¡Mamá, un gallego!
Cando o meu amigo Euxenio me contou o que lle
pasara había uns meses, a verdade é
que me deu a risa. Entrou el nunha tenda de
electrodomésticos das Travesas e estaba
a falar cun dependente cando un neno que ía
coa nai sinalouno co dedo e exclamou: "¡mira
mamá, un gallego!"
Xa me tiña esquecido da anécdota,
se non fose porque o outro día estaba
eu coa miña filla no parque infantil
da Miñoca e un neno de cinco anos, co
que acababa de intercambiar algunhas palabras,
me fitou dende o alto do tobogán. Cando
me tivo ben observado preguntou: "oye,
¿tu eres gallego?", eu, algo
sorprendido, resposteille: "eu si, e ti?",
el, moi seguro de si e seguindo a miña
mirada perplexa, foi remarcando: "pues
yo soy español... español... de
España, ¿sabes?".
A verdade é que isto me sobrepasa. Non
o entendo. Sabía que en Vigo case ningún
neno sabe enfiar tres palabras seguidas en galego,
e os poucos que o fan son o resultado dunha
vontade infatigábel das súas nais
e pais, sabía que na maioría das
escolas este idioma estúdase como unha
lingua estranxeira máis pero cuns cantos
graos de esixencia menos, sabía que a
política lingüística deste
país está dirixida a que o galego
desapareza como lingua viva a medio prazo entre
moita pompa, luces e cores para que non nos
decatemos demasiado; sabía todo isto,
pero o que nunca fun quen de imaxinar era que
o sistema educativo chegase a acadar uns resultados
tan brillantes en idades tan prematuras.
Ademais de non o falaren, non soamente se conseguiu
que estes rapaces sintan o idioma propio da
súa comunidade histórica como
algo alleo, senón que, dando un salto
de xigante, chegan a identificar ás persoas
que o falan como elementos exóticos,
foráneos, tan estranxeiros como un inglés
ou un subsahariano.
Pregúntome se estes dous relatos son
anecdóticos, puntuais, ou se realmente
responden a un patrón que se repite.
Poderíamos preguntarnos até que
punto está estendido este modelo, onde
se produce e a qué realidade responde.
Cabería preguntarse tamén se isto
é aceitábel, correcto, ou se hai
que corrixilo e como. Ou quizais non deberíamos
preguntarnos tantas cousas, porque na realidade,
dun xeito ou doutro, todos sabemos as respostas,
e tampouco é que nos interesen demasiado,
¿ou si nos interesan? ¿A vostede
interésanlle?
Xoán Comesaña Pedreira
- Vigo |