|
“os
soños da república”
por Xavier Alcalá
(Publicado na Voz de Galicia 01/05/05)
PASOU O TEMPO pero non a
lembranza de Nélida Piñón na Coruña, flanqueada
por Freixanes e Seoane, atendida por un intenso
ollar de Caruncho.
Con potencia de Amazonas verbal, Nélida verteuse
toda, delicada e pálida, na tertulia literaria.
Chegou a dicir que A
república dos
soños
fora escrita por ela para se preguntar
quen é o Brasil, non que é
esa nación case continental («un monstro creador
de cultura» segundo Eduardo Blanco-Amor, a
ollalo desde a Arxentina).
A escritora insistiu en que
os
iberoamericanos están sempre a pescudar na súa
realidade, na súa diferencia, e que o fan desde
visións de xente chegada de fóra. Ela construíu
unha catedral impresa partindo de criaturas
familiares provenientes de Galicia. Coma ela,
cada escritor que nesas terras transatlánticas
se pregunta pode moi probablemente responderse
con historias de inmigrantes europeos.
No coloquio xurdiu unha cuestión: ¿Non é inxusto
que as Américas veñan sendo definidas polos que
se expresan á europea?
A Piñón deu xiro ao discurso para introducir
datos de erudita e describir a obra dun peruano
que contempla o Grande Sur desde a óptica do
imperio incaico (e pola mente de alguén que a
escoitaba pasaron as paisaxes abraiantes do
Inkañán , o Camiño do Inca, médula
daquel imperio cruel que cruelmente destruíron
os españois
sedentos de ouro)¿
Voda e revoda. Logo da
tertulia, cea; e seguiu a conversa torrencial
da Nélida.
Seguiron a república
dos soños e
os
soños
da
república: dunha
república federal
na que as nacións españolas coubesen todas,
igualitariamente. Na que
os galegos existisen en fronteira
totalmente derrubada con Portugal, e contasen
coa língua que aproxima a Nélida aos grandes
premios, mesmo ao Nobel.
Pero son soños,
soños que farían
do portugués un idioma escolar na Galicia,
rendible porque, con pouco esforzo, abre mundos
en África, América e Asia.
Soños que
converterían en absurdo traducir
ao galego a Nélida de Cotobade e do Brasil
grandioso... Soños.
|