Especiais
  • banner dereita
  • banner dereita
Colectivos
Noticias | 12/01/2012

A Mesa valora o nomeamento de Valentín García na Secretaría Xeral de Política Lingüística como “mostra dun continuísmo que non presaxia nada bo”

A entidade advirte dos “difíciles retos” aos que se terá que enfrentar o novo titular da política lingüística da Xunta

 

A asociación en defensa do galego agarda do novo responsábel “a corrección institucional e a capacidade do diálogo de que careceu o seu antecesor”

A Mesa pola Normalización Lingüística valora o nomeamento de Valentín García Gómez como novo Secretario Xeral de Política Lingüística de "continuísmo que non fai presaxiar nada bo".

 

A asociación recorda que o recén nomeado xa viña colaborando coa Secretaría Xeral como coordinador dunha suposta Rede de Dinamización da Lingua Galega que mellor habería que denominar "Rede de Dinamitación da Lingua Galega", pois o seu único resultado concreto foi polo de agora o feche de 16 servizos de normalización lingüística noutros tantos concellos.

 

A Mesa considera que o novo Secretario Xeral de Política Lingüística ten perante si importantísimos retos aos que debe dar resposta:

 

-          Garantir que a Xunta de Galiza cumpra a Lei de Normalización Lingüística e o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, que foron froito no seu día da unanimidade parlamentaria e do consenso político e social.

 

-          Refacer todo o desfeito desde que goberna Alberto Núñez Feijóo.

 

-          Comportarse coa corrección institucional da que sempre careceu o seu antecesor, Anxo Lorenzo, e ter unha capacidade para escoitar e dialogar que, directamente, nunca existiu na última etapa da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

 

A entidade que preside Carlos Callón precisa, porén, que vai facer falta "máis que a simple vontade persoal" de Valentín García para atender e dar cumprida resposta aos anteditos retos, toda vez que a Secretaría Xeral que vai dirixir non pasa de ser, no actual contexto, un simple "adorno institucional" sen case capacidade de incidencia económica nin política.

categoria: Noticias