|
“a
lingua non a regalas (e o futuro, tampouco)”
por Víctor F. Freixanes
(Publicado na Voz de Galicia 14/05/05)
UN GRUPO de rapaces e rapazas do
colexio de Brión, ao lado de Santiago, animados
por unha profesora que entende que o ensino da
lingua galega (de calquera lingua) é moito máis
que a memorización ou a aprendizaxe automática
de pronomes e normativas, lanzaron unha
iniciativa que quixera salientar nestas páxinas:
o uso do galego na telefonía móbil.
Espontaneamente, orientados pola profesora, os
alumnos dirixíronse ás principais compañías
fabricantes de aparatos e software
telefónico (Nokia, Panasonic, Siemens, etcétera)
demandando a presenza da lingua nos
contestadores, nas mensaxes e, por extensión, en
todos os servizos de comunicación que se
ofrecen, igual que xa teñen os cataláns e os
vascos. A Mesa pola Normalización Lingüística
fixo súa esta idea e está a promovela polo
conxunto do país.
As compañías contestaron dicindo que non teñen
obriga de dar este servizo. De acordo. Non teñen
obriga formal ningunha. Só Alcatel ten oferta en
galego. No seu momento, outros colectivos
cidadáns fixeron o mesmo co portal Google, un
dos grandes espazos da búsqueda e conexión a
Internet, e lograron que o galego estea presente
neste buscador. Hai movementos a prol da
software libre (Linux) traballando tamén
nesta dirección. O Día das Letras Galegas, que
celebramos o próximo martes en memoria de
Lorenzo Varela, estimula este tipo de
iniciativas, que son unha proba de que
reaccionamos e de que estamos vivos.
A sociedade galega ten unha tendenza excesiva á
pasividade. Neste e noutros temas. Poderiamos
aplicala igualmente á vida política. Fronte a
outras sociedades, que toman iniciativas e
demandan os seus dereitos ou, simplemente, os
seus espazos de existencia no concerto xeral,
que nestes tempos é o concerto da globalización,
os galegos tendemos sempre a pedir que nolo dean
feito. Parece que houbese unha obrigación
histórica por parte de alguén a resolvernos
dende fóra os problemas, neste caso as nosas
demandas de identidade. Os galegos tendemos a
concibir o Estado (e a Administración en xeral)
non coma un espazo común no que participamos
(con obrigas e dereitos) e no que cómpre actuar
e discutir, senón coma un xigantesco Pai
Todopoderoso que nos trae a comida a casa, a
poder ser gratis. E as cousas non son así. Nada
vén de balde.
A iniciativa dos rapaces e rapazas de Brión
paréceme importante polo que ten de movemento
activo, de iniciativa emprendedora, esa cultura
que as nosas xentes estimulan con tanto éxito
cando están fóra do país (na emigración) e que,
por algunha razón antiga, entre nós é tan
escasa. A aspiración dunha boa parte dos nosos
universitarios ao acabaren as súas carreiras é
colocárense no que os nosos pais chamaban «un
traballo fixo», a poder ser por conta allea e de
funcionarios. Somos, historicamente, a maior
fábrica de funcionarios (sumisos) do Estado
Español e, seguramente, de Europa.
¿Queremos unha lingua propia? Si. Pero que nola
dean feita. ¿Queremos un país moderno e
competitivo? Si. Pero que nolo constrúan outros,
con subvencións. ¿Queremos as praias e os
camiños limpos? Si. Pero que nolos limpen os de
fóra, ou a Administración Pública, esa entidade
abstracta que non acabamos de entender que somos
nós, porque a construímos e pagamos co noso
traballo e cos nosos impostos. ¿Queremos
mellores políticos? De acordo. Pero que aparezan
por xeración espontánea, coma unha dádiva
maravillosa de Deus Noso Señor, ou do Patrón
Santiago, o Patrón de todos os patróns, que
seica está aí para eso. Mal asunto se non
cambiamos de actitude, urxentemente.
|