A Mesa pola Normalización Lingüística
Notícias
Quen somos?
Que facemos?
Campañas
Biblioteca
Lexislación
Ligazóns
Tenda
Asocia-te
 
   
FUNDACIÓN VÍA GALEGO
www.viagalego.org

Esta Fundación concíbese dentro dun xogo de espellos coa Mesa pola Normalización Lingüística: unha complementariedade en varios aspectos, como os traballos públicos e vías de resolución de problemas ou xestións. A Fundación, en contraste coa Mesa, levará a cabo un traballo distinto, procurando impulsar moitas iniciativas, varias delas totalmente innovadoras, e non sempre con aparato público.

Ademais de se preocupar por cuestións de formación e laboratorio de ideas sobre normalización lingüística, a Fundación Vía Galego centrarase na CIRCULACIÓN CULTURAL cos outros territorios pertencentes ao sistema lingüístico galego-portugués.

É alarmante a carencia de relacións culturais de Galiza cos outros países do sistema lingüístico galego-portugués. Unha situación que non variou nada nas últimas décadas e que é superada a estas alturas pola interrelación do mundo empresarial (o intercambio comercial entre Galiza e Portugal multiplicouse por 200 nos últimos 20 anos). Paradoxos dun país que continua a ter unha cultura debilitada.

A política levada a cabo nos anos pasados demostra que non é posíbel unha práctica transversal sobre a circulación cultural cos países de lingua portuguesa que estea intimamente mesturada coas reivindicacións clásicas da normalización. Faise preciso que esa transversalidade proceda doutra fonte, cun grao alto de iniciativa autónoma, coa sua propia tensión práctica.

Mais a Fundación non só proxectaría unha nova liña de traballo en relación ao Brasil, Portugal e todo o que iso significa, senón tamén concibindo a acción social da lingua como propicia á influencia, á comunicación e sobre todo á suxestión, fundamental esta última para integrar moitas forzas e esforzos actualmente dispersos, erráticos ou desanimados, tanto no referente ás relacións cos países de lingua portuguesa como na práctica normalizadora que até agora se levou a cabo.

Con este proxecto non se intenta continuar ou volver abrir o debate normativo. O obxectivo é lograrmos romper a situación de “costas viradas” coas culturas que nos son máis próximas, a comezar pola portuguesa. Roza o absurdo que as xentes galegas, que por ser dunha expresión tan semellante á luso-brasileira teñen o privilexio de poder asomarse sen dificultades a unha cultura riquísima, non saiban que poden facelo. A maioría da poboación alfabetizada, que xa sabe ler e escribir en galego, non sabe que ten capacidade para ler en portugués e que ten posibilidades de se adentrar nese mundo se quixeren; isto é, calquera rapaz ou rapariga que cursase galego durante algún tempo é capaz de ler en portugués, porén non é sabedor diso.

 

Arriba

     
   

Noticias | Quen somos | Que facemos | Campañas | Biblioteca | Lexislación | Ligazóns | Tenda | Asóciate