|
“O NOME
DA CORUÑA”
por Xosé Manuel Sarille
(Publicado n’A Nosa Terra nº 1148)
Cando un sistema político, os gobernos,
os tribunais e os partidos, consenten que un
canalla incumpra a lei, se burle dela e do parlamento
que a lexislou, e que en consecuencia se mofe
dos cidadáns que votaron os lexisladores;
cando ademais consenten que non acate as sentenzas,
e que ría dos xuíces que fallaron,
e dos fiscais que insisten oralmente en que
a lei e as sentenzas deben cumprirse; cando
todo iso sucede, estamos evidentemente ante
un canalla, non cabe dúbida, pero tamén,
e sobretodo, ante unha democracia do xénero
chico, de soportes fráxiles, adubiada
por estes tipos que tanto poden airear o nazismo
da División Azul, como enviar tropas
ao Iraque, ou, neste caso, reptar aos tribunais
e aos lexisladores.
O canalla coruñés repta. Mais
que ninguén se confunda. Desta vez non
afrenta só á Mesa, nin ao galeguismo.
Repta ao seu partido, á Xunta e aos xuíces
e fiscais. Quere que todos entremos a debater
a súa nova proposta, de cambiar o nome
da Coruña coa lei de grandes cidades.
Ese cambio non é posíbel, pero
a cuestión central, sobretodo e antes
de nada, é que ese non é o problema,
que ese non é o asunto.
O problema que hai aquí, é que
un gobernante non cumpre as leis, nin as sentenzas,
búrlase e non lle sucede nada. E diso
é do que hai que falar, non da retransmisión
mediática das ocurrencias que Vázquez
vai ter nos próximos meses, aprobando,
declarando, e intentando que todos falemos da
hipotètica validez ou invalidez da nova
lei para o topónimo. O debate é
que este individuo é un pésimo
exemplo social e un delincuente que basurea,
como diría Mario Bunge, a cousa pública
.
Cambiando de conversa. Sería unha mágoa
que ese asunto do topónimo acochase a
nova campaña da Mesa pola Normalización
Lingüística, que inicia a nova liña
de actuación cunha proposta radicalmente
orixinal. Quere A Mesa facer unha bolsa de clientes
de bancos dispostos a cambiar as nóminas
e as contas para aquela entidade que se comprometa
a facer un uso normal do galego. A Mesa entregará
á entidade galeguizada os dados dos clientes
para que negocien con eles. Estes clientes enviarán
antes á Mesa a autorización para
que ese contacto se produza.. Se a bolsa é
grande serán moitos miles de millóns
de pesetas os que se oferezan. Anímense
porque imos falar na linguaxe deles.
|