AS ZONAS

 

A forza máis importante que ten A Mesa, as súas “patas”, son as súas socias e socios: a través da súa participación activa e do seu compromiso as nosas campañas, iniciativas, reclamacións ou parabéns teñen un imprescindíbel efecto megafónico sobre o conxunto da sociedade e as nosas mensaxes e mesmo materiais chegan a calquera punto do país ou mesmo da diáspora.

 

Entre as diferentes canles que pode haber para desenvolver un traballo activo e de base dentro da Mesa destaca, sobre todo, o que se fai a través da súa estrutura organizativa territorial: o que chamamos as zonas.

 

Cada zona organizativa da Mesa está nucleada por un grupo de traballo de carácter local ou comarcal formado polas socias e socios quen libremente desexan participar dunha maneira activa e poñen parte do seu tempo tanto para desenvolveren no seu espazo máis próximo (a súa cidade, a súa vila, o seu barrio ou parroquia...) as iniciativas e campañas que se desenvolven a nivel xeral ou mesmo aquelas que a propia zona, en función das posibilidades, decida realizar, por exemplo perante un problema concreto de discriminación ou vulneración de dereitos lingüísticos que poida surxir en calquera momento.

 

As zonas contan en todo o momento co apoio e asesoramento preciso por parte da dirección da Mesa para poderen desenvolver o seu labor da mellor maneira posíbel e, desde a última reforma estatutaria, mesmo teñen voz propia, a través dun ou dunha representante, na xunta directiva da asociación, tomando parte activa e corresponsabilizándose das tarefas de goberno e de xestión.  

 

Todas as cuestións relativas ao funcionamento organizativo das zonas, os criterios para a constitución de novos grupos de traballo locais ou comarcais, o seu financiamento, etc, está recollido nun regulamento interno de zonas ao que pode acceder, sempre que o desexar, calquera socia ou socio da Mesa.

 

Se tiveres interese en informarte máis sobre o funcionamento das zonas da Mesa, colaborar co grupo de traballo da túa localidade ou comarca e mesmo promover a creación dun novo se onde ti vives aínda non temos unha presenza activa, non o dubides e contacta connosco a través do enderezo-e zonas@amesanl.org