|
“LER
EN BRASILEIRO”
por Xosé Manuel Sarille
(Publicado en A Nosa Terra nº 1.172)
Unha das experiencias máis
satisfactorias para calquer lector galego que o
sexa de verdade, é o descubrimento do portugués,
e a consecuente primeira vez que tivo necesidade
de pensar como é o asunto. Iso acontece cando se
fai a primeira viaxe ao outro lado da vella
fronteira e áchase un ante un xornal ou dentro
dunha libraría e comproba, sen necesidade de
ningunha abstracción, que o que está a ver pode
lelo. Poida que necesite dunha lixeira
adaptación a varias diferenzas gráficas, pero
máis nada. Desde ese día o lector, calquer
lector que pasase por esta experiencia,
xerarquiza e considera que ten a man, sen
esforzo intelectual previo, todo un mundo, e
deduce, tamén sen esforzo, que podendo ler en
portugués, ou en brasileiro, bobo sería se
botase man de calquer tradución, sexa esta para
o estándar galego ou para o idioma español.
Igual que calquera consideraría
pouco edificante ir ver unha exposición con
reproducións de Goya a Pinto ou a Valdemoro,
tendo os orixinais no Prado. Cos orixinais e
coas traducións das obras en portugués e
brasileiro, sucede o mesmo.
Bobo sería se botase man de
calquer tradución, porque outra cousa que
aprende axiña un lector, ou unha lectora ( non
debería de haber que aclarar o da lectora) é que
o tradutor é traidor (traduttóre traditóre
que din os italianos). Quere dicirse que
o tradutor mete sempre a man, inevitabelmente,
na alma do escrito orixinal, e traizoa a obra de
arte, ou o simples comunicado. Mesmo hai quen di
que a obra é outra. E xa non digamos na poesía.
Por esta razón, cando ten fillos, ou fillas o
lector, se o é de verdade, sexa este escritor,
editor, poeta, tradutor, ou traballador dunha
factoría, considerando a súa vella experiencia
da viaxe a Portugal, deduce e considera que se
ao seu fillo lle merca uns libros en portugués,
ou en brasileiro, vai gañar moito, porque
espabila a mente, coñece unha forma de escribir
que descoñecía, acércase a uns pobos que
deberían ser cercanos e no o son, e ademais
sabe que lle entrega ao meniño un novo útil que
practicamente recoñece e non sabe que coñece, as
variantes portuguesa ou brasileira e que se
facemos equivalencia, pois para ler noutros
idiomas, precisa anos de esforzo.
Coñezo e recoñezo a intelixencia
do intelectual medio galego e podo asegurarlles
que ningún dos que se dedican a estas cousas de
linguas, poemas e cousas destas, se lles ocorre
ler a Saramago en castellano. Nin traducido ao
galego. Por varias causas. Por sentido común,
porque aprezan a literatura, porque en moitos
casos teñen sensibilidade e os entrados en anos
nostalxia da Revolución dos Caraveis e outros
soños, e porque se é coñecido o artista lector,
personaxe máis ou menos público, sería
semellante que pedisen un Saramago en castellano
a que pedisen as obras completas do
alcalde de Negreira
en calquera lingua. Un desastre para o
prestixio. Unha rexouba. É así, fáganme caso.
Endexamais escoitarán unha discusión na que o
editor ou o intelectual digan que len obras
portuguesas en galego nin defendan ese proceder.
Outra cousa, ai! é que a
preguiza do intelectual, do escritor ou do
editor, o leve a mercar libros en castellano, de
outras orixes, que talvez atopase en portugués
se os buscase, os solicitase por correo ou os
fose mercar a Braga. Claro que este é outro
asunto. E grave. Porque os escritores galegos
len, ou lemos, polo que me pode a min tocar,
maioritariamente en castellano, provocando,
quéirase ou non, un deterioro serio do propio
galego, que ademais de contaminarse como
evidentemente lle está a ocorrer, deixa de
enriquecerse como o faría se o autor submetese a
súa mente á variante rica e compacta que é o
portugués ou á colorida e frondosa que é o
brasileiro.
Que é unha exposición de Goya?
Un lugar para ir de excursión e botar un vistazo
mentres preguizosamente comemos millos nun cazo
ou unha experiencia cultural das máis serias?
Que é a lectura, de igual xeito? Un substituto
da tele ou unha práctica que se debe promocionar
facéndoa óptima? Se son as segundas afirmacións
as verdadeiras, que pinta daquela o presidente
de Galiza dicindo por aí que de momento a xente
en Galiza ten moita preguiza para ler en
portugués? Non será que prefere un galego illado
e paralisado pola introversión e o complexo de
inferioridade? É imposíbel saber de onde tirou
semellante información, do da preguiza, porque o
problema é outro.
O problema é que o portugués e o
brasileiro viven completamente afastados da nosa
sociedade, tanto que resulta inquietante, porque
di pouco da apertura ao mundo, da ruptura da
vella fronteira e e do ideal de modernidade que
por aí se profesa. Noutras palabras, é unha
situación de atraso puro e duro.
Enténdase
ben este artigo. Non pretende atacar a ninguén e
menos a lóxica da ganancia editorial, que é
normal que busque o beneficio. Preténdese
debater, e que se considere que a promoción da
lectura en brasileiro e portugués, nas aulas e
nas bibliotecas, só pode enriquecer, abrir as
mentes e axudar tamén ao prestixio do idioma
galego. E pretende convidar ás editoras a que
varíen a súa liña de traballo e non caian nese
absurdo que é traducir ao galego
obras portuguesas e brasileiras. Que ademais
obrigan aos editores a vivir unha dobre vida
dialéctica, e cando fan iso semellan ser simples
comerciantes, aínda que a un lle conste que iso
case nunca é así.
|