A Mesa pola Normalización Lingüística
Noticias
Quen somos?
Que facemos?
Campañas
Mediateca
Lexislación
Ligazóns
Colectivos
Especiais
Tenda
Asocia-te

A FRAQUEZA DO INTERNACIONALISMO LINGÜÍSTICO

por Albert Branchadell
(Publicado en EL PAÍS o 29/03/2005)

En España estase poñendo de moda o ‘internacionalismo lingüístico’, tamén chamado ‘ideoloxía das linguas grandes’. As etiquetas son do último libro de Juan Ramón Lodares (El porvenir del español), que vén predicando esa crenza desde hai tempo, pero os seus voceiros empezan a ser numerosos e moi cualificados: a nómina acada xa a filósofos como Félix Ovejero ou a ilustres membros da Real Academia Española como Francisco Rodríguez Adrados e Gregorio Salvador. 

Os postulados do internacionalismo lingüístico son doados de recoñecer. O primeiro di que as linguas son vehículos de comunicación. Dado que ninguén discute semellante obviedade, o postulado formúlase máis xenuinamente de xeito negativo: afirmar que as linguas son vehículos de comunicación equivale a negar que podan ser tamén signos de identidade, aínda que unha parte importante da Humanidade crea xustamente o contrario e moitas veces actúe en consecuencia, até o punto de sacrificar a súa vida polo seu vehículo de comunicación particular. 

O segundo postulado sostén que as linguas con máis usuarios son preferíbeis ás linguas con menos usuarios, e de aí extráense consecuencias político-lingüísticas que os distintos ‘internacionalistas’ formulan con maior ou menor sutileza: Salvador, nun extremo, non ten reparo en expoñer publicamente que desexa a extinción das linguas que el denomina ‘minúsculas’, en aberta contradición cos esforzos que as organizacións intergubernamentais e un inxente cantidade de ONG adican á preservación da diversidade lingüística planetaria. 

Un terceiro postulado finalmente, insinúa que a difusión das linguas grandes é un proceso ‘natural’, efecto da libre elección da xente. Noutras palabras, que o imperialismo lingüístico non existe. Con algún pequeno matiz, Lodares podería ter escrito o que dixo o Rei (ou lle fixeron dicir) nunha entrega do Premio Cervantes: ‘Nunca foi a nosa lingua de imposición, senón de encontro: a ninguén se lle obrigou nunca a falar en castelán: foron os pobos máis diversos quen fixeron seu por vontade libérrima o idioma de Cervantes’. En termos parecidos expresábase Félix Ovejero en estas páxinas (De lenguas, sendas, mercados y derechos, EL PAÍS, 28-2-2005): os procesos que consolidan as linguas con máis usuarios ‘nada teñen que ver co mercado ou o capitalismo’ –en contra, unha vez máis, da experiencia de moitos habitantes do planeta-. 

Pero o problema do internacionalismo lingüístico non son as dúbidas que suscitan os seus postulados; á fin e ao cabo, os millóns de persoas que cren que as linguas son valiosas en si mesmas, e que por iso é bo preservalas ante as ameazas do imperialismo lingüístico, poderían estar totalmente equivocadas. O verdadeiro problema do internacionalismo lingüístico son os seus insufríbeis defectos internos. O primeiro é a práctica máis ou menos desvergoñenta do duplo raseiro: a internacionalidade do español esgrímese para desacreditar o uso do guaraní en Paraguay ou do euskera no País Basco, mais enfúndase discretamente cando o español se enfronta con linguas de máis usuarios, como o inglés en Estados Unidos ou as grandes linguas da Unión Europea en Bruxelas. O incidente protagonizado recentemente pola voceira da Comisión Europea, Françoise Le Bail, é moi instrutivo ao respecto. Co louvábel propósito de aforrar uns cantos euros ao contribuínte europeo, a Le Bail ocorréuselle reducir o xeneroso sistema de interpretación nalgunhas conferencias de imprensa da Comisión ás tres linguas de máis uso na Unión: inglés, francés e alemán. Un auténtico ‘internacionalista’ aínda xulgaría insuficiente o recorte: se co inglés abonda, para que complicarse a vida tamén cos superfluos francés e alemán? Por fortuna para o español, o noso embaixador ante a Unión Europea, que non comulga con Lodares, protestou enérxicamente pola redución imposta por Le Bail, xuntamente co seu colega italiano e o apoio dos seus Goberno respectivos, e a voceira non tivo máis remedio que facer marcha atrás na súa proposta inicial, para escándalo do ‘internacionalista’ autético, que se non quería tres cuncas agora vai ter sete (as tres de Le Bail máis o español, o italiano, o polaco e o neerlandés). É moi interesante ler a argumentación de Carlos Bastarreche: o problema non é que os xornalistas españois acreditados en Bruxelas non entendan o inglés, o francés nin o alemán (mal iríamos se fose así), senón que ‘a defensa do español é unha das prioridades do meu Goberno’! 

O segundo defecto do internacionalismo lingüístico é a súa propensión antidemocrática. Retomando unha metáfora naipesca de Dworkin, un liberal que Lodares e compaña non leron, o valor das linguas grandes convértese nun trunfo ante a vontade dos falantes das linguas pequenas: e ante os trunfos non cabe discusión nin debate algún. No contexto español non importa o apoio que recibisen as políticas de fomento do catalán / valencián, basco e galego, nin a validación de que fosen obxecto por parte do Tribunal Constitucional. Nun artigo recente (O español en España, Abc, 4-3-2005), Francisco Rodríguez Adrados, pedía directamente a abrogación da ‘anticonstitucional’ lexislación lingüística autonómica. Rodríguez Adrados é dos que cualificarían de anticonstitucional a sentenza do Alto Tribunal que en 1994 deu por bo o modelo lingüístico das escolas de Cataluña, que sen excluír o castelán ten na lingua catalá o seu ‘centro de gravidade’. Ou mesmo adicaría o epíteto antedito á mesmísima Constitución, na medida en que suxire unha contradición no interior do artigo 3 entre a oficialidade do castelán e a das ‘demais linguas españolas’. Sexa como sexa, a vontade dos falantes das linguas pequenas de España é algo que volveu aflorar politicamente: cando menos en Cataluña, moitas das persoas que votaron ‘non’ no referendo do día 20 de febreiro fixérono polo insuficiente recoñecemento do catalán / valencián nas institucións europeas. E moitos dos que votaron ‘si’ fixérono confiando na virtualidade do memorando que Moratinos enviou á Comisión o pasado 13 de decembro, que solicita o recoñecemento na Unión Europea de ‘todas as linguas oficiais en España’.

Pero sen dúbida o maior defecto do internacionalismo lingüístico é o seu simplismo maniqueo, que revela unha antropoloxía lingüística dunha pobreza extrema. Poñámonos na pele dun falante de lingua pequena: ao dicir dun ‘internacionalista’ como Gregorio Salvador (Lenguas minúsculas, Abc, 19-1-2005), este falante só ten dúas opcións: ceder ao ‘espírito de campanario’ e á ‘aberración reaccionaria’ para manterse pechado na súa ‘exigua prisión lingüística’ ou, polo contrario, abandonar a súa lingua e integrarse a unha lingua máis extensa e máis poboada que lle permita ‘ensanchar o seu mudo e as súas perspectivas de futuro’. Tertium non datur: a posibilidade de que o noso falante adquira a lingua grande sen menoscabo da pequena é simplemente ignorada. E, postos a ignorar, tamén se ignora a profesión máis antiga do mundo, que non é a que adoita pasar por selo, senón a de tradutor: os ‘internacionalistas’ fannos perder de vista que, grazas aos intérpretes, falar a mesma lingua nunca foi unha condición necesaria para o entendemento mutuo. 

Dise que os antigos gregos sentían horror polo baleiro; claramente, os nosos ‘internacionalistas’ senten horror pola diversidade lingüística. O seu grande problema é que viven nun mundo e nun país plurilingües que van seguir séndoo. O que veremos nos próximos meses é se ese internacionalismo que asoma nas tribunas xornalísticas se impón na esfera política. A presenza do catalán / valencián, galego e euskera no Congreso dos Deputados é un dos tests que se aveciñan. Se se prohibe calquera uso desas linguas, o internacionalismo terá gañado a manga (e algunhas señorías terán un argumento máis para ‘irse’ de España); se se inicia un debate sereno e pausado, libre por fin de escaramuzas contraproducentes, será posíbel acomodar esas linguas nos termos e prazos que dite a soa prudencia, sen outro efecto negativo que o rache de vestiduras dos nosos ‘internacionalistas’ máis furibundos.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 


Albert Branchadell

Albert Branchadell é profesor da Facultade de Tradución e Interpretación da Universitat Autònoma de Barcelona e presidente de Organización polo Multilingüismo.

 

     
   

Noticias | Quen somos | Que facemos | Campañas | Mediateca | Lexislación
Ligazóns
| Colectivos | Especiais | Tenda | Asóciate