A Mesa pola Normalización Lingüística
Noticias
Quen somos?
Que facemos?
Campañas
Mediateca
Lexislación
Ligazóns
Colectivos
Especiais
Tenda
Asocia-te

TRADUCCIÓNS AO GALEGO

por Víctor F. Freixanes
(Publicado na Voz de Galicia 30/04/05)

A XUNTA de Galicia acaba de presentar na feira do libro de Santiago unha edición de O Quixote en galego, distribuída ao prezo de 9 euros. Trátase dunha nova versión, en rústica (arredor de 3.500 exemplares) e en tapa dura (non venal), doutra que no seu día realizara Xuntanza Editorial, dirixida a biliófilos, cun cartafol de 15 xeriegrafías, que xa non se atopa no mercado. A tradución é exquisita, a cargo dun grupo de especialistas de primeira liña: Xavier Senín, María Xesús Senín, Xela Arias, Valentín Arias e Xosé Antón Palacios. A iniciativa xustifícase por cumplirse este ano o cuarto centenario da obra de Cervantes e pola significación simbólica do libro na literatura universal.
Hai poucos días que a Editorial Galaxia, que teño o honor de dirixir, presentou nas librerías, tamén en colaboración coa Xunta, a obra de Nélida Piñón, A república dos soños , escrita inicialmente en portugués-brasileiro. O propio presidente Fraga facíame unha consideración: «¿Están vostedes seguros de que este é o camiño?». Digo aquí o que lle dixen a el: en casos excepcionais, tal vez. Pero como principio estratéxico, o castelán e o portugués non son linguas alleas ao lector galego culto e, por tanto, centrar os esforzos ou investir os recursos, necesariamente limitados, neste tipo de iniciativas creo, sinceramente, que é un gasto de enerxías de moi dubidoso proveito.
O 70 % das traducións que se realizan nestes momentos en lingua galega proceden do castelán. A moita distancia están as outras linguas. Certo que a meirande parte dos textos son de carácter educativo: versións ao galego de libros producidos para o ensino (matemáticas, ciencias sociais, bioloxía) que se elaboran inicialmente en castelán e que se comercializan na nosa lingua para fornecer a demanda obrigatoria dos programas escolares. Pero na mesma liña están as coleccións de carácter infantil e xuvenil, promovidas na meirande parte por editoriais de fóra que dispoñen de selos autóctonos. Todo un síntoma. E no que respecta á edición noutros xéneros tampouco é moi diferente.
Gonzalo Constenla Bergueiro elaborou unha panorámica xeral da tradución literaria ( Anuario Grial de estudos literarios galegos , 2003) na que dá conta dos textos traducidos nese ano á nosa lingua. A meirande parte proceden do castelán e, a bastante distancia, do inglés e do catalán. Escribe o profesor Constenla: «Os esforzos, que aínda se precisan, deberían centrarse noutras linguas máis afastadas do punto de vista cultural e/ou lingüístico, e promover que os máis novos accedesen directamente aos orixinais españois, portugueses e cataláns».
Shakespeare, Schiller, Víctor Hugo, Virxinia Wolf, Tolstoi e os grandes novelistas rusos, Manzoni, Ibsen, Balzac, Dickens, Whitman, Oscar Wilde, Kakfa, William Faulkner¿ Dalgúns deles dispoñemos de unha ou dúas obras traducidas, pero a nónima de títulos pendentes é xigantesca. As literaturas todas do mundo agardan por nós. Camus, Margarite Duras, Jean Paul Sartre... Sería inxusto negar o esforzo que nos últimos vinte anos se fixo, dende os clásicos grecolatinos aos autores máis modernos (pasando polo necesario coñecemento directo, sen intermediarios, de vascos e cataláns). O eido por labrar é inmenso, e os recursos escasos, repito. ¿ O Quixote en galego? ¿Para que, puidendo lelo directamente en castelán?

 

 

     
   

Noticias | Quen somos | Que facemos | Campañas | Mediateca | Lexislación
Ligazóns
| Colectivos | Especiais | Tenda | Asóciate