis de 20 anos e garante a opcionalidade, que significa que cada cidadán en Cataluña exixe a lingua en que se manexa e en que se dirixe á Administración. Non hai cambios, pois, da perspectiva cotiá no rexime lingüístico de Cataluña.

Tradución dunha parte do Informe sobre la Reforma de l’Estatut, do Institut d’Estudis Autonòmics (xullo de 2003; o subliñado foi acrecentado):

O tratamento que o Estatut debería dar a un tema tan fundamental como o da lingua ben podería merecer un tratamento amplo e específico. Non obstante iso, no presente relatorio xa se fixo referencia a esta cuestión ao longo das diversas epígrafes que o integran, polo cal dedicamos estas liñas a expor posíbeis técnicas xurídicas, até agora non comentadas, dirixidas a reforzar a posición da Generalitat neste ámbito.

Unha destas técnicas sería a de incorporar ao Estatut un recoñecemento explícito da competencia da Generalitat en materia lingüística, invertindo a situación actual en que esta competencia se tivo que recoñecer de xeito indirecto, e con algunhas incertezas, sobre as previsións do artigo 3 do Estatuto de Autonomía de Cataluña. Por esta vía poderíase afirmar expresamente a competencia da Generalitat para regular o uso do catalán e para estabelecer medidas de normalización desta lingua en calquera dos ámbitos en que o requira a efectividade do principio de igualdade material do catalán.

A partir de aquí, e para unha maior seguranza, o Estatut podería apuntar cara a solucións máis concretas que poderían deducirse con naturalidade das previsións contidas en preceptos constitucionais como os artigos 3.2 (cooficialidade da lingua catalá en Cataluña, de acordo co seu Estatuto), 3.3 (a riqueza das diferentes modalidades lingüísticas de España é un patrimonio cultural que será obxecto de especial respecto e protección) e 20.3 da Constitución Española (garantía constitucional do respecto ás diferentes linguas de España nos medios públicos de comunicación social), así como do carácter do catalán como lingua propia de Cataluña (artigo 3 do Estatuto de Autonomía de Cataluña).

Entre estas solucións poderíase nomear o uso preferente do catalán por parte de todas as administracións situadas en Cataluña; o recoñecemento do dereito dos cidadáns a utilizar o catalán e a ser atendidos en calquera das linguas oficiais nas súas relacións coas administracións públicas e coa Administración de xustiza; o estabelecemento do deber de coñecemento para os servidores públicos; o uso do catalán en todos os instrumentos e rexistros públicos; a atribución ao catalán da condición de lingua vehicular do ensino; o deber de fomento e promoción do catalán nos medios audiovisuais controlados polo Estado; a incorporación do catalán ou do dereito de opción lingüística dos cidadáns en relación cos documentos adminstrativos de carácter persoal, etc. Previsións que se poderían completar con aquelas outras que se entendan convenientes para garantir o uso social do catalán, dentro do rexime de dupla oficialidade que deriva da Constitución.

Nesta liña, unha das decisións máis importantes que se poderían adoptar, previa valoración da súa oportunidade política, sería a de incorporar o deber de coñecemento do catalán no Estatut, opción que a Constitución non obriga a descartar. En efecto, do feito de que a Constitución só se refira ao deber de coñecer o castelán, despois de cualificar esta lingua como a lingua española oficial do Estado (art. 3.1), non se ha de deducir necesariamente que o Estatuto non se poida inclinar, á súa vez, polo estabelecemento do deber de coñecer o catalán, un deber que se pode considerar como unha consecuencia natural do carácter oficial ou cooficial do catalán.

É máis, neste punto pódese chegar a soster que estamos perante unha auténtica remisión constitucional ao Estatuto, xa que, segundo a Constitución, as linguas españolas diferentes do castelán “serán tamén cooficiais nas respectivas comunidades autónomas de acordo cos seus Estatutos” (art. 3.2). O proceso de ensino e de normalización do catalán proseguido nos últimos vinte e cinco anos e o feito de que o Tribunal Constitucional non negase a posibilidade de deducir esta consecuencia do carácter oficial do catalán poderían constituír dous argumentos adicionais para amparar unha solución como a defendida. Doutra banda, o estabelecemento deste deber non tería efectos meramente simbólicos, xa que o rexime de oficialidade do catalán ficaría equiparado, en Cataluña, co propio do castelán. Noutras palabras, o coñecemento da lingua catalá poderíase presumir, presunción iuris tantum que só decaería nos casos en que se producise un descoñecemento efectivo do catalán.

Extracto do libro Estatuto xurídico da lingua galega, de A. Xavier Ferreira, Alba Nogueira, Anxo Tato e Luís Villares, Edicións Xerais, Vigo, 2005, pp. 35-36.

(...) A Constitución expresamente remite a un recoñecemento posterior das outras linguas oficiais que se entende debe ser efectuado polos poderes autonómicos no exercicio do seu autogoberno. Do mesmo modo que a Constitución non establece cales son as outras linguas oficiais, senón que son os Estatutos de Autonomía os que fixan o carácter oficial e o alcance da propia oficialidade das linguas, tamén sería unha interpretación válida do texto constitucional o entendemento de que os dereitos e deberes lingüísticos que dimanan desa cooficialidade serán fixados por quen ten a potestade de determinar as outras linguas oficiais.

Hai que ter en conta ademais que o contexto histórico-lingüístico no que se aproba a Constitución era de profunda discriminación e de analfabetización dos cidadáns no coñecemento das linguas propias distintas do castelán, polo que unha declaración explícita dun deber de coñecemento destas linguas se entendía como unha medida pouco coherente ou descoñecedora da situación na que se atopaban naquel momento –moi diversa á do castelán–. Polo tanto unha interpretación da Constitución nestas claves tamén permite ver que a omisión do constituínte non ten necesariamente que ser interpretada como unha prohibición, senón máis ben como unha remisión ás Comunidades Autónomas da configuración do marco lingüístico propio.

De feito, se ben a maior parte das Comunidades Autónomas non estableceron ese deber, si configuran o contido e alcance da oficialidade das linguas no seu territorio con máis detalle do que fixaba a Constitución española. Ademais no caso de Cataluña o propio Estatuto menciona os deberes nunha redacción ambigua pero que non deixa dúbidas sobre a intención de configurar a oficialidade como un conxunto de dereitos e deberes para os poderes públicos e os cidadáns (art. 3.3: A Generalitat garantirá o uso normal e oficial dos dous idiomas, adoptará as medidas necesarias para asegurar o seu coñecemento e creará as condicións que permitan alcanzar a súa plena igualdade no que se refire aos dereitos e deberes dos cidadáns de Cataluña).

Existe, por conseguinte, unha certa contradición na xurisprudencia constitucional en relación co alcance que pode ter a normativa autonómica na configuración do marco lingüístico. Por unha banda, o Tribunal Constitucional parece admitir que mentres que o marco dos dereitos e deberes lingüísticos do castelán aparece definido na Constitución non sucede o mesmo coas outras linguas oficiais –que quedaban condicionadas ao que dispuxesen os Estatutos de Autonomía como normas institucionais básicas das Comunidades Autónomas e correspondíalles a estes realizar a declaración de oficialidade e darlle contido–.

É certo que os Estatutos foron neste aspecto bastante parcos como consecuencia do momento histórico, pero tamén aí o Tribunal Constitucional deu pasos que favorecían unha interpretación bastante menos restritiva que a finalmente adoptada en relación co deber de coñecemento das linguas. Unha manifestación clara neste sentido é o recoñecemento de que pode ser o lexislador autonómico o que estableza o marco lingüístico da lingua propia aínda sen existir ningunha competencia expresamente recoñecida neste sentido na Constitución e, de modo fundamental, que esta normativa autonómica ten efectos en todo o territorio autonómico e para todas as Administracións públicas, incluídas a estatal e a local. Se se admite que da esquemática declaración constitucional en relación coas linguas se pode extraer unha verdadeira competencia en materia de apoio e normalización, e que esta competencia permite xerar todo un catálogo de dereitos e deberes (ex. dereito ao uso da lingua na relación cos poderes públicos, deber de coñecemento para o acceso á función pública, deber de coñecemento para os estudantes) que non aparecen mencionados na Constitución –xustamente porque se considerou que debían ser os poderes autonómicos os que delimitaran o seu alcance–, parece difícil compartir o razoamento de que, en cambio, esta normativa autonómica non pode introducir o deber de coñecer a lingua propia tan só polo feito de que a Constitución non o mencione.

O artigo 3 da Constitución é claramente o punto de partida da regulación lingüística no Estado español e non un relatorio pechado de dereitos e deberes. Así se deduce do seu teor literal e así o recoñeceu o Tribunal Constitucional. Con todo, esa mesma interpretación non é a que prevalece cando se exclúe o deber de coñecemento das outras linguas. A expresa mención da Constitución ao deber de coñecer o castelán que conduce ao Tribunal Constitucional a excluír un deber paralelo con respecto ás outras linguas debería ser interpretada en liña co resto da xurisprudencia constitucional na materia. Esta xurisprudencia é, como xa dixemos, clara: os dereitos e os deberes lingüísticos debe fixalos quen ten competencia, que é o lexislador autonómico. E o deber de coñecemento xeneralizado das linguas cooficiais é certamente un deses deberes da configuración autonómica.

Fragmento do artigo “O galego, obxección de conciéncia”, publicado por Ricardo Carvalho Calero tras a sentenza do Tribunal Constitucional que anulou o artigo da Lei de Normalización Lingüística que indicaba o galego como dereito e deber:

 ¿Que sentido pode ter a obrigatoriedade do ensino da nosa língua se non cabe o deber de coñecé-la por parte dos galegos? ¿E que sentido ten que a nosa língua sexa língua oficial en Galiza se non teñen por que coñecé-la os que a teñen por língua oficial? ¿Que significa que o galego é a língua própria de Galiza se non rexe o deber de coñecé-la e, portanto, o de estudá-la? Unha língua oficial que non hai obriga de coñecer nen, portanto, de estudar, ¿como funcionará oficialmente? A língua oficial ¿non é precisamente a que non poden excusar-se de coñecer os suxeitos á correspondente ordenación xurídica? Se eu non teño o deber de coñecé-la, como o meu fillo vai ter o deber de estudá-la? E se ninguén ten o deber de coñecé-la nen de estudá-la, ¿por que se chama língua oficial? (...)

Segundo tal critério, na prática o galego seria unha língua para obxectores de conciéncia. O galego seria no seu uso unha obxección de conciéncia. Asi como aos secuaces de certas seitas relixiosas se lles dispensa o uso das armas, asi aos secuaces da seita galeguista se lles dispensaria o uso da língua estatal. Como os primeiros poden facer o servizo militar en calidade de enfermeiros, aos membros desa seita marxinal que se chama galeguismo se lles permitiria o uso oficial da sua língua. E esa seria toda a cooficialidade do galego. Unha situación análoga á da toleráncia de cultos na Constituizón de 1876.

 

Documento elaborado pola Mesa pola Normalización Lingüística
     
   

Noticias | Quen somos | Que facemos | Campañas | Mediateca | Lexislación
Ligazóns
| Colectivos | Especiais | Tenda | Asóciate