Actualidade / Últimas noticias
A CORUÑA.- Asemblea do grupo local da Mesa o 22 de febreiro
Ás 20 horas no Café de Macondo (Rúa de Santo André, 106)
A asociación cidadá advirte de que polo momento "nin unha soa" das campañas promocionais ou iniciativas impulsadas desde o departamento de María Luísa Cid "tivo en conta" o galego
A Mesa denuncia que os materiais promocionais do Entroido que se están a repartir no comercio e nos locais de hostalaría exclúen a denominación oficial de "Concello da Coruña"
A zona organizativa da Mesa da Coruña está conformada polo conxunto de socias e socios dos concellos de Abegondo, A Coruña, Aranga, Arteixo, Bergondo, Betanzos, Cambre, Carral, Cesuras, Coirós, Culleredo, Irixoa, Miño, Oleiros, Oza dos Ríos, Paderne, Sada e Vilarmaior.
A dinámica de traballo da asociación neste noso ámbito territorial concrétase na organización de asembleas periódicas, ben para tratarmos asuntos concretos ben para recollermos e debatermos novas propostas de traballo e liñas de actuación no que ten a ver coa defensa e promoción da lingua nos máis diversos ámbitos da sociedade. Estas asembleas teñen sempre carácter aberto, o que significa que nelas pode participar calquera persoa preocupada pola situación de minorización do galego e disposta a axudar no traballo que A Mesa desenvolve.
Por ser unha zona articulada arredor dunha cidade grande, como é A Coruña, a súa realidade sociolinguística é a propia de contextos urbanos: pouco uso sistemático do galego; máis escaso canto máis nova é a poboación. Porén, o galego existe, sobre todo en contextos informais e privados, como tamén existe un alto grao de sensibilidade e compromiso en importantes sectores sociais.
Quizá unha das "loitas" máis mediáticas -e finalmente exitosas -das iniciadas pola Mesa nestes seus 25 anos de historia sexa o proceso xudicial emprendido pola nosa asociación contra o Concello da Coruña, na altura presidido por Francisco Vázquez, pola negativa declarada deste a cumprir a Lei de Normalización Lingüística, empregar correctamente o topónimo oficial da cidade e usar o galego como lingua oficial da institución. Nesa longa batalla xudicial iniciada en 1994 non houbo nin unha soa resolución dos tribunais que non avalase as teses da Mesa, malia a teima do ex alcalde coruñés en incumprir todas e cada unha das sentenzas e gastar diñeiro público na presentación de recursos ou mesmo na contratación de custosas asistencias xurídicas. Este longo proceso finalizou, ao fin, en 2006 coa súa "fuxida" ao Vaticano e o posterior acordo plenario polo que o Concello acordaba non seguir recurrindo as resolucións xudiciais que o obrigaban a cumprir a legalidade.
O grupo comarcal da Mesa na zona da Coruña conta cun blogue no que podes seguir a súa actividade:
www.blogoteca.com/amesadacorunha