Consulta
  • banner dereita
  • banner dereita
  • banner dereita

Que facemos / Actividades

Principais actividades da MESA

 

Desde o seu nacemento, A MESA desenvolveu numerosas campañas e denuncias que a converteron nun referente social imprescindíbel no terreo da normalización lingüística. Hoxe é unha organización consolidada, implantada en toda Galiza, con máis de 3.000 socios e socias e unha repercusión social moi importante.

 

Un dos aspectos característicos do espírito de traballo da MESA é o esforzo por ser a casa común do traballo pola normalización do idioma, polo que sempre procura implicar nas súas accións a todo tipo de organizacións, institucións ou empresas. Este traballo de colaboración pode realizarse de maneira puntual, para unha campaña concreta, ou de maneira continuada. Por exemplo, no mundo do ensino, A MESA forma parte dunha plataforma estábel que funciona desde hai anos na que traballamos conxuntamente con sindicatos e movementos de renovación pedagóxica preocupados pola incorporación do noso idioma na escola: Comisións Obreiras, Confederación Intersindical Galega, Sindicato dos Traballadores/as do Ensino de Galiza, Asociación Socio-Pedagóxica Galega e Nova Escola Galega
As actividades da MESA deséñanse con finalidades sensibilizadoras e reivindicativas. As campañas sensibilizadoras teñen un importante elemento informativo e van dirixidas á poboación en xeral, aos comerciantes, empresarios, etc. As accións reivindicativas refírense sobre todo ás Institucións ou grandes empresas e consisten na denuncia de discriminacións lingüísticas do galego ou do incumprimento da Lei de Normalización Lingüística, aprobada en 1983 porén incumprida aínda hoxe en moitos dos seus artigos. Tamén desenvolvemos campañas de felicitación cando unha empresa ou colectivo se destaca de maneira positiva polo uso ou promoción do noso idioma. Tanto as accións de denuncia como as de felicitación realízanse a través de cartas directas, notas de imprensa que se publican nos medios de comunicación ou edición de millares de cartóns postais cun texto común que se distribúen entre a poboación para que as persoas as asinen e envien a nivel individual.