|
“AULAS
DE PORTUGUÉS E BRASILEIRO”
por Xosé Manuel Sarille
(Publicado en A Nosa Terra nº 1.174)
Infórmanme
os meus amigos José Ramom Pichel e Valentim
Faxim que o ensino do portugués está moi
estendido na comunidade autónoma de Extremadura.
Por prudencia máis que por dúbida consultei a
arañeira para confirmar. Sen facer unha busca
precisa atopei unha noticia do ano 2001 que
confirma a existencia de seis mil alunos de
portugués no ensino primario e secundario
durante ese curso escolar. A metade dos
estudantes de portugués existentes naqueles días
no Estado Español.
Leo tamén
que o goberno extremeño, presidido por Juan
Carlos Rodríguez Ibarra, incorporou o portugués
ás escolas de idiomas e fixo que se convertese
no segundo idioma en número de matriculados, só
por detrás do inglés e por diante do francés, o
alemán e o italiano.
Curiosa
situación. Non a deles, senón a nosa. Porque non
cómpre un grande esforzo para imaxinar que ese
fluxo de estudantes se produce polas
expectativas de traballo, como tradutores,
facendo de ponte entre as dúas culturas,
xestionando o propio acercamento, canalizando as
iniciativas que se derivan dese acercamento.
Parece que
o goberno extremeño está sabendo aproveitar a
nova realidade que vai configurando a
desaparición da fronteira, a unidade europea e
as sinerxías que se derivan.
Se miramos
para Extremadura, nós non podemos catalogar como
un soño, como unha utopía, a desexada
incorporación do portugués ao noso ensino
primario e secundario. Non podemos admitir que
sexa para nós un soño o que para eles é un
trámite burocrático, porque daquela moito
terían enmagrecido os nosos soños, prezado
Alcalá.
O problema,
aquí tamén, é de atraso puro e duro. Non
sucederá que se nos atrapallan os complexos e os
prexuízos á hora de propór medidas que sirvan
para facer unha promoción decidida do ensino do
portugués entre os nosos escolares? Non se nos
cruzará o vello imaxinario ultraesquerdista cheo
de guerrilheiros e revoluçom galega
e anti-castrapistas e agires
varios? Non será que proxectamos a diglosia,
máis presente que nunca entre nós, a extensións
culturais intocábeis, tabús, que son a do
portugués e a do brasileiro? Non nos estará
matando unha visión etnográfica da lingua
galega, ligada ao máis estático e negadora de
cambios nesta nosa sociedade? Non aboiará por
todas as partes o paraíso perdido da aldea? Non
será que o poder teme, ou temía, aos propios
intelectuais, cando se puido ter decidido a
abrir esa vía de cooperación transfronteiriza?
Sinto
volver dicilo, pero as traducións de obras
portuguesas e brasileiras ao galego reforzan sen
excepción os prexuízos e a distancia da cultura
galega a respecto das outras que pertencen ao
tronco lingüístico do galego-portugués. E hai
que dicilo. Aínda que debamos aprezar as novas
opinións que a ritmo xeolóxico galego van
aparecendo nos xornais e van abrindo un
horizonte máis luminoso que o da realidade
actual, o cal non é moi difícil.
Esta
lonxanía de Portugal e Brasil indicaba unha
pobreza de miras absoluta hai vinte anos. Hoxe,
despois da configuración da nova rexión entre
Galiza e o norte de Portugal, simplemente non
ten nome. Non nos afasta moito da realidade
galega que nos amosa o alcalde de Negreira nas
súas obras completas. Exaxerando algo, son
preferíbeis os aforismos do rexedor ciceroniano
que as reservas que seguen a producirse nalgúns
círculos sobre o achegamento a Brasil e
Portugal. Que co alcalde aínda rimos.
Mais ollo,
porque o ensino do portugués nas aulas galegas
non debe converterse nunha reivindicación,
nunha batalla inconformista, cargada de lugares
sabidos, argumentos sobados que a ninguén lle
interesan e que os iniciados manexan con grande
soltura para guindarllos na cara ao poder de
turno, se algún día hai turno. De converterse
nunha reivindicación, daquela si que sería un
soño e non unha iniciativa interesante para
todos, un trámite necesario, que canto menos
demore menos retardará outros beneficios. Estaba
ben que sen exhibición de pancartas, os partidos
políticos escoitasen e propuxesen unha actuación
global no referente á relación cos países
lusófonos.
Paradoxal situación esta na que
o goberno dunha rexión sen máis vinculación con
Portugal que a da cercanía xeográfica, decide
abrir as portas, mentres Galiza vive sen
estímulos para o achegamento. E os poucos que
hai non se coñecen. Mais hainos. Non é preciso
irse a Braga a mercar libros en portugués. Hai
librarías que por sensibilidade e até por
elegancia, venden libro en brasileiro e
portugués na Galiza. Como para andar non hai
nada mellor que comezar a dar pasos, vou nomear
as que coñezo. En Santiago e A Coruña están as
librarías Couceiro. Tamén en Santiago
poden visitar a Libraría Pedreira e A Palavra
Perduda; Torga en Ourense, Andel do Libro
Galego-portugués en Vigo. Biblos Clube de
Lectores envía cada dous meses aos seus socios
unha interesante e renovada oferta. Nelas
atoparán as mellores obras orixinais, sen
traducir.
|