“As
novas normas do galego:
algunhas consideracións sobre o uso dos
verbos”
por Xosé Ramón
Freixeiro Mato
(Publicado n’A Nosa Terra
do 9 ao 14 de Xaneiro de 2004, co título
“Denominacións de orixe en perigo”)
A parte dedicada ao verbo nas novas normas
é, talvez, a que menos mudanzas experimentou.
O único aspecto gráfico-morfolóxico
que se altera é a acentuación
paroxítona da primeira e segunda persoa
do plural do pretérito de subxuntivo,
de modo que amásemos e amásedes
pasan as ser as únicas formas admitidas,
para alén da adopción da forma
estudar (que substitúe estudiar)
e da incorporación de ouvir,
que debe convivir con oír. Mais,
sen seren estritamente de carácter morfolóxico,
introducíronse nas normas algunhas observacións
sobre o uso de determinadas formas verbais que,
aínda sendo máis ben propias da
gramática da lingua, teñen unha
especial relevancia por potenciaren certos trazos
moi significativos, como son o reforzamento
da distinción formal entre antepretérito
de indicativo (con -ra) e pretérito
de subxuntivo (con -se) e a potenciación
do uso do futuro de subxuntivo. No primeiro
caso a norma recomenda "manter ben discriminados
os usos dos dous tempos" (cantara
como indicativo e cantase como subxuntivo)
e, canto ao uso do futuro de subxuntivo, afirma
que "dada a súa lixitimidade histórica
e a súa rendibilidade en certos rexistros
lingüísticos, como por exemplo a
linguaxe xurídica, cómpre restaurar
o seu uso".
Nada especial di a norma, por contra, a respecto
do uso do infinitivo flexionado, salvo a súa
natural inclusión nos paradigmas verbais,
da mesma forma que tamén se inclúe
o futuro do subxuntivo, pois, a diferenza do
que acontece con este, o emprego das formas
flexionadas no infinitivo gozaba xa de total
recoñecemento e non era obxecto de discusión.
Outra cousa é que se teña posto
a énfase suficiente na importancia do
seu uso. Neste sentido, non deixa de resultar
un pouco estraño ou ilóxico que,
en xeral, as persoas dedicadas á corrección
ou tradución de textos para o galego,
así como o profesorado de lingua galega,
teñan insistido máis ou teñan
posto máis énfase nos erros ou
desvíos de cáracter fundamentalmente
ortográfico (usos de <b/v>, de
<h>, acentuación etc.) do que na
preservación de trazos tan característicos
do galego como son o infinitivo flexionado ou
o futuro de subxuntivo.
Sobre isto quería agora chamar a atención
e subliñar a obrigatoriedade do uso destas
formas en determinados casos en que xa a gramática,
dunha forma ou doutra, ten estabelecido algún
tipo de prescrición. Aquelas persoas
que realizan labores de corrección lingüística
e que, por tanto, están a desempeñar
un papel importante na conformación do
modelo de galego culto, deberían, segundo
o meu punto de vista, conceder moita máis
relevancia á incorrección dun
enunciado como Por os rapaces chegar
tarde, o profesor chamoulles a atención,
debido a non utilización do infinitivo
flexionado chegaren, da que se debería
dar en gravata ou voda con
<b>, por exemplo. No primeiro caso estamos
a violentar as estruturas morfosintácticas
da lingua, en tanto que no segundo se produce
unha simple falta de ortografía. En Aprobación,
se proceder, do orzamento anual
co uso do futuro de subxuntivo estase a utilizar
un trazo estilístico-expresivo característico
e diferencial que achega maior precisión
temporal e autoctonía, valores que se
perderían co uso da forma procede.
Nunha proba para ocupar unha praza de asesor
lingüístico ou para traballar nun
servizo de normalización, por exemplo,
estes aspectos deberían ser básicos,
cando na realidade son os máis descoidados
ao se consideraren simplemente opcionais. Tamén
deberían ser tidos en conta, claro está,
polo profesorado de lingua galega, polos autores
e autoras, e polos medios de comunicación
que usan o galego. Tentarei expor, a seguir,
aqueles casos en que o seu uso ten, ou debería
ter, valor prescritivo.
A comezarmos polo infinitivo flexionado, pódese
considerar obrigatorio nos seguintes casos:
en primeiro lugar, cando o infinitivo ten un
suxeito expreso no texto, ben sexa diferente
ou idéntico ao do verbo rexente (Resultou
decisivo estares ti
alí con eles; Todos admitiron,
con afouteza, seren eles
os culpábeis); en segundo lugar,
cando o infinitivo non ten suxeito expreso,
mais vai referido a un axente determinado non
indicado no contexto (Convén
virdes con tempo;
Admitiu sermos os
mellores); e, por último, sempre
que o infinitivo for introducido por unha preposición
ou locución prepositva e tiver suxeito
propio, aínda que coincida co do verbo
principal, nomeadamente se colocado antes deste
(Castigoute por chegares
tarde; Antes de saírmos
de viaxe, temos de acabar o traballo).
