A Mesa pola Normalización Lingüística
Noticias
Quen somos?
Que facemos?
Campañas
Mediateca
Lexislación
Ligazóns
Colectivos
Especiais
Tenda
Asocia-te

Principais mudanzas nas normas do galego

A modo de preliminar convén lembrarmos, antes de máis nada, que desde o día 12 de xullo de 2003 o idioma galego posúe unhas novas normas. Ou o que é o mesmo, que a partir dese día as normas do galego foron reformadas pola autoridade legalmente competente, a Real Academia Galega (RAG), segundo dispón a Lei de Normalización Lingüística (Lei 3/1983). E tamén cómpre lembrarmos que tal modificación foi produto dun longo e complicado proceso de debate que finalizou coa consecución dun amplo acordo por que moitos sectores sociais comprometidos coa normalización do galego viñan suspirando desde hai moito tempo. O que resulta sorprendente é que, máis de catro meses despois de se teren aprobado, esas novas normas sexan practicamente clandestinas, pois nin a RAG as editou polo momento nin, o que semella máis grave, a Xunta de Galiza as publicou no DOG, como parecería lóxico e natural, aínda que non sexa estritamente necesario para a súa plena vixencia. E máis sorprendente inclusive resulta que, a raíz do último debate parlamentar sobre o chamado "estado da autonomía", unha proposta de resolución do BNG instando a Xunta a dita publicación no DOG fose rexeitada cos votos en contra do PP e a abstención do PSOE. E así como nos queren convencer de que o galego non debe ser unha cuestión patrimonializada polos nacionalistas senón de todos os partidos políticos? Que ten de facer entón o BNG perante a desidia dos dous partidos estatais, ambos tamén interesados en se chamaren "galeguistas"? Deixar que o galego continúe no proceso de perda de relevancia, sen facer nada por o deter para así non ser acusado de monopolizar ou manipular o idioma? Oxalá que, de verdade, o galego fose unha preocupación de todas as forzas políticas e sociais! Ou, de non ser así, oxalá que a maioría dos galegos e galegas opten por apostaren pola normalización do noso idioma dando o seu voto a quen mellor demostrar o seu compromiso con el.

Dito isto, a realidade é que o galego posúe unhas novas normas ortográficas e morfolóxicas (por tanto non teñen carácter lexical), que en boa lóxica xa se deberían estar aplicando, moi especialmente por parte das institucións oficiais. A seguir, gostaría de glosar algúns aspectos delas que considero relevantes. En primeiro lugar, hai que precisar que estas novas normas son produto do consenso posíbel entre posicións contrapostas e, por conseguinte, para alén de non daren satisfacción completa a todas as partes, manteñen algunhas duplicidades non desexábeis, mais inevitábeis na consecución do acordo, como é o caso fundamentalmente de coller o libro/colle-lo libro e ao/ó, pola súa importancia na visualización do modelo de lingua e tamén pola carga simbólica que adquiriron durante o longo proceso de conflito normativo vivido nos anos pasados. Porén, o compromiso alcanzado fixa un modelo de escrita que se ve reflectido no propio texto en que as novas normas están redixidas e que consagra as dúas solucións anteriores citadas en primeiro lugar, debendo ser o utilizado nos textos oficiais; en consecuencia, o DOG, a produción escrita saída das diferentes Consellarías, os libros de texto escolares etc. non deberán reproducir as variantes alomórficas do artigo (Ler o libro) e terán de representar a contracción coa preposición a nas súas formas de masculino como ao(s), deixando tamén de se reproduciren graficamente as contraccións có(s), cá(s). Aínda que poida parecer que estas mudanzas teñen pouca importancia por xa figuraren dunha forma ou outra nas normas anteriores, porén alcanzan unha grande relevancia ao se inverteren as preferencias e, por tanto, consagraren na práctica un modelo diferente ao que maioritariamente se viña utilizando.

