“Nugalla”
por Xosé Manuel Sarille
(Publicado n’A Nosa Terra do 15 ao 21
de Xaneiro de 2004)
Criticar na Galiza é chorar. Se vostede
decide exercer o seu direito de chinchar, se
inclusive ten a obriga profisional de realizar
críticas e decide falar claro, atopará
imediatamente diante dos fuciños un muro
de sentidiño ditándolle contención,
para que nada se saia da inercia xeolóxica
reinante.
Non fale vostede da inepta Real Academia Galega,
incapaz de conducir un proceso de cambio normativo.
Algún petruciño haberá
que lle lembre a auctoritas da Academia,
ouh Galicia, e por menos de nada carrega vostede
coa culpa de que a Academia sexa unha trapallada.
Como se alguén lle quixese retirar a
auctoritas esa. Os mesmos petruciños
falarán outro día da sociedade
civil, ouh a máxica sociedade civil,
que debe ter a iniciativa. Nin contigo nin sen
min.
Non fale tampouco dos constantes incumprimentos
legais a respeito da lingua, porque igual que
lle din que o idioma está desaparecendo,
ouh o idioma, na seguinte reviravolta tamén
lle din que non se pode impor.
Galiza ten algo de oriental instalado no ADN
patrio, esa tendencia ao quietismo que só
varía cando algún inadaptado (que
será deles?) descoloca unha peciña
e rompe esta harmonía fofa que nos leva.
A Mesa denunciou estes días que un de
cada tres institutos de Galiza ten libros de
texto en castellano para materias que se deben
impartir en galego. O número de profesores
que explican en castellano nas disciplinas que
deben estar en galego é loxicamente moito
maior. Segundo esta organización só
a nugalla dos inspectores fai posíbeis
as irregularidades.
Mais atención, porque un incumprimento
deste calibre sobarda a cuestión lingüística
e convértese nun gravísimo problema
de falta de calidade. Cando nunha aula se imparte
Xeografía en español con libro
en galego, na outra a medias en español
e en galego, a falta de rigor científico
é tan grande que converte a materia nunha
vulgaridade impropia de centros de cultura.
Á marxe de que moitos boten as mans á
cabeza, ouh a cabeza, porque se leve a cabo
a denuncia, A Mesa está a cumprir co
seu deber de organización cívica,
cunha decisión de profundo calado político.
Galiza necesita de articulación social,
por iso a crítica reponsábel e
o cumprimento das normas resultan tan beneficiosas,
aínda que molesten a algúns. |