A Mesa pola Normalización Lingüística
Noticias
Quen somos?
Que facemos?
Campañas
Mediateca
Lexislación
Ligazóns
Colectivos
Especiais
Tenda
Asocia-te

RELATÓRIO SOBRE OS DADOS DE COÑECIMENTO E USO DO GALEGO DO CENSO DE 2001

Os dados do censo de 2001 son ainda provisionais e apresentan certos problemas metodolóxicos, problemas sobre os que terán que falar os especialistas na matéria. De calquer modo, co feito público recentemente xa se poden asinalar alguns trazos xerais da situación actual do idioma galego que contribuan ao debate social.

O traballo fixo-se en base ao inquérito que o Instituto Nacional de Estatística, en colaboración co Instituto Galego de Estatística, realizou a finais do ano 2001, sobre o censo de povoación e vivendas. O total da povoación que participa é de 2.587.407, de modo que é o inquérito máis extenso e actualizado que se pode achar sobre o coñecimento e uso da língua própria da Galiza. Este censo constata tamén que a povoación da Galiza, nos últimos dez anos, diminuiu un 2,3%.

Neste relatório estabelecemos a comparación entre os resultados do censo de 2001 cos que nos achegou o censo de 1991, que tamén introducia perguntas sobre o coñecimento e o uso da língua galega, neste último caso con tres categorias moi xerais segundo frecuéncia de utilización: “sempre”, “ás veces” ou “nunca”.

1. O GALEGO CONTINUA A SER A LÍNGUA MAIORITÁRIA DA GALIZA

Apesar dos desiquilíbrios sociais e legais, apesar da neglixente política lingüística levada a cabo polo Governo galego nos últimos lustros, o galego mantén-se como o idioma maioritário do país en usos orais espontáneos. Aliás, dentro das nacións do Estado con língua própria diferente do español, na Galiza é onde se dá máis coñecimento pasivo do idioma: un 99,16% da povoación di entender o galego, frente ao actual 94,49% que se rexista en Cataluña, p. ex. Ademais, un 91,05% sabe falar en galego. Por mantermos as comparacións, en Cataluña só sobrepasan esa percentaxe no tramo de idade entre os 10 e os 19 anos, tramo etário no que hai un 10% de adolescentes galegos que non afirman saber falar en galego...

Este coñecimento pasivo e a pervivéncia do galego como língua maioritária de uso espontáneo na Galiza (ainda que cada vez máis residualizado nas cidades), fan posíbel que unha política lingüística decidida permita recuperar todo o perdido nestes anos nefastos para o galego.

Ademais, no referente ao uso, no censo de 2001 case un millón e meio de persoas (o 56,85% da povoación) di usar o galego “sempre”, frente ás 783 mil (30,29%) que o fan “ás veces” e 332 mil (12,86%), “nunca”. Este dados evidéncian o desfase existente entre os usos lingüísticos da povoación e as suas garantias para utilizaren o seu idioma cotidiano en todos os ámbitos.

2. RESIDUALIZACIÓN DO GALEGO NAS CIDADES

Nas sete cidades crece significativamente en termos absolutos e relativos o número de persoas que afirman non usar “nunca” o galego. No conxunto da Galiza, duplica-se a cifra: pasa-se dunhas 162 mil a unhas 332 mil persoas que non utilizan en nengun momento o idioma próprio do país. Observe-se este cadro relativo ás sete cidades, onde se asinala o número de persoas que respondian iso no censo de 1991 e as que o fixeron unha década máis tarde:

 
Censo 1991
Censo 2001
A Coruña:
35.655
62.286
Lugo:
06.620
12.163
Ourense:
08.280
14.074
Pontevedra:
06.879
20.699
Santiago:
05.973
09.591
Vigo:
36.284
68.226
Ferrol:
12.220
22.379

Crece tamén, mais moi lixeiramente, o número de persoas que din ser monolingües en galego (que o usan “sempre”), quizá indicativo dun aumento da consciéncia lingüística, e sobretodo evidéncia das dinámicas demográficas das cidades, que perden povoación nova en benefício das zonas periurbanas:

 
Censo 1991
Censo 2001
A Coruña:
38.172
39.414
Lugo:
30.319
34.996
Ourense:
35.284
38.892
Pontevedra:
16.118
23.989
Santiago:
32.000
38.043
Vigo:
50.100
53.007
Ferrol:
10.732
11.376

Mais os dados do censo de 2001 indican tamén que hai algunhas vilas (como Betanzos, Monforte ou O Barco de Valdeorras) que superan mesmo no nível de desgaleguización a algunhas cidades como Lugo, Ourense ou Santiago.

3. ALTÍSIMOS NÍVEIS DE ANALFABETISMO FUNCIONAL EN GALEGO

Crecen lixeiramente as capacidades das habilidades máis vinculadas á alfabetización e á escolarización, mais é elevadísima a percentaxe de mozos e mozas que afirman que non se senten capaces de ler ou escreber en galego. No conxunto da Galiza, entre os 15 e os 19 anos, 20.030 persoas din non saber ler en galego e 24.350 non saber escreber neste idioma. Tamén é especialmente chamativo o dado de que no tramo entre 10 e 14 anos haxa máis persoas que saiban escreber en galego (96,58%) que os que consideran que o saben falar (88,73%). Mais, conforme avanza a escolarización, o nível de desgaleguización aumenta, indicativo de que o problema non está nas aulas de língua galega, senón no escaso ou nulo uso que se fai deste idioma no resto das matérias, de modo que se lle dá o mesmo tratamento que o que pode receber unha língua estranxeira. É especialmente preocupante a neglixéncia da Administración educativa ante esta situación, pois frustra-se o obxectivo de que todos os nenos e nenas escolarizadas terminen coñecendo por igual as duas línguas oficiais ao finalizar o ensino obrigatório. O incumprimento do Decreto 247/95, que marca os mínimos legais de docéncia en galego no ensino non universitário, propícia esta situación de analfabetismo funcional.

4. NON SE ROMPE O DECRECIMENTO XERACIONAL

Os menores níveis de uso do galego como língua habitual dan-se nas xeracións máis novas, nunha clara liña decrecente. Isto, xunto coa crise demográfica, constitue o principal pilar do proceso desgaleguizador, ainda que se deba analisar máis como unha causa que como unha consecuéncia.

CONCLUSIÓNS:

  • O galego continua a ser a língua maioritária da Galiza e, ademais, aquel idioma do Estado diferente do castelán con máis nível de coñecimento entre a sua povoación.
  • Existe un desfase entre a povoación que usa o galego dia a dia e a falta de garantias para exercer os seus direitos lingüísticos, teoricamente recoñecidos.
  • Decrece xeracionalmente o número de persoas que usan o galego con normalidade na sua vida cotidiana.
  • Constata-se a negativa política lingüística da Xunta de Galiza e os efeitos dun ensino desgaleguizador: un de cada cinco mozos ou mozas son analfabetos funcionais no idioma próprio do país.
  • Nesta década, duplicou-se o número de persoas monolingües en castelán, mais iso non impede un coñecimento pasivo do galego, o cal facilitaria o éxito de políticas lingüísticas restauradoras, se as houber.

A Mesa pola Normalización Lingüística, 24 de Novembro 2003

     
   

Noticias | Quen somos | Que facemos | Campañas | Mediateca | Lexislación
Ligazóns
| Colectivos | Especiais | Tenda | Asóciate