A Mesa pola Normalización Lingüística
Noticias
Quen somos?
Que facemos?
Campañas
Mediateca
Lexislación
Ligazóns
Colectivos
Especiais
Tenda
Asocia-te

Normativización e normalización: son horas de decidirmos

Estase a dicir sempre, constantemente o repetimos, e non só cando cantamos o noso himno nacional: "os tempos son chegados", neste caso tamén para a tomada de decisións individuais e colectivas canto á "questione della lingua" na Galiza, tanto no referente á planificación do corpus como do status, ou se quixermos, no que afecta a normativización e a normalización. Talvez xa non fique moita máis marxe para as medias tintas ou para a ambigüidade calculada. É hora de as persoas implicadas -a maioría, por desgraza, vive á marxe do tema- se definiren e de as institucións se decantaren. A situación por que pasa o galego xa non dá para moito máis.
     Levábase moito tempo demandando un consenso arredor da norma e criticábase a incapacidade duns e doutros, dos discrepantes sobre todo, para conseguiren forzar ou concitar o acordo. Moitas desas críticas proviñan de sectores pouco proclives aos avanzos sociais do idioma, que utilizaban as disputas normativas como desculpa para a inacción. Ben, pois agora que o acordo se produciu, algúns dos que o exixían como condición indispensábel para se sumaren á causa nin tan sequera se queren dar por enteirados da súa existencia, e quen debía ter a máxima urxencia por o publicitar, aplicar e facer cumprir declárase á marxe do tema. Semella que a existencia mesma do acordo os incomodase ao ficaren sen a fácil desculpa que precisaban para tan morna actitude perante a lingua. Mais agora chegou o momento da verdade para todos e cómpre tomar posicións claras: ou a favor ou en contra, ou para diante ou para atrás. Onde se viu que a iniciativa privada teña de substituír a obriga institucional de dar a coñecer o que é disposición legal común? Como se pode tolerar a competencia entre institucións por manteren oculta unha norma que tamén a elas obriga? Están a favor ou en contra do seu cumprimento?
     Mais tamén individualmente é necesario definírmonos: queremos ou non un galego cunha norma estábel maioritariamente aceptada, un galego máis acorde coa súa historia e menos dependente do castelán? Ou preferimos un galego cunha norma que nos divida e que non garanta a debida autonomía a respecto da lingua oficial do estado? Queremos un galego socialmente prestixiado ou preferimos un galego caótico na escrita e minusvalorado? Se optarmos pola estabilidade da norma, será necesario facermos o esforzo de a coñecer e a practicar con coherencia. Pode ser tamén que haxa quen non considerar válida a nova norma por pensar que esta debe ser a do portugués, adaptada ou non ás peculiaridades do galego. É outra opción que entra dentro do ámbito de decisión particular e que, en calquera caso, cómpre respectarmos. Posibelmente algunhas persoas, ou talvez moitas, quererían unha norma oficial estábel máis próxima do portugués, máis reintegracionista, aínda que están dispostos a acataren esta por pragmatismo e por non danaren o prestixio do idioma. Ora, por veces eses desexos teóricos de maior aprofundamento nas mudanzas da norma non se corresponden coa práctica idiomática seguida por tales persoas, pois non tiran delas, posibelmente por rotina ou comodidade, todas as posibilidades que conteñen. Para que máis transformacións na norma, cabería pensarmos, se non se aproveitan as xa existentes?
     Por unha parte, cómpre afirmarmos que calquera avanzo na procura dun galego máis auténtico e mellor inserido no sistema a que pertence é incompatíbel coa utilización de castelanismos de calquera tipo e coa renuncia a trazos tan característicos do galego como son o infinitivo flexionado ou o futuro de subxuntivo, por exemplo. Tampouco resulta coherente a exixencia de maiores mudanzas coa renuncia ao uso de, por exemplo, as formas mao/ como adxectivos (en substitución de malo/mala), estábel/estábeis e o verbo estabelecer (tamén estabelecemento), así como as demais palabras con sufixo -bel/-beis (no lugar de -ble/-bles), alén do uso de partículas como até, porén ou após; todas estas formas son plenamente normativas, ao mesmo nivel que os seus pares alternativos. Xa non só resulta incoherente, senón que é mesmo contrario á norma, o continuarmos a facer uso de *sen embargo, *anque, *alomenos, *entonces ou *en cambio, formas definitivamente eliminadas. Tamén alemán, catalán, afgán ou capitán teñen como únicas formas de feminino alemá, catalá, afgá e capitá, igual que acontece con anfitrión/anfitrioa, bretón/bretoa, león/leoa, patrón/patroa, saxón/saxoa ou teutón/teutoa.
     Por outra parte, convén insistirmos en que as escollas lexicais non están suxeitas ás normas aprobadas, que sinalan o portugués como modelo a seguir na incorporación de novas palabras, independentemente do criterio de autoridade que se vaia fixando a través dos dicionarios académicos. Alén dos casos de castelanismos que se deben rexeitar (achegar ou achega e non *aportar ou *aportación, suxestións e non *suxerencias, por exemplo), nada impide introducirmos termos como ementa (xunto a menú), carimbo (en vez de cuño), xuri (ou tribunal), ferias (por vacacións), comboio (ao lado de tren), carro (como sinónimo de coche), romance (por novela), suceso (co signficado de éxito), vareador (convivindo con concelleiro), ou ar condicionado, camiños de ferro, cadro preto (tamén lousa, tan galega, como se di no Brasil, por encerado) etc. A popularización ou non destas e doutras formas vai depender do uso que delas fixeren os autores ou autoras, entendendo estes nun sentido moi amplo, o profesorado e os medios de comunicación; non sería nada moi diferente do que aconteceu con orzamento (por presuposto) ou xuro (por interese). Se por veces resulta lexítimo acudirmos a un barbarismo, máis o será tomarmos un empréstimo dentro do noso propio sistema lingüístico, nomeadamente se con el conseguirmos diminuír a dependencia léxica do castelán. Tamén non só non se impide, senón que aparecen expresamente citadas nos exemplos das novas normas, as denominacións relixiosas dos días da semana: segunda feira, terza feira, cuarta (ou corta) feira, quinta feira e sexta feira. Non se trata de que o galego renuncie a unha soa palabra patrimonial de seu, senón de que en ocasións optemos por coincidir co español ou co portugués en formas sen tradición documentada na Galiza.
     É, pois, o momento de nos definirmos a favor ou en contra dunha norma común unificada de consenso que consiga estabilizar e prestixiar a lingua escrita, mais tamén a favor ou en contra, na nosa práctica lingüística, dun galego máis auténtico. Dito con outras palabras, cómpre optarmos por un galego "reintegrado" en si propio ou por un galego "castrapizado" que se vaia disolvendo paseniñamente no español, como unha variante dialectal máis; se a opción escollida for a primeira, aínda teremos de decidir se o facemos a través da actual norma oficial, aproveitando todas as posibilidades que nos ofrece, ou se procuramos outras vías máis directas, aínda que talvez menos eficaces. Persoalmente coido que a utilización dunha norma oficial estábel e consensuada como a actual, con todas as súas limitacións, alén de ser unha necesidade, é a mellor opción para unha lingua como a galega que ten de ser utilizada na administración e no ensino. Porén non é este o único reto que ten hoxe o galego, infelizmente. Nin tan sequera o máis relevante.
     Por moi importante que sexa a normativización, máis o é a normalización; e o proceso de normalización da lingua galega non discorre, evidentemente, por bo camiño. Non son necesarios moitos argumentos para o demostrarmos, pois a realidade é de por si ben elocuente. Será suficiente con citarmos tres casos de actualidade. Un resulta tráxico: unha persoa que vai ser operada ten de pór en perigo a propia saúde para poder exercer os seus dereitos lingüísticos, pois o hospital compostelán, público, en que vai ter lugar a operación non dispón de formularios en lingua galega para asinar a autorización e a reclamación pertinente suporía un retraso na intervención. Outro, dramático: unha avogada que presenta no xulgado de Muros un escrito en galego é requerida pola xuíza para que corrixa ese "erro emendábel". E o terceiro, traxicómico: unha parella que quere celebrar o seu casamento civil en galego debe facelo, en Santiago de Compostela, mediante a contratación dun intérprete, pois seica o xuíz non entende o galego, e unha demora de meses. Fixémonos que estes feitos acontecen no ano 2003 en Santiago e en Muros, non en Madrid ou Roma, nin no ano 1974, cando existía unha ditadura e non había Constitución, nin Estatuto, nin Lei de Normalización Lingüística. Semella que algo avanzamos: agora poderemos usar o galego nalgún dos ámbitos en que antano estaba vedado se estivermos dispostos a realizar unha denuncia pública, a pagarmos un "imposto lingüístico" complementar ou a sufrirmos un considerábel retraso na resolución do caso. Pode alguén crer, nestas circunstancias, que a lingua galega é realmente unha lingua "oficial" ou "cooficial"?
     Volvamos ao inicio para irmos concluíndo: os tempos tamén son chegados para dicidirmos se o galego é, na verdade, a lingua natural e propia da Galiza, como na teoría din as leis, ou só unha peculiaridade a protexer en tanto non desaparecer de morte natural. Debemos decidir se o galego é a nosa lingua ou non. Fóra máscaras e decídase xa, pois mañá talvez sexa tarde. Se a decisión for afirmativa, haberá que actuar en consecuencia e tomar medidas eficaces, que as hai, para a súa normalización. O acordo normativo foi unha. Cúmprase e avancemos.

Xosé Ramón Freixeiro Mato

A Nosa Terra, nº1.113, 22-28 xaneiro de 2004
 

     
   

Noticias | Quen somos | Que facemos | Campañas | Mediateca | Lexislación
Ligazóns
| Colectivos | Especiais | Tenda | Asóciate