|
“CARTA ABERTA Á CONSELLEIRA DE EDUCACIÓN ”
por María Pilar García Negro
(Publicado en A Nosa Terra, nº 1227 do 15/06/2006)
Estimada Conselleira: Permíteme tratarte de ti, xa que, aínda que non pertencemos ao mesmo centro nen á mesma Universidade, somos colegas do ensino e coido que podemos usar este tratamento. Escréboche para facerme eco dunha circular, por ti enviada e mais pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, aos centros do noso país que imparten segundo ciclo de ensino infantil, para lles comunicardes que, nas escolas con máis de dúas unidades de infantil, poderá impartir as aulas en galego unha desas unidades, en cumprindo os seguintes requisitos: compromiso do profesorado; autorización dos pais, nais ou tutores; acordo do claustro; aprobación do Consello Escolar e ter o alumnado suficiente como para constituír un grupo. Non podo estar máis de acordo. Tan é así que me permito facervos algunhas cantas propostas máis:
1ª. Os mesmos requisitos, en nome da igualdade de oportunidades e mais do bilingüismo deterxente (perdón, harmónico!) deberían rexer para as matemáticas, lingua española, coñecemento do meio, actividades de expresión e de comunicación (xa vedes que estou a mesturar ensino infantil con ensino posterior, para que haxa a debida continuidade…).
2ª. Caso de se poder constituír o grupo-reserva de galego, após teren sido superadas valentemente todas as probas esixidas, coido que é imprescindíbel que as-os pequenas-os que a el se aponten deben ir á escola todos os días cos petos cargados de non menos dun quilo de croios, para se iren afacendo ao dura que é a vida futura en galego (non hai nada como a medicina preventiva…).
3ª Estas alumnas e alumnos han de levar pintado no curuto da cabeza un sinal, por exemplo, en cores azul e branca (as da bandeira), para a súa correcta identificación.
4ª. Os mencionados na proposta anterior han de ser isolados do resto dos seus pares, a fin de estes non se contaminaren da galeguidade permitida aos reservistas.
5ª. Transcorrido un curso da experiencia, avaliarase convenientemente a saúde físico-anímica dos pequenos, a fin de comprobardes que ela non sofreu dano irreversíbel na insólita inxesta de galego.
Só vexo na vosa circular e nas propostas complementares que vos envío un pequeno problema e é que se asemella demasiadamente ao Decreto 1433/1975 e mais ao Decreto 2929/1975, isto é, lexislación do anterior rexime, pre-constitucional, pre-estatutaria, pre-Lei de Normalización Lingüística, pre-Decreto autonómico 247/1995, pre-Plano Xeral de Normalización Lingüística, aprobado por unanimidade no Parlamento Galego o 21 de Setembro de 2004… Hai, pois, un certo anacronismo, porque, se as miñas informacións son certas, seica nos encontramos a piques de iniciarmos o verán de 2006. Mais, en fin, con paciencia, moito amor ao galego e algúns retoques administrativos, resolverase o anacronismo.
Despídese de ti cordialmente, esperando que estimes no que valen estas propostas dunha colega galego-docente de tempos vellos.
|