21 DE XANEIRO:
PAREMOS O
DECRETAZO
CONTRA O
GALEGO
A plataforma Queremos Galego convoca as comunidades educativas para un paro xeral no ensino o 21 de xaneiro, como contestación ao decretazo contra o galego.
A agresión é histórica, sen dúbidas a máis forte contra o idioma propio en toda a etapa democrática. Por iso é tan importante que nos impliquemos todas as persoas con sensibilidade pola nosa cultura, independentemente da lingua que falemos no día a día, para facermos do 21 de xaneiro unha data tamén histórica na contestación social.
|

Por que rexeitamos este decretazo?
Porque non garante que os estudantes finalicen cada etapa educativa
coas destrezas lingüísticas tamén en galego.
Todos os informes oficiais sinalan que hai un problema para conseguir
que boa parte dos rapaces e das rapazas, sobre todo nas zonas urbanas,
teñan fluidez comunicativa en galego. Diminuír a presenza
da nosa lingua non fará máis que agravar a situación,
vulnerando o dereito do alumnado a unha educación de calidade
e pondo en perigo a pervivencia da nosa cultura.
Porque é unha proposta feita de costas á sociedade
galega. O presidente da Xunta sabe que non conta con ningún
consenso do profesorado, o estudantado, as familias e da sociedade
en xeral para este decretazo. Por iso o presentou na véspera
de fin de ano, a última hora do serán, e sen que existise
ningún proceso previo de diálogo nin contraste.
Porque a aplicación deste decreto suporá enfrontamentos
nos centros. A Xunta fai deixadez das súas funcións
e traslada o problema ao profesorado, ao estudantado e ás
familias, que serán parcialmente consultadas (ben tendo en
conta só o criterio da maioría, sen que se saiba que
pasará coa minoría que se sinta perdedora; ben dando
unha opinión cada catro anos, o que significa que uns pais
darán a súa consideración sobre a educación
das fillas e dos fillos doutros). A política lingüística
e educativa non se pode limitar á opinión que poida
ter a comunidade escolar, porque nos corresponde a todas as galegas
e a todos os galegos. Hai que ter presentes criterios pedagóxicos
e o dereito a unha educación en igualdade.
Porque a Xunta se burla da cidadanía cando di que se vai
impartir un terzo das materias en inglés, cando sabe que
iso é totalmente inviábel, e sen se preocupar do fracaso
escolar. O presidente da Xunta mente conscientemente cando fala
de “plurilingüismo”, pois sabe que iso é imposíbel
de aplicar. Só utiliza o inglés para camuflar propagandisticamente
o ataque contra o galego. Na verdade, os departamento de inglés
non teñen un reforzo real para mellorar a aprendizaxe desta
lingua e mesmo se recortan os recursos para a formación do
profesorado e se reduce o número de profesores/as das escolas
oficiais de idiomas. O reforzo e mellora do ensino de inglés
no sistema educativo galego debe facerse con máis profesorado
específico, con máis recursos e con grupos máis
reducidos.
Porque este decreto vulnera leis básicas aprobadas por consenso
e tratados internacionais de dereitos lingüísticos.
O decreto que o Goberno galego quere impor unilateralmente vulnera
a letra e o espírito da Lei de normalización lingüística
(arts. 12 e 13), así como da Carta europea de linguas rexionais
ou minoritarias (art. 8). Un goberno serio, cívico e responsábel
cumpre as leis e os tratados internacionais de dereitos humanos
e de dereitos lingüísticos.
Porque é unha agresión á dignidade da nosa
cultura que haxa un goberno da Xunta que ande ás patadas
coa lingua propia do noso país. Temos que erguer a nosa voz
con claridade e exclamar que, independentemente do idioma que falemos
no noso día a día, os galegos e as galegas amamos
a nosa lingua propia e queremos que non haxa políticas para
discriminala, senón ao contrario: que se promova nos diferentes ámbitos,
garantindo a igualdade de dereitos.
Fronte á imposición unilateral de Alberto Núñez
Feijóo, as comunidades educativas e o conxunto da sociedade
galega reclamamos que se escoite a nosa voz. O presidente da Xunta
debería lembrar que o decreto aínda en vigor contou
co respaldo dos sindicatos que representan ao 90% do profesorado,
a inmensa maioría das ANPAs, todas as organizacións
estudantís e todos os movementos de renovación pedagóxica
con actuación en Galiza. O seu decreto contra o galego, ao
contrario, non xera máis que rexeitamento e preocupación.
O 21 DE XANEIRO PARAMOS O ENSINO
EN DEFENSA DA CONVIVENCIA E DO GALEGO
Báners:
 
 
 



|