O galego,
sempre en conta
Carlos Manuel
Callón
Presidente da Mesa pola Normalización
Lingüística
O noso idioma non pasa polos seus mellores
momentos. Cada vez é máis difícil
viver o galego como língua espontánea
e natural. Continua descendo o seu uso dunha
xeración a outra e non se producen adiantos
reais na sua introdución en ámbitos
de prestíxio e poder: administración,
xustiza, ensino, empresariado, etc. A agudización
da diglosia e o narcotizador discurso de bilingüismo
harmónico levaron a que as persoas e
grupos máis preocupados polo galego tendésemos
a reducir o noso traballo en favor da sua recuperación
e extensión social. Canto pior sexa a
situación, e sen termos unha táctica
de resposta, máis aumenta o pesimismo.
E a conclusión parece clara: a língua
non se pode recuperar sen que se perciba unha
demanda real e permanente de normalización.
Non podemos permitir que esta pasividade gañe
a batalla e que se naturalice a subordinación
do idioma. O galego debe regresar á primeira
orde do debate público. Nesa liña
de retomar a tensión normalizadora, diferentes
organizacións imos comezar cunha campaña
para a introdución do galego no sector
bancário e de aforro. Escolleu-se este
obxectivo tanto polo seu prestíxio e
incidéncia social como por se tratar
dun espazo case totalmente desgaleguizado.
Queremos que calquer cidadán ou cidadá
da Galiza vexa garantido o seu elemental direito
a receber información no idioma próprio
do país. Que as comunicacións
do banco nos cheguen en galego, que podamos
contratar unha hipoteca no noso idioma, que
o caixeiro tamén teña a opción
da nosa língua, etc. Nen máis
nen menos que o que unha madrileña pode
facer en castelán ou un barcelonés
en catalán.
Non hai nengun argumento sério para
negar un direito tan básico, mais non
o poderemos lograr se non nos implicarmos todas
e todos, individualmente, en facer esa solicitude
de uso do idioma diante do noso banco ou caixa.
Nesas estamos. |