|
CONSTITUCIÓN DA MESA POLA
NORMALIZACIÓN
Antón Avilés
de Taramancos
Xa non debia ser normal que nunha nación que
escomenzou a andadura do seu idioma cun dos máis
grandes monumentos literários da cultura universal
como son as Cantigas ou a Crónica Troiana,
unha língua na que a traveso dos tempos floreceran
desde os poemas de Martin Códax á fonda
poesia de Rosalia, de Manoel António, de Pimentel
ou Cunqueiro, que puxeron a ardentia da sua palabra
no mesmo cume dos mellores do mundo, xa non debía
ser normal digo, que teñamos que andar agora
a instituir Mesas a prol da normalización para
que o povo que criou a língua teña que
facer o esforzo de non deixala acabar por mor da desídia
oficialista, do enfrentamento dunha capa social que
perdeu as suas señas de referéncia,
e da imposición secular dun idioma alleo que
non só se impremeu nos papeis senón
tamén nos cerebros vácuos dos nosos
persoeiros que se volveron sempre en capataces afervoados
dun poder que dislocou a nosa fonte natural de expresión
e entendimento.
Un país ao que se lle poñen trabas
políticas e burocráticas para que o
seu idioma sexa o médio normal de comunicación
en todos os seus estamentos e órganos de funcionamento,
é un país que está a ser sobnormalizado,
que está a sofrer un dos embates máis
escuros en contra da sua persoalidade e do seu desenvolvemento,
e que lle priva de alcanzar dediante do mundo o pleno
florecemento do seu saber. Nunca seremos nós
mesmos se nos temos de expresar nun língua
emprestada. Nunca o verdadeiro fondo dos nosos pensamentos
sairá á luz se o temos que facer por
un intermediário. Estaríamos, pois,
eivados socialmente diante das nacións do universo,
se deixando perder un dos veículos de cultura
que afortalou as bases da nosa civilización,
nos acolleramos con indiferéncia e sen loita,
a unha língua estranxeira, que por importante
que sexa nos seus ámbitos, como o son todas
as línguas, non transcrebe fidelmente esa nídia
sensación de intimidade e de forza legal que
nos da a língua própria.
Estamos hoxe aquí na seguridade e convencimento
de que actuamos con lealdade ao noso povo e á
nosa História. Ao noso povo tan agredido mentalmente
que as máis das veces xa non se recoñece
a sí mesmo.
O noso propósito non é de solicitar
senón de esixir ás nosas autoridades
de governo, que son parte deste povo ainda que non
anden disfarzados, que o galego flua normalmente na
Administración, no Ensino e nos Médios
de Comunicación, sen interferéncias
e sen menoscabo, pola própria valia e polo
seu próprio dereito como médio de expresión
irremprazábel.
A Administración está lonxe de asumir
estes preceitos; no Ensino non se fixeron máis
que encanos nunha vella roupaxe chea de máculas.
E, aparte dos intentos que son de agradescer e mellorar
na rádio e na televisión, no tocante
á prensa escrita estamos a sofrer un retroceso
que nos pon no túnel dos séculos escuros.
Non hai prensa galega agás A Nosa Terra, e
o seu comportamento é neste intre de provocación
e de desafio, non só non publican en galego
senón que as mesmas frases que alguén
manifesta sobre calquer acontecemento relevante, son
traducidas para abondar ainda máis na sua estratéxia
de impor outro idioma ou de defenderse do noso, como
se o verdugo protestara porque a vítima berra
moito na hora da agonia. Non son válidos os
pequenos retouzos folclóricos que poñen
de vez en cando, cando lle sobra un recanto, despois
de expoñer extensamente ao mellor duas páxinas
sobre o cine húngaro ou das lacras que temos
de enxofrar, é un dos enemigos máis
constantes e feros da nosa cultura e da nosa identidade
como povo, que é quen a sostén economicamente
e que non se ve reflexado nela coa dignidade correspondente.
Ao constituir hoxe esta Mesa queremos deixar claro
que non estamos en contra de nengunha língua
no seu próprio ámbito, e que cantas
máis se aprendan mellor para podernos comunicar
coas diversas culturas do universo. Pero queremos
facer constar que a nosa língua é a
única que fai de nós un povo civilizado,
e de que temos o dereito irrecusábel de que
cubra todos os estamentos e órganos de expresión
na nosa pátria. Que calquera outra fai de nós
un povo colonizado que ten de recurrir a estraños
códigos para dicir o que sente. Nós
estamos na defensa do que é de natural de nós
mesmos, e temos de continuar enaltecendo-a para que
sigan aflorando as páxinas dese gran monumento
literário que escomenzou hai oitocentos anos.
Iso é o que ninguén vai a facer por
nós.
RIVEIRA, 23-10-86
|
 |