Na procura de mellorarmos o
uso do galego: os marcadores discursivos
Existen na lingua
unha serie de partículas e expresións
gramaticais (ben, pois, mais, logo, por
tanto, por exemplo etc.), chamadas
marcadores discursivos, que posúen grande
relevancia na construción do texto ou discurso e
que teñen unha frecuencia de uso moi alta
principalmente na lingua oral, mais tamén na
lingua escrita; tradicionalmente foron
preteridas nos estudos gramaticais, mais na
actualidade cada vez son obxecto dunha maior e
xusta atención por parte dos lingüistas. Igual
que acontece en xeral con todas as clases de
palabras gramaticais (os diferentes tipos de
pronomes, as preposicións, certos adverbios, as
conxuncións), que constitúen inventarios
normalmente reducidos, ou relativamente
reducidos en comparación coas palabras lexicais,
os marcadores discursivos, aínda dentro da súa
heteroxeneidade, conforman tamén un conxunto
máis ou menos limitado de unidades de aparición
moi frecuente en calquera tipo de construción
textual. Tal frecuencia de uso conduce a un alto
grao de polisemia, a asumiren diferentes
funcións segundo os casos. É, pois, a
multifuncionalidade unha das súas
características, como se pode ver con ben,
ou sexa, entón etc.
Así como son algúns dos marcadores
discursivos máis utilizados os que asumen unha
maior funcionalidade, tamén acontece que son
estes os máis expostos á interferencia do
castelán. Na realidade, pasa o mesmo con
algunhas formas pronominais (mesmo-*mismo,
vostede-*usté, ninguén-*nadie),
adverbios (lonxe-*lexos, agora-*ahora,
onte-*ayer, sempre-*siempre),
preposicións (até-*hasta,
segundo-*según, sen-*sin) ou
conxuncións (mentres-*mentras, se-*si);
ou simplemente acontece que se deixan de usar
algunhas das partículas invariábeis que non
achan correspondencia no español (agás,
perante, porén, após etc.). Se isto está a
acontecer con estas palabras gramaticais e pasa
o mesmo con outras palabras lexicais de grande
uso na vida diaria (avó-*abuelo, Deus-*Dios,
móbel-*mueble, teito-*techo,
forte-*fuerte etc.), lóxico é que a
interferencia castelanizadora afecte tamén os
marcadores discursivos, moitos deles
provenientes das clases dos adverbios, das
preposicións ou das conxuncións. No podían estes
importantes elementos lingüísticos ficaren á
marxe da tendencia xeral seguida pola lingua.
Aínda que existe algún caso de
interferencia do galego no castelán falado na
Galiza, como de aquella ou y luego,
moitos máis son, por suposto, os casos inversos,
aqueles en que os marcadores discursivos do
castelán se introducen no galego. É a súa alta
rendibilidade a que lles confire unha especial
relevancia no avanzado proceso de
castelanización en que a lingua galega se acha
na actualidade e a que os converte en símbolos
representativos da desnaturalización que está a
padecer o galego, pois hoxe resulta totalmente
habitual que unha persoa galegofalante, mesmo
culta e especialmente coidadosa co bo uso da
lingua galega, utilice, inclusive tamén en actos
de grande formalidade, como conferencias,
entrevistas en radio ou televisión, ou outro
tipo de intervencións públicas, certos
marcadores discursivos que deturpan de forma
notábel a galeguidade da súa expresión e que
transmiten o estigma da alleación lingüística.
Poderiamos clasificar, desde a óptica da
interferencia, os marcadores discursivos en
varios grupos: uns tirados directamente do
español (bueno, o sea, vamos a ver, sin
embargo, hombre, en primer lugar, de todas
formas, de todos modos, mismo, hasta, sin duda,
verdaderamente etc.), outros parcialmente
adaptados ao galego (é decir ou quere
decir, de todos xeitos, mentras, anque
etc.), marcadores de dubidosa galeguidade nalgún
caso e perfectamente prescindíbeis (entonces,
alomenos, sen embargo, en cambio, esto é, eso é,
xa desbotados da norma, pero etc.),
marcadores en que alternan formas coincidentes
co castelán de uso maioritario e outras
diferencialistas (en efecto / con
efecto, con respecto a / a
respecto de, en realidade / na
realidade, en canto a / canto a,
ademais / alén de etc.; semella
aconsellábel priorizarmos as segundas),
marcadores plenamente galegos mais preteridos no
uso normal (porén, en canto, en tanto, entre
tanto, até etc.) e, por último, sinais
conversacionais calcados do español (veña!,
vale! etc.).
Un caso especial constitúeo pero, de
grande vixencia na lingua oral e escrita,
coincidente na súa forma e nos seus usos
discursivos co que posúe o castelán como
marcador de contraargumentación que pondera a
suficiencia argumentativa. Dado que a forma
histórica do galego era peró, de onde
resulta a forma sincopada pro, a
explicación máis acaída que se pode achar para o
predominio actual de pero é o feito de
este ser o marcador utilizado en castelán, para
alén doutras explicacións que tamén poderían
lexitimar a forma en galego, mais talvez non o
seu uso esmagador na actualidade. Existindo,
pois, algunhas sospeitas de pero ser un
castelanismo no galego, e tendo en conta o
carácter popular da forma galega pro,
seméllanos recomendábel nun modelo de lingua
culta a súa substitución por mais, con
ampla presenza na nosa tradición literaria
moderna, en especial no século XIX, e en
ocasións por porén, segundo os casos (Le
moito, mais estuda pouco; Mais eu acho
que iso é incorrecto / Porén, eu acho que
iso é incorrecto).
Deixando á parte o caso de pero, de
todos os castelanismos introducidos neste
importante ámbito da expresión lingüística, non
hai dúbida de que o máis frecuente e chamativo,
debido tamén á súa multifuncionalidade, é
bueno, verdadeiro retrouso omnipresente en
calquera acto conversacional, popular ou culto,
formal ou informal, desenvolvido en lingua
galega e inclusive tamén nos monólogos da máis
diversa condición, totalmente rexeitábel e
facilmente substituíbel por ben ou
bo(n). De conseguirmos erradicalo, xunto cos
demais marcadores discursivos que son produto da
interferencia, a autenticidade do galego na súa
audibilidade ou na súa visualización escrita
sairía altamente reforzada.
As persoas que pola súa relevancia social
adoitan aparecer nos medios de comunicación
teñen nisto unha especial responsabilidade, así
como o profesorado de lingua galega. Tamén as
institucións públicas de Galiza deben velar pola
boa saúde do idioma. Un paso importante neste
sentido deuno recentemente a Real Academia
Galega ao aprobar a reforma das normas oficiais,
pois eliminou o uso de formas como entonces,
en cambio, anque, eso (é) e esto (é),
nembargantes, sen embargo ou alomenos, e
introduciu outras como porén, no entanto, após,
até, aquén e alén (de), canto a ou a
respecto de. A importancia destas mudanzas
na norma é moito maior do que nun principio
puider parecer, por todo o dito anteriormente.
De todas e todos os utentes do idioma vai
depender a súa eficacia, sempre na procura de
preservarmos a nosa identidade lingüística e de
evitarmos a deturpación alleante do galego,
nomeadamente no plano oral. E se aínda
prescindísemos da dependencia do castelán
nalgunhas escollas lexicais (computador e
non ordenador, elevador e non
ascensor, atendedor e non
contestador, parabéns e non
felicidades etc.), estariamos a garantir
mellor a calidade do noso idioma e tamén o seu
futuro.
Xosé Ramón
Freixeiro Mato
A Nosa Terra,
nº1.103, 6-12 novembro de 2003
|