|
“ Gobernando á toa ”
por Xosé Luís Franco Grande
(Publicado en A Nosa Terra, 25/05/2006)
Falta de vontade política, dixemos máis dunha vez, pode que sexa a primeira nota que percibimos no goberno galego que temos. E cada día novos feitos nolo demostran. Quixera saber, por exemplo, que idea teñen de Galicia os que nos gobernan, ou iso din, ou tamén, que pensan facer cos instrumentos de poder que o pobo lles deu, se é que algo pensan –pois as dúbidas empezan a xurdir na nosa conciencia.
Prodúcenme terror as declaracións da conselleira de Educación en La Voz de Galicia do luns, día 23: nin o modelo vasco, nin o catalán, nin… ¿En que consiste o noso –ou sexa, o dela? Porque un tira a impresión de que para algúns membros do goberno non existe o art. 5 do Estatuto, nin a xurisprudencia do TC que lle é de aplicación , nin tampouco a experiencia dun cuarto de século.
¿Como se pode dicir que sexan os pais os que determinen en que lingua se debe escolarizar aos seus fillos? ¿Son os pais ou é o goberno que temos, que para iso o designamos, o que ten en primeiro termo a obriga de cumprir as leis, en especial o Estatuto e a Lei de Normalización Lingüística? ¿Que clase de cumprimento desas normas significaría proceder como suxire a tal conselleira? Realmente, ¿terase decatado de que as súas manifestacións deixan de esguello o cumprimento da legalidade?
¿Como se pode ter o atrevemento de soster que para estarmos nun plano de igualdade ensinaremos na lingua que se pida? ¿Será que aínda non se decatou a conselleira de que, xusto porque non están nun plano de igualdade, cómpre a normalización? ¿Ou é que estamos outra vez no “bilingüismo harmónico” de Fraga? Parece que é esta a gran novidade do goberno actual.Falta de vontade política, dixemos e sostemos. Tanta asepsia, tanto descafeinamento, tanta distanciado que fóra e dentro (máis fóra que dentro, infelizmente) é xa unha experiencia á vista de todos, e que parece deixarse de esguello, poñen ben de manifesto unha total ausencia de vontade política respecto da normalización da lingua propia de Galicia. Non nego que quen así pensa estea no seu dereito; pero, entón, non pode ocupar a Consellería de Educación. Mellor estarían algúns dedicándose a outra cousa.
|