A Mesa pola Normalización Lingüística
Noticias
Quen somos?
Que facemos?
Campañas
Mediateca
Lexislación
Ligazóns
Colectivos
Especiais
Tenda
Asocia-te

“a vergoña do galego”

por Alba Nogueira
(Publicado en Vieiros o 8/02/2005)

Non, non falamos desa oliva ou croqueta que sempre queda no plato por falsa contención. Trátase da vergoñante, inculta e ferinte actuación xudicial contra o galego. Trátase da inadmisión de escritos en galego nos xulgados de Muros e Arzua. Trátase da inexecución de sentenzas firmes sobre o uso do topónimo da Coruña.

Trátase de que o máximo de goberno judicial (CXPX) se atreva a dicir que pode ser inconstitucional esixirlle o coñecemento das linguas propias aos xuices (os únicos funcionarios que –por obra e graza da toga- poderían quedar excluidos desta obriga). Trátase, en fin, dunha sentenza dunha tremenda pobreza intelectual e sen un mínimo rigor xurídico que desde os avernos do Tribunal Superior de Xustiza (obra dun ponente amoldado ao reaccionarismo) contradí toda a evolución normativa e xurisprudencial que lle recoñece ás Administracións públicas o dereito a esixirlle o uso das linguas propias aos seus contratistas ou concesionarios de servizos públicos. Trátase tamén de todos os que ollan pasivamente estas "barrabasadas" sen defender os dereitos lingüísticos dos cidadáns: ese Delegado do Goberno que deixa seguir adiante pleitos iniciados polo "chapapoteiro" Fernández de Mesa contra a Ordenanza de uso de galego de Narón; ese Concello que trata esta cuestión como se fora unha licencia urbanística e non se persoa nin recorre contra o atropelo xudicial.

A vergoña do galego. Seica as Administracións públicas poden esixirlle a un concesionario que poña os rótulos dunha cor concreta, que faga unhas determinadas prestacións, que fixe unhas tarifas determinadas. Pero non que lle fale en galego aos usuarios ou que teña a documentación e rotulación en galego. Interesante!. Seica tampouco lles poden esixir aos seus contratistas que lle entreguen a documentación en galego pero si en papel satinado e debidamente encadernada. E isto é asi porque "la deseable potenciación de la lengua propia de la Comunidad Autónoma no puede llegar al extremo de convertir en obligación lo que solo es un derecho de los ciudadanos, con riesgo de quedar discriminados en sus relaciones con la Administración en caso de no plegarse a sus exigencias". Eis a simpleza argumentativa do Tribunal Superior de Xustiza. Aos señores maxistrados quedoulles a cabeza quente.

Resulta que agora os dereitos lingüísticos téñenos as empresas (ou máis ben que as empresas son cidadáns) e aos cidadáns usuarios dos servizos públicos que prestan esas empresas ou que poden ser os destinatarios dos bens ou traballos que se lles contratan, que os parta un raio!. Resulta que, contra tódolos pronunciamentos do cauto Tribunal Constitucional, recoñecendo que en materia lingüística a Administración e os que traballan para ela (contratistas, funcionarios, concesionarios) teñen, fundamentalmente,a obriga de garantir os dereitos lingüísticos, agora nas mentes atormentadas dos maxistrados do TSXG agroman dereitos das empresas que realizan servizos públicos ou traballan para a Administración que poden impoñerse aos dereitos dos cidadáns. Curiosa visión do servizo público!. Supoño que pronto veremos sentenzas recoñecéndolle ás empresas concesionarias de recollida do lixo o dereito a decidir se o recollen clasificado ou ás de transporte se dispoñen de bonobus e o prezo do billete. A libertade das empresas ao poder!

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 


Alba Nogueira López

Alba Nogueira López naceu en Cee en 1968. É doutora en Dereito e profesora de Dereito Administrativo na Universidade de Santiago.

 

     
   

Noticias | Quen somos | Que facemos | Campañas | Mediateca | Lexislación
Ligazóns
| Colectivos | Especiais | Tenda | Asóciate