|
Un reto histórico para o galego:
PORQUE TODO DEREITO IMPLICA UN DEBER
O debate dun novo Estatuto de Galiza supón unha oportunidade extraordinaria para que o galego dea un importante salto cualitativo no actual marco xurídico. A Mesa pola Normalización Lingüística, que festexa os seus 20 anos ao servizo do galego neste 2006, ten que ser capaz de estar á altura do que o momento histórico demanda. Conseguir que o galego non estea por debaixo do castelán e que exista unha carta de dereitos lingüísticos recoñecida nun primeiro nivel, con todas as garantías, é un dos nosos obxectivos estratéxicos. Por iso, desde A Mesa non podemos tratalo de ningún xeito como se fose unha campaña máis.O reto prioritario é conseguir que no novo Estatuto se incorpore o deber de coñecemento do galego, un aspecto sobre o cal xa existiu no seu día un importante consenso entre os partidos políticos en Galiza, mais que agora se pode ver dificultada na súa formalización concreta debido ás dinámicas políticas estatais.
PROPOSTAS DE PARTIDA DESDE A MESA POLA NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA PARA O GALEGO NO NOVO ESTATUTO DE GALIZA:
- Uso preferente por parte de todas as administracións situadas en Galiza, o cal inclúe os concellos, a Administración Xeral do Estado e a administración de xustiza. O cadro de persoal e funcionariado ao servizo dos poderes públicos de Galiza teñen o deber de usar o galego como lingua preferente no desempeño das súas funcións.
- Outorgar ao galego a condición de lingua vehicular no ensino non universitario.
- Uso preferente do galego nos medios de comunicación públicos en Galiza, incluíndo por tanto a RNE e TVE.
- Garantir o dereito de opción lingüística por parte da cidadanía tamén nas empresas e entidades que ofrecen servizos xerais á cidadanía.
- As xuízas, xuíces e maxistradas/os, as/os fiscais, as/os notarias/os, as/os rexistradoras/es da propiedade e mercantís, as/os encargadas/os do Rexistro Civil e o persoal ao servizo da Administración de xustiza, para prestar os seus servizos en Galiza, han de acreditar que teñen un coñecemento adecuado e suficiente do galego como para garantir o dereito de opción lingüística.

Aquí podes descargar
este documento en PDF
A Mesa pola Normalización Lingüística |
 |