Especiais
  • banner dereita
  • banner dereita
Colectivos
Noticias | 10/10/2012

Só 3% dos centros de educación infantil das cidades imparten o ensino en galego

En Lugo hai tres escolas de infantil que declaran impartir en galego; en Ourense, A Coruña e Santiago, dúas; en Ferrol, Pontevedra e Vigo só unha. “Non hai bilingüismo nin trilingüismo: hai exclusión e varrido do idioma propio”, apunta Carlos Callón.

 

Nin tan sequera noutras comunidades autónomas gobernadas polo PP, como València e Balears, hai ese nivel de exclusión do idioma propio.

 

 

 

 

A Mesa pola Normalización Lingüística presentou esta mañá os “máis que alarmantes” datos dun estudo sobre o uso do galego na educación infantil nas sete cidades galegas. Segundo estes datos, só 3,19% dos centros imparten ensino en galego, un 1,06% manteñen dúas liñas diferenciadas (unha en galego e outra en castelán) e un 4,96% dos centros responderon que “dan a metade en galego e a metade en castelán”, aínda que en varios deles o idioma propio de Galiza só se utiliza na oralidade, realizándose toda a lectoescritura en castelán ou, mesmo, en inglés.

 

Sumando todas estas porcentaxes encontrámonos con que só o 9% dos centros de ensino de infantil das cidades declaran impartir “algo” en galego, mentres que o 91% exclúe o idioma propio do país até que as nenas e os nenos chegan aos 6 anos. “Non se garanten as competencias comunicativas en galego e ponse en risco a cohesión social de Galiza”, indican desde a maior asociación cultural de Galiza.

 

O presidente da Mesa, Carlos Callón, apunta que “estes niveis de exclusión non se producen en ningunha outra comunidade autónoma con idioma propio diferente do español, goberne quen gobernar” e pon como exemplo outras comunidades gobernadas polo PP, como València ou Balears. “Os dirixentes do PP en Galiza, e á cabeza deles Alberto Núñez Feijóo, son os máis reacios á pluralidade e á diversidade lingüística, seguen ao pé da letra o obxectivo da españolización de que fala o Ministro de Educación. Non lles importa se para iso teñen que levarse por diante os tratados internacionais sobre dereitos lingüísticos e culturais ou a cativa lexislación de protección do noso idioma de que nos dotamos nestas tres décadas”, explica.

 

Callón fai tamén un repaso polos datos sobre o uso do galego na educación infantil nos últimos anos e recoñece que “se trata dunha etapa difícil para o idioma propio desde sempre, pois nunca se puxeron os medios precisos para garantir a presenza mínima do galego, mais nunca en democracia se comprobaron niveis tan calamitosos como na actualidade”. Así, mentres no curso 2008/09, co decreto do 50% aínda en vigor, só o 35% dos centros das cidades declaraban impartir ese mínimo da metade do horario en galego, en 2010/11 só 10% manifestaban que impartisen o ensino en galego e na actualidade continúa cun “descenso en picado” que, a xuízo da Mesa, “coloca a nosa lingua á beira do precipicio”.

 

Desde A Mesa chaman a atención sobre algúns datos recollidos no seu estudo, como que nun centro de infantil de Vigo o español gañou por un só voto e, por iso, todo o ensino pasa a ser impartido neste curso exclusivamente nese idioma. Ademais, nun centro de Santiago, a pesar de os pais responderen maioritariamente “galego”, os docentes transmitíronlle á Mesa que o ensino era en castelán porque esa era “a lingua dos nenos e os pais mentiron para ter educación en galego”.

 

categoria: Noticias