A Mesa pola Normalización Lingüística
Noticias
Quen somos?
Que facemos?
Campañas
Mediateca
Lexislación
Ligazóns
Colectivos
Especiais
Tenda
Asocia-te

“As novas normas do galego, o reintegracionismo e a corrección lingüística”

Por Xosé Ramón Freixeiro Mato*

Convén afirmar de inicio, e dun punto de vista persoal cando menos, que un compromiso arredor dunha norma común para o galego, nas actuais circunstancias, non só era algo desexábel, senón absolutamente imprescindíbel para lle darmos estabilidade na escrita e prestixio no ámbito social. Porén, a aceptación dunha norma de consenso non implica unha renuncia aos postulados ideolóxico-lingüísticos de cadaquén a respecto do que se consideraría a mellor norma posíbel ou a respecto da relación entre galego e portugués. Pódese, en teoría, acreditar na unidade lingüística galego-portuguesa e, ao mesmo tempo, facer uso da norma oficial que foi produto dun consenso entre especialistas, como tamén se pode ser republicano ou comunista e exercer responsabilidades públicas nun réxime monárquico ou capitalista. Unha cousa é acatar unha norma lingüística e outra moi distinta é renunciar ás propias ideas ou inclusive deixar de traballar por elas; como tamén se pode acatar unha lei, mesmo a Constitución, e asemade non estar de acordo con todos os seus principios ou inclusive ser partidario da súa modificación.

Pódese, pois, utilizar a norma oficial e, ao mesmo tempo, defender o reintegracionismo lingüístico? A resposta virá dada en función do que se entender por reintegracionismo. Partamos do principio, non difícil de asumir, de que o galego comunmente falado na actualidade está moi interferido polo español e de que tal modelo non se pode consagrar como irreversíbel, pois, segundo este parecer, iso ía supor a dialectalización progresiva do galego a respecto daquel e a súa futura desaparición como lingua autónoma. Semella lóxica e necesaria, pois, unha intervención cirúrxica sobre ese galego falado para o ir reintegrando no seu propio sistema, de onde nalgúns aspectos foi arrincado pola presión secular da que foi única lingua oficial durante séculos. Desde esta perspectiva parece moi defendíbel a reintegración lingüística, entendendo por tal o feito de reconducirmos o galego cara á súa plena autenticidade, liberándoo das interferencias foráneas. Neste sentido, as novas normas de consenso poden ser consideradas como reintegracionistas na medida en que reafirman o galego nas súas raíces e tradición. Ou non acontece así co reforzamento de ao, -bel, -aría, co recoñecemento de até, porén, após, ouvir, Galiza, ou coa prescrición de presenza, diferenza, sentenza, graza, conduta, ditado, os femininos alemá, catalá, bretoa, por exemplo?

Nesa reintegración do galego en si mesmo, o portugués debe ser o modelo orientador ou, de o preferirmos, o espello que nos ha confirmar en moitos casos o que é ou non é galego. Aínda defendendo a existencia do galego como lingua autónoma, algúns temos o convencemento de que só terá asegurada a súa independencia a respecto do castelán de se manter unido o máis estreitamente posíbel ao tronco lingüístico de que forma parte.

Ou, como dixo Rafael Dieste, canto máis galego for o galego, máis se parecerá ao portugués. Con outras palabras, o galego ten de unir a súa sorte á do portugués como garantía de non ser absorbido polo español.

Non hai dúbida de que nese achegamento ao portugués a ortografía é un elemento simbólico importante que debe marcar unha primeira fronteira coa lingua de Castela. Ora, tamén coidamos que a ortografía non é o elemento fundamental nin imprescindíbel para avanzarmos na reintegración antes mencionada. Disfarzado de español, o galego pode ser auténtico galego ou galego-portugués; e disfarzado de portugués ou de galego-portugués, o galego pode ser un castrapo evidente se non se preservaren as súas características intrínsecas. A ortografía é unha convención que se pode mudar de modo relativamente doado, mais as estruturas internas da lingua non se poden mudar coa mesma facilidade.

Por iso hai que prestar atención moi especial aos aspectos morfosintácticos. Débese ter presente, máis unha vez, que as normas oficiais son ortográficas e morfolóxicas. As regras sintácticas ou morfosintácticas veñen fixadas pola gramática e a respecto delas non se teñen suscitado practicamente discrepancias, aínda que certos aspectos foron máis ou menos enfatizados ou preteridos, segundo os casos. Algúns destes aspectos, que constitúen recursos expresivos a que eventualmente o galego culto non debe renunciar, senón máis ben privilexiar, son, por exemplo, a colocación do pronome clítico entre a preposición rexente e o infinitivo rexido (Marchou sen te avisar) ou entre a partícula de enlace e o infinitivo nas perífrases verbais (Hei de o facer), o uso ocasional da interpolación de determinados elementos entre o clítico e o verbo (Pasou como che eu dixen), do xerundio con desinencia de primeira persoa do plural (Estándomos para saír, púxose a chover) ou da perífrase modal obrigativa ter de + infinitivo (Teño de ir a Carballo); tamén a potenciación de construcións sintácticas coa interposición dunha frase nominal con artigo (ou dun pronome tónico de terceira persoa) en función de suxeito do infinitivo entre a preposición rexente e este (Por os rapaces non o saberen, suspenderon; De elas estaren alí, non acontecería iso); etc.

Algúns destes trazos teñen (ou deberían ter, no seu caso) valor prescritivo, como por exemplo: o uso obrigado do artigo entre o pronome cuantificador ambos/-as e o substantivo cando aquel tiver función adxectiva (ambas as mulleres), igual que acontece con todos/-as (todos os homes); a eliminación do artigo naquelas cláusulas de relativo introducidas por preposición en que o antecedente está claramente expresado inmediatamente antes desta e non existe ambigüidade na interpretación do significado da oración (O día en que naceu; A rúa en que vive; As razóns por que te deixou); a non utilización como norma da preposición a co complemento directo, salvo en casos de ambigüidade na distinción funcional co suxeito (Colleu os nenos pola man, Vin o Xoán na rúa); distinción constante, excepto en cláusulas desiderativas e nalgúns usos estilísticos, entre -ra- como morfema de antepretérito de indicativo e -se- como morfema de pretérito de subxuntivo (Dixérame que te avisase antes das oito), distinción neste caso expresamente recollida e reforzada nas novas normas; etc. Entre estes casos débense incluír, moi especialmente, o uso do infinitivo flexionado (ou conxugado) e tamén o do futuro de subxuntivo, cuxa correcta utilización figura así mesmo agora reforzada e recomendada por vía normativa.

Claro está que non son as novas normas aprobadas aquelas que o movemento reintegracionista propuña ou desexaba. Mais o aproveitamento de todas as posibilidades recollidas nelas, xuntamente co uso e potenciación dos trazos morfosintácticos antes citados, entre outros, que en nada as contrarían, así como o explícito recoñecemento do portugués como recurso para o acrecentamento lexical, permiten o asentamento dun modelo de lingua máis auténtico e, por iso, máis 'reintegrado' nas propias raíces do idioma e no sistema lingüístico galego-portugués a que pertence. Para o conseguirmos é preciso un especial coidado e esforzo, nomeadamente das persoas con máis capacidade de influencia social, por evitarmos incorreccións e interferencias que deturpan e desnaturalizan a lingua, afectando mesmo as súas estruturas sintácticas.

É o momento de afirmarmos que hoxe xa non debería ser suficiente con que as persoas que se dedican á docencia, ao xornalismo, á creación literaria ou ao ámbito da representación pública en Galiza, por exemplo, e teñen un compromiso claramente asumido co idioma propio, se expresen en galego de calquera maneira, senón que tanto esas mesmas persoas a respecto de si propias como a sociedade no seu conxunto deberían exixir un grao de corrección lingüística minimamente aceptábel, como acontece, sen ir máis lonxe, co emprego do español. Xa non semella xustificábel a estas alturas, por moi meritorio que consideremos o emprego do galego, a utilización pública dun idioma deturpado e castrapizado por parte de quen ten preparación e capacidade suficientes como para o poder falar con corrección, a pouco que se esforzar. Moitas veces é simplemente unha cuestión de desleixo ou despreocupación, facilmente subsanábel dedicándolle unhas horas ao repaso dalgunhas regras gramaticais. A partir desa corrección mínima, sempre exixíbel nunha situación de pretendida normalidade, canto máis consigamos afortalar as estruturas lingüísticas propias mediante o uso dos trazos diferenciais máis característicos, mellor contribuiremos a preservar e dignificar unha lingua extensa e útil na Galiza e no mundo.

     
   

Noticias | Quen somos | Que facemos | Campañas | Mediateca | Lexislación
Ligazóns
| Colectivos | Especiais | Tenda | Asóciate