MOCION DO GRUPO MUNICIPAL
DO BNG
SR. ALCALDE PRESIDENTE DO CONCELLO DE VIGO
Dna Margarida Martíns Vilanova, en nome
do Grupo Municipal do BNG, presenta esta moción
para o seu debate e aprobación polo Pleno:
Exposición de motivos:
Fagamos un pouco de historia:
O galego deixou de ser língua exclusivamente
oral e pasou a ocupar espazos do latin, escribíndose
por primeira vez como língua normal da
vida civil, administrativa e literária
no 1172. Ao redor do 1190 adóptaa, a
diócese de Tui, como a língua
ordinária da sua documentación,
e pouco despois do 1200 pasa a ser tamén
língua administrativa e das cortes de
Portugal e do reino de Galiza e León
así como nas dióceses de Galiza
e Portugal. É na corte compostelana e
nas casas da nobreza, onde terá lugar
o florescimento de toda a poesia trovadoresca,
e de toda a nosa prosa literária medieval.
No século XV os Reis Católicos
comezan o proceso que o cronista de Castela
Zurita chamou doma y castración del reino
de Galicia con decisións como as seguintes:
crian na Galiza a Real Audiencia, organismo
que combinaba aspeitos administrativos e xudiciais,
póndoa en mans de persoas castellanas,
así como outra institución uniformadora
La Santa Hermandad; e ante a resisténcia
que provocan estes dous feitos, imponse o desprazamento
da nobreza Galega a corte de Castela.
A partir de 1514 desaparece todo resto de vida
administrativa civil (notarial) en galego no
reino da Galiza.
A partir da guerra da Independéncia,
a língua galega que seguia a ser falada
polo cento por cento do povo , comeza un proceso
de recuperar espazos sociais e o seu vello brillo
literário. Este proceso non deixou de
ir a mais alcanzando a sua cimeira no período
republicano. Para Galiza a II República
supuxo democracia e liberdade, e a posibilidade
da autonomia; o seu Estatuto foi refrendado
masivamente polo povo galego o 28 de xuño
de 1936.
A guerra e a chegada da ditadura franquista
foi a negación de calquer símbolo
de liberdade e do libre pensamento asi como
de calquer outro de cultivo e coidado da identidade
galega comezando pola língua.
Iniciouse un periodo ditatorial que en palabras
poéticas Celso Emilio Ferreiro chamou
A Longa Noite de Pedra.
Como di o Profesor Paul Preston, na sua excelente
biografia de Franco, él (Franco) foi
duas cousas: un nacionalista furibundo español
que só na língua castelá
era capaz de conceber España, e un mestre
no manexo do terror. Por outra banda o profesor
Compostelano Ramon Maiz na sua tese de doutoramento,
explica que na Galiza o nº dos asasinados chega
a unha cifra situada entre os vintesete mil
e os trinta mil. Ese terror foi especialmente
virulento con todos aqueles que estaban ligados
a reclamación das liberdades democráticas
e nacionais galegas, por pór un exemplo:
das 60 persoalidades que constituian a comisión
pro estatuto galego, da que formaban parte persoas
de diversas ideoloxias, desde católicos
praticantes, pasando por republicanos e socialistas
até galeguistas, muitos deles alcaldes
ou deputados, foron executadas 58, só
se salvaron dous, e foi por non estaren na Galiza.
Mas non vou a facer contaxe de toda a ignominia
e terror que se derramou sobre a Galiza que
só pode dar noxo, así que só
un pequeno e ilustrativo exemplo da nosa cidade
que nos conta Valentin Paz Andrade en Castelao
na Luz e na Sombra, di: en Vigo foron fusilados
dous primos de Castelao, que non militaban en
nengunha organización política,
é di foronno por seren primos de Castelao
e por usaren sempre o galego, duas cousas que
aos ollos dos executores facianos especialmente
perigosos.
Non foi pois por acaso, que a chegada da democracia
e a recuperación das liberdades, fora
unida a recuperación de usos e a dignificación
da língua galega, para devolver ainda
que sexa en pequena medida aquilo que o terror
franquista esborrallou pola violéncia.
O Cadro legal da língua galega:
A Constitución Española do 78,
como non podia ser menos no proceso de recuperación
das liberdades democráticas, recoñece
a pluralidade linguística de España
e que as distintas línguas serán
oficiais nos seus territórios de acordo
cós estatutos de autonomia (3.2). E no
artigo dous (2) recoñece o dereito a
autonomia das nacionalidades e das rexións.
Os Estatutos de autonomia, son parte posibilitada
pola Constituición, título preliminar
e título VIII, e a vez elementos que
completan a Constitución gozando nos
aspeitos que regulan, das mesmas características
de aquela, en palabras do Tribunal Constitucional
-teñen unha situación mui especial
no ordenamento xurídico, formando parte
do entramado constitucional, e son a verdadeira
carta de garantia das comunidades autónomas-.
No ano 1981 mediante a Lei Orgánica 1/81
de 6 de Abril, apróbase o Estatuto de
Autonomia da Galiza.
O seu artigo 5 refirese ao recoñecemento
dos dereitos lingüísticos dos galegos,
neste artigo sinalase:
5.1- A Língua própria da Galiza
é o Galego.
5.3- Os poderes públicos da Galiza garanten
o uso normal e oficial dos dous idiomas e potenciarán
o emprego do galego en todos os planos da vida
pública, cultural e informativa,...
5.4- A non seren discriminados por causa de
língua
No artg. 27, e dentro do título de competéncias,
está a competéncia exclusiva nas
seguintes matérias... no ponto 20: á
promoción e ao ensino da língua
galega.
Ainda que as duas línguas son oficiais
o carácter de própria de unha
delas, supón unha especial obriga como
vén repetidamente sinalando a xurisprudéncia,
do Tribunal Superior de Xustiza, e a do Tribunal
Constitucional, en varias sentenzas sobre leis
de normalización e especialmente na valoración
que fai do termo própria na sua sentenza
sobre a lei de uso do catalán.
En desenvolvemento desta competéncia
estatutária, e de garantia dos dereitos
linguísticos e democráticos dos
cidadáns galegos no ano 1983 publicase
a Lei 3/83 de Normalización lingüística
(DOG.14.7.83). Nos artgs. 1º, 2º e 3º recollese
in extenso o artg. 5 do Estatuto de Autonomia,
engadindo o dereito a actuar en galego ante
os Tribunais de Justiza.
No artg. 4.1 Declarase o galego como a língua
oficial das instituicións da comunidade
autónoma, da sua administracion, da administración
local e das entidades públicas dependentes.
No artg. 6.3 Fixa a obriga de promover os poderes
públicos, o uso normal oral e escrito
da língua galega como meio de relación
cós cidadáns. No artg. 10.1 Fixa
a toponímia em galego O artg. 11.1 Supón
para a administración a obriga de capacitar
o persoal da administración no coñecemento
e domínio da língua galega.
A Lei 3/83 ten múltiple desenvolvemento
regulamentar nos distintos ámbitos de
actuