|
“Até
cando (atacando) a lingua?”
por Vítor Vaqueiro
(Publicado n’A Nosa Terra nº 1152)
Teño perante os meus ollosunha carta
dirixida ao conselleiro de Educación
e Ordenación Universitaria. Nela "os
abaixo firmantes (sic)" (...) manifestan
a súa "preocupación polos
apercibimentos baixo ameaza de expediente que
están a chegar a algúns profesores
de institutos", engadindo que "a meirande
parte dos profesores obxecto de ameaza de sanción
non teñen unha actitude de rexeitamento
do galego, ao que respetan (sic) e fan esforzos
para que se empregue", aínda que
-sinalan- empregan o español porque é
a lingua na que achan que "creen (sic)
poden desenvolver con competencia o seu labor".
Seguen consideracións como que teñen
unha chea de problemas que "agora non imos
a (sic) enumerar", e finalizan postulando
"que son outros os medios" e instando
a que se "deteña o proceso emprendido".
Certamente, un non acaba ben de comprender
o sentido da carta. Os profesores que asinan
o escrito recoñecen que non dan as aulas
que obrigatoriamente deben dar en galego,
non por actitude de rexeitamento, senón
por unha cuestión de incompetencia. Un
pode perguntarse, licitamente, se son merecentes
de se denominaren profesores persoas que, en
21 anos non foron quen de ser competentes nunha
lingua romance con semellanzas co español.
Actitude contraditoria, aliás, cun dos
parágrafos da súa carta na que
apontan que "fan esforzos por que se empregue"
o galego. Se hei ser sinceiro, non son quen
de ver por ningures os esforzos de emprego do
galego feito por estes profesores. O único
"esforzo" válido é impartiren
as aulas en galego.
Aos profesores que asinan o escrito non se
lle está a pedir ningún esforzo,
ningunha acción inxusta que ultrapase
as súas obrigas. Da mesma maneira que
-como ensinantes- non é un esforzo chegaren
pontualmente aos seus centros de traballo, nin
-como cidadáns- non circularen por direccións
prohibidas, non é esforzo ningún
cumprir a lei. Se comportamentos irregulares
dentro do mundo laboral levan aparellada a correspondente
punición, o incumprimento da lei en materia
de lingua debe ser sancionada. Porque, perguntarílles
eu aos profesores, cales son eses "outros
medios" se dúas décadas non
foron quen de deslocalos da súa posición
inicial, sinaladamente cando profesores de Zamora,
Madrid ou Euskal Herria están a impartir
aulas en galego? Sería interesante concretaren
o seu camiño normalizador e de concreción
da lei que, como todo cidadán, teñen
de cumprir, aínda que non lles goste,
o mesmo que outros cumprimos leis que nos desagradan.
Outra opción, lícita e democrática,
e se mobilizaren para trocar a lei.
|