A Mesa pola Normalización Lingüística
Noticias
Quen somos?
Que facemos?
Campañas
Mediateca
Lexislación
Ligazóns
Colectivos
Especiais
Tenda
Asocia-te


MANIFESTO “CINE GALEGO EN GALEGO”

A continuación, reproducimos este manifesto emanado do próprio sector audiovisual e ao que aderiu tamén A Mesa pola Normalización Lingüística:

Asinamos o presente documento profesionais de diferentes ámbitos do Sector Audiovisual Galego, pero tamén artistas, autores e profesionais doutros sectores relacionados con este. A todos nos une a implicación e o compromiso co desenvolvemento dun sistema audiovisual propio.

Consideramos que o audiovisual galego, para gozar de madurez na súa articulación industrial e expresar desde a diversidade e pluralmente a riqueza creativa da nosa cultura viva, ten que desenvolverse autonomamente. Cos apoios necesarios, pero sen que os grupos partidarios nin de interese económico marquen o futuro do noso sector.

Co exposto neste Manifesto queremos formular a necesidade de protección do audiovisual galego e expresar a nosa inquietude e o noso interese pola cultura e pola lingua galega. Unha inquietude e un interese que se traducen en compromiso explícito.

  1. Cine Galego é aquel rodado e falado en Galego. A protección e a salvagarda da lingua galega ten que ser a primeira prioridade de tódalas institucións públicas involucradas no desenvolvemento do Sector Audiovisual Galego e o compromiso activo dos profesionais e das empresas do sector.
  2. Consideramos a cuestión da lingua como o valor máis obxetivo de defensa da cultura propia. Non excluímos o castelán como elemento presente na cultura de Galicia nin pretendemos impoñerlle a ninguén a lingua coa que desexe traballar. Pero afirmamos e defendemos que a lingua galega ten que ser a base, e nunca a superficie, da obra audiovisual galega.
  3. Non é posible atopar outros criterios para falar dun Cine Galego se non é o protagonismo da lingua galega na producción e na exhibición dos productos. O audiovisual galego pode e debe tratar toda clase de temáticas, e rexeitar de facto a falsa dicotomía entre o "galego" e o "universal". Pero os temas tratados non lle achegan ás nosas produccións ningún sinal de identidade se non teñen na lingua galega o seu vehículo de comunicación.
  4. Os criterios para axudas públicas non poden depender de cotas e porcentaxes. A participación en proxectos do cine español por parte de empresas galegas e as súas valoracións artísticas ou industriais non poden sobrepoñerse á cuestión diferencial do idioma, sen excluir que os proxectos non galegos se acollan a outros Marcos de Protección.
  5. Protexendo a lingua protexemos os profesionais e a industria galegas, creando uns alicerces sólidos para un futuro audiovisual que se afaste da especulación politica e económica. A creación dun verdadeiro e duradeiro audiovisual en Galicia só será posible mediante a defensa e o compromiso coa nosa lingua e a nosa cultura.

Con estes obxetivos queremos manifestar á sociedade galega e ós axentes e institucións involucrados no desenvolvemento do audiovisual que nos momentos actuais de crise o "Feito Cutural" é o único garante da nosa industria. É, á parte do noso talento, o valor engadido que nos permitirá poder falar dun audiovisual propio, dunha cinematografía galega. Non atender a el será renunciarmos a estar no mundo, conformarnos con ser os restos pouco significantes doutro sector.

CO GALLO DO DÍA DAS LETRAS GALEGAS DO ANO 2003

     
   

Noticias | Quen somos | Que facemos | Campañas | Mediateca | Lexislación
Ligazóns
| Colectivos | Especiais | Tenda | Asóciate