|
“O CONFLITO
LINGÜÍSTICO NO CONGRESO DOS DEPUTADOS”
por Francisco Rodríguez
(Publicado n’A Nosa Terra nº 1167)
A forma en
que se transmite a información pode levar
consigo equívocos ou falsas apreciacións.
Estamos vivindo, especialmente nas últimas
semanas, un conflito lingüístico no Congreso dos
Deputados que se apresenta como causado pola
obstinación dalgúns en querer converter en
cooficiais nesa institución o catalán, o galego
e o vasco. Non vou negar que ese sexa o
obxectivo final e moito menos que, na
consciencia subxectiva dalgúns deputados, se
acredite en que estamos a un paso de conseguilo.
A realidade é, porén, máis limitada, máis
matizada e máis elemental.
O actual
presidente, Manuel Marín, aceptou, con carácter
de norma, unha práctica que estaba admitida, de
forma accidental ou esporádica, cal era citar
textos curtos nas linguas que non son o
castelán, con tradución a este idioma incluída.
Se se pretendía que tal alocución figurase no
Diario de Sesións había que entregárllela por
escrito aos estenotipistas. Seguramente algunhas
persoas lembrarán que, en máis dunha ocasión, no
que chaman debate do estado da “nación”; o BNG
citou a Castelao, Rosalía ou Ramón Vilar Ponte,
entre outros, na lingua orixinaria. Cecais hai
unha variante novidosa: formular perguntas ao
goberno en galego, catalán e vasco, con
tradución seguida ao castelán. Non coido que
esta resolución for un salto cualitativo no uso
destas linguas, xa que o corpo fundamental do
debate seguía a transcorrer na lingua oficial do
Estado. Si é un recoñecemento simbólico da súa
existencia, da existencia dunha representación
política na cámara diferenciada lingüística e
nacionalmente.
Que
exasperou ao presidente para rectificar a sua
resolución inicial e negar mesmo a posibilidade
de emprego simbólico e testemuñal do galego, o
catalán e o vasco? Simplemente, a reiteración no
seu uso, isto é, a súa presenza simbólica
continua, especialmente do catalán, por parte
dalgúns deputados. Esta reiteración simbólica,
nomeadamente no pleno, alterou o PP e a unha boa
parte do PSOE, intranquilizou o propio Marín,
que ademais estaba obxectivamente presionado
para que rectificase a súa cativa permisividade.
PP e PSOE sempre advertiron que só aceptarían a
cooficialidade destes idiomas nas Cortes, no
caso do Senado, e unha vez aplicada a súa
reforma.
Agora hai
indicios de que o presidente, despois de
exteriorizar un espírito intolerante nesta
cuestión, especialmente no ton e trato
dispensado a algún deputado, como Joan Tardá,
desexa restaurar a permisividade controlada.
Porén, di querer rectificar co acordo de todos
os grupos parlamentares sobre unha norma mínima.
Vai ser imposíbel. Curiosamente, o presidente
denunciou, nesta marexada, o duplo xogo do PSOE.
Pacto co PP para restrinxir o uso ao Senado,
chamada á tolerancia do presidente para
recuperar a súa resolución inicial.
Naturalmente, o BNG participa de todas as
iniciativas a prol da reforma do regulamento
nunha orientación de maior recoñecemento das
nosas linguas na actividade parlamentar; opúxose
publicamente á anulación da súa propia
resolución simbolicamente permisiva pola
presidencia, criticoulle ao presidente a súa
exasperación autoritaria e o seu ton displicente
nalgunha ocasión. Chamativo vindo dunha persoa
que exerce, polo demais, a súa función con
grande apertura, permisividade e paciencia nos
debates. Parece como se o tema do pluralismo
lingüístico no Estado fose de difícil asunción
racional.
Neste
contexto, como galego, non fago máis que lembrar
continuamente as graves limitación para o idioma
no interior do país. A falla de respecto polos
seus usos; a desfachatez con que se viola a lei.
O continuo quefacer aquí para defender os
dereitos lingüísticos, denuncias que nos chegan
arreo, dentro en todos os temas de competencia
estatal. A comezar para que se respecte a
toponimia correcta. O confronto con esta
realidade e a súa asunción reivindicativa
delimita e clarifica o papel para nós do
conflito lingüístico no Congreso.
|