A Mesa pola Normalización Lingüística
Noticias
Quen somos?
Que facemos?
Campañas
Mediateca
Lexislación
Ligazóns
Colectivos
Especiais
Tenda
Asocia-te

“L” de leguleio, laretas, liante, lixoso e logreiro

por Alba Nogueira
(Publicado en Vieiros o 26/10/2004)

A Lei 3/1983, de Normalización lingüística, regulamenta a forma dos topónimos sen ambigüidades. O artigo 10 da lei estabelece que estes "terán como única forma oficial a galega". Trátase dun dos escasos artigos onde aparece unha obriga concreta e, ademais, o único onde o uso do galego é exclusivo e obrigado.

A determinación dos nomes oficiais correspóndelle á Xunta sempre que se trate "dos municipios, dos territorios, dos núcleos de poboación, das vías de comunicación interurbanas e dos topónimos de Galiza". Os Concellos, pola súa parte, poderán fixar os nomes das vías urbanas. O Estado, finalmente, ten a competencia para a determinación dos nomes oficiais das provincias.

Os efectos xurídicos que implica a fixación desta forma oficial galega exclusiva son que "estas denominacións son as legais para todos os efectos e a rotulación terá que concordar con elas". Polo tanto, é evidente que non pode haber máis denominacións cás que a Xunta fixe de forma oficial a través do procedemento estabelecido na normativa de desenvolvemento da Lei de Normalización. Este procedemento pode ser iniciado polo conselleiro ou conselleira de Presidencia por propia iniciativa ou ben instada polo Concello interesado. Este é o único papel que se lles atribúe aos Concellos e de poder instar ou informar un proceso de cambio de denominación que adoptará, en último termo, o Consello de Goberno da Xunta.

A lexislación estatal estabelecía subsidiariamente que esta denominación oficial podia ser tanto en castelán como na lingua propia, como en ambas as duas á vez (art. 14.2); porén a competencia galega en materia de lingua exclúe taxativamente, como xa se viu, tanto a opción bilingüe como a castelá. De feito, o Concello da Coruña recorreu xudicialmente a inscrición do cambio de denominación no rexistro estatal e o Tribunal Supremo nunha sentenza de 19 de setembro de 2001 confirmou a inscrición apoiándose nunha argumentación que ratifica a plena competencia autonómica para estabelecer a normativa e proceder aos cambios de denominación. Tamén a sentenza do Tribunal Constitucional 214/1989, de 21 de decembro establece claramente que a "aprobación da alteración ou cambio de nome dos municipios é típica competencia de execución en materia de réxime local que, con arranxo ao marco constitucional de distribución de competencias, os Estatutos de Galicia e de Cataluña lles atribúen ás súas respectivas Comunidades Autónomas".

A este respecto ten interese facer mención ao proceso xudicial emprendido pola Mesa pola Normalización Lingüística contra o Concello da Coruña polo incumprimento reiterado no uso da forma oficial do topónimo. O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, o Tribunal Supremo, e posteriormente o Tribunal Constitucional, avalaron as teses da Mesa, no sentido da obriga de usar o topónimo oficial -ademais da de cumprir as normas de uso do galego polos entes locais fixadas na normativa autonómica- (sentencia 606/1994, de 28 de xullo do Tribunal Superior de Xustiza á que seguiron diversos autos e providencias dirixidos a efectuar a execución dos mandatos xudiciais; sentencia de 25 de setembro de 2000, do Tribunal Supremo; Auto do Tribunal Constitucional 11.2.2002 e 1.7.2002).

Nada cambia esta situación a Lei de Modernización do Goberno Local porque unha lei estatal non pode modificar o reparto competencial efectuado pola Constitución e o Estatuto. Pero é que, ademáis, esta mesma atribución ao Pleno municipal en relación cos cambios de denominación figuraba desde a versión inicial de 1985 no texto da Lei de Bases de Réxime Local. E xa vemos cal foi a interpretación do Tribunal Superior de Xustiza, o Tribunal Supremo e o Tribunal Constitucional ao respecto: someter a competencia municipal ás competencias autonómicas en materia de lingua e réxime local. Nada muda, pois, nin tan sequera as ganas de enredar...

Polo tanto, as atribucións dos plenos municipais canto á toma de acordos sobre a denominación dos Concellos terán o alcance que a normativa autonómica de réxime local e lingua lles permitan e ésta non é mais que poder instar ou informar cambios de denominación que cumpran a normativa vixente e esta é, mal que lles pese a algúns leadores -con L-, a Lei de Normalización Lingüística que só permite os topónimos en galego.

Se o alcalde da Coruña segue tendo raptos bautismais pode comezar cambiando os nomes franquistas que adornan a súa "quirida ciudá". Sobre eses a normativa dálles plena competencia. Ánimo e adiante.

Leguleio: persoa que trata de leis tendo un coñecemento moi limitado dela
Laretas: dise de quen fala demasiando e mesmo moitas veces de cousas que non debía
Leador: dise do que ten tendencia a buscar leas
Lixoso: que ten tanta suciedade que da noxo
Logreiro: persoa moi aproveitada que procura o beneficio propio á custa do que sexa

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 


Alba Nogueira López

Alba Nogueira López naceu en Cee en 1968. É doutora en Dereito e profesora de Dereito Administrativo na Universidade de Santiago.

 

     
   

Noticias | Quen somos | Que facemos | Campañas | Mediateca | Lexislación
Ligazóns
| Colectivos | Especiais | Tenda | Asóciate