Outros dous casos importantes que se resolveron co mantemento da duplicidade son os dos sufixos -ble/-bel, equiparados na norma mais coa utilización da primeira solución na redacción do texto, e -aría/-ería, neste caso a segunda solución claramente secundarizada a respecto da primeira, que tamén figura no texto das normas. Mantense, así mesmo, a opcionalidade en casos como exaxerar/esaxerar e permítese a utilización dos signos de interrogación e admiración só ao final da cláusula. Entre as mudanzas non opcionais que teñen fundamentalmente carácter gráfico están a eliminación do -c- nos grupos -ct- e -cc- precedidos de -i- e -u-, de modo que só é correcto escribir ditado, conduta etc., a deglutinación dos numerais na serie que vai de vinte e un até vinte e nove (evítase así, como no caso dos signos de interrogación e admiración, un excesivo e inxustificado seguidismo do castelán) e a aglutinación das formas acotío, decontado (que), decontino, decotío, deseguida (que), deseguido, enseguida, apenas, talvez, acarón (de), amodo, devagar (varias delas por admitiren sufixación apreciativa). Estas mudanzas van maioritariamente na liña de reforzaren a autonomía do galego a respecto do castelán, reforzando de paso o sistema lingüístico propio.

Un aspecto moi importante das novas normas é a eliminación dunha serie de formas, normalmente palabras gramaticais de grande uso na lingua, moi cuestionadas canto á súa lexitimidade como formas plenamente galegas e a incorporación doutras non admitidas con anterioridade. Sen dúbida é este un dos trazos máis relevantes da reforma normativa, talvez aínda non suficientemente valorado, pois estas palabras conforman paradigmas moi reducidos de que constantemente debemos botar man como instrumentos gramaticais imprescindíbeis na construción de calquera tipo de texto oral ou escrito. Así, elimínanse os demostrativos esto, eso e aquelo, os multiplicativos triple e cuádruple, e os adverbios ou conxuncións entonces, alomenos, anque, en cambio, nembargantes, sen embargo, tamén marcadores discursivos de grande funcionalidade e especial frecuencia de uso. E incorpóranse o relativo posesivo cuxo, imprescindíbel na lingua culta, e os adverbios, preposicións ou conxuncións, e as correspondentes locucións, até (que), porén, a respecto de, alén (de), aquén (de), após, canto a, no entanto, algunhas tamén de ampla funcionalidade como marcadores do discurso.

Alén destas fórmulas gramaticais, tamén se incorporan palabras lexicais como o verbo ouvir e se adaptan outras cal estudo (e estudar, estudante, estudantil), vogal, pau, bacallau, chapeu, romeu, xubileu, ímpeto, tribo, reitor (e reitorado, reitoría, reitoral) ou seita, todas plenamente documentadas, cando posíbel, na nosa tradición escrita. Como tamén o están diferenza (e indiferenza), espazo (e espazar, espazoso), estanza, graza (e desgraza), licenza, nacenza (e renacenza), novizo, perseveranza, presenza, querenza (e benquerenza, malquerenza), sentenza, servizo ou terzo (e terza feira), que pasan a ser as únicas oficiais, completando así practicamente a serie das palabras terminadas en -zo, -za que progresivamente se foron incorporando á norma (lémbrese os casos de xuicio>xuízo ou xusticia>xustiza en sucesivas edicións, por exemplo), seguindo o acertado criterio da súa autoctonía contrastada. Estas deben ser, pois, as formas utilizadas, incluída a tan usual de agradecemento grazas, que ben se pode converter para quen quixer en graciñas, se isto lle resultar máis natural, aínda que tampouco nada hai na norma que impida utilizar a fórmula obrigado ou obrigadiño. Tamén non hai nada na norma a partir de agora que impida facer uso da forma Galiza, "lexitimamente galega", como nome do noso país, independentemente de que a denominación oficial continúe a ser Galicia.

Aínda se podería resaltar a reordenación dos sufixos e terminacións masculino -án / feminino -á, -ana, e masculino -ón / feminino -oa, -ona, certamente necesitados dunha revisión clarificadora que agora, a meu ver, se levou a cabo con acerto, xuntamente con algún outro aspecto cuxo comentario deberá ficar para outra ocasión. Só cómpre finalizarmos este breve repaso das novas normas co desexo de que sirvan para terminarmos cun conflito que restaba forzas e vontades a prol da causa do idioma, para fixarmos un modelo de lingua máis auténtico e menos dependente daquela que a ameaza nas súas estruturas internas, e para darmos un impulso esperanzador e ilusionante á súa normalización social. Para esta tarefa precísase a acción decidida dos poderes públicos e o compromiso individual e colectivo da sociedade galega.

Xosé Ramón Freixeiro Mato

     
   

Noticias | Quen somos | Que facemos | Campañas | Mediateca | Lexislación
Ligazóns
| Colectivos | Especiais | Tenda | Asóciate