Noutros casos o uso do infinitivo flexionado
pode ser facultativo, aínda que existen
factores que favorecen o seu emprego: presenza
dun pronome reflexivo ou dun complemento predicativo
xunto ao infinitivo, o afastamento deste do
verbo rexente, a anteposición do infinitivo,
a forma impersoal do rexente, a necesidade de
clareza ou énfase na expresión,
a eufonía etc. Como criterio xeral, débese
usar o infinitivo flexionado sempre que for
posíbel gramaticalmente e non resultar
estilisticamente desaconsellábel.
O futuro de subxuntivo, por outra parte, é
unha característica do galego que hoxe
está en decadencia e que é necesario
preservarmos. Constitúe unha forma non
real que marca a eventualidade no futuro, situándose
por tanto na posterioridade ao momento da enunciación;
nunca se utiliza como autónomo en cláusulas
simples, senón que só aparece
como núcleo da frase verbal nalgunhas
cláusulas en correlación con outro
verbo en futuro, presente de indicativo ou de
subxuntivo e imperativo; esas cláusulas
son as condicionantes, circunstanciais temporais,
circunstanciais locativas, circunstanciais modais
(e outras introducidas polas mesmas conxuncións
en cláusulas comparantes e intensificantes,
propias das bipolares comparativas e proporcionais
respectivamente) e relativas, para alén
doutras construcións relacionadas coas
anteriores en que se repite o verbo en presente
de subxuntivo e en futuro de subxuntivo (sexa
como for, faga o que fixer). Parece
moi recomendábel, desde o ámbito
formalizado da lingua, dar preferencia ao uso
do futuro de subxuntivo neses casos, a pesar
de existiren outras posibilidades, primeiro
por así contribuírmos a recuperar
unha forma en decadencia de grande valor para
marcarmos a necesaria fronteira fronte ao español,
e en segundo lugar por ser unha fórmula
con grande rendibilidade expresiva e de maior
precisión lingüística do
que outros tempos verbais. Mais, para alén
desa opción preferencial, tamén
parece conveniente propormos como prescritivos
algúns deses casos. Así, dadas
as circunstancias adecuadas para o uso do futuro
de subxuntivo e tendo en conta que onde fundamentalmente
se ten utilizado desde a época medieval
é nas oracións condicionais lato
sensu, deberíase considerar prescritivo
o seu uso nas cláusulas condicionantes
con se (Se chegares
antes das dez, chámame), nas
circunstanciais temporais con cando
con valor condicional (Irei cando cumprires
a túa palabra), nas circunstanciais
modais con segundo ou conforme
que tamén teñan un matiz condicional
(Conforme traballaren,
así cobrarán) e nas relativas
así mesmo con valor condicional (Aprobarán
os que máis estudaren).
A modo de exemplo, debería considerarse
obrigatorio o uso do futuro de subxuntivo en
casos como o seguinte: “Os que (se,
cando) non achegaren a
documentación antes do vindeiro día
30 serán excluídos”;
neste sentido, véxase o diferente significado
de Cobrarán unha pensión especial
os que cotizasen / cotizaren
durante 20 anos segundo o tempo empregado.
En conclusión, aínda que o uso
do futuro de subxuntivo foi esmorecendo modernamente
na fala en paralelo coa sorte que seguiu este
mesmo tempo no español, a súa
plena funcionalidade no longo período
medieval de normalidade lingüística
na Galiza, así como a pervivencia na
nosa literatura popular (refráns, cantares),
na fala e na literatura do XIX (Pondal, Curros,
Rosalía etc.) e mesmo na do XX, ao que
lle hai que acrecentar a plena vixencia no portugués
actual, parecen aconsellar o esforzo da súa
recuperación nun principio cando menos
na escrita, aínda que só sexa
como fórmula de reafirmación da
nosa identidade lingüística e de
diferenciación co castelán, para
alén da súa incuestionábel
utilidade tanto na prosa técnica, xurídica
ou burocrático-administrativa, como nos
restantes usos da lingua e como recurso estilístico
moi rendíbel na lingua literaria. Algo
semellante se podería dicir do infinitivo
flexionado: aínda que a súa vitalidade
na fala actual é moito maior, principalmente
entre a xente idosa, corre tamén o risco
de se perder nas capas de poboación máis
novas por ser un trazo que non posúe
o castelán, verdadeiro modelo subxacente
e única lingua que está a ameazar
as estruturas propias do galego, pondo tamén
en perigo a mesma supervivencia deste como lingua
autónoma e maioritaria da Galiza. Potenciarmos
o uso do infinitivo flexionado e do futuro de
subxuntivo supón, pois, afortalarmos
o noso sistema lingüístico e garantirmos
mellor a súa independencia e o seu porvir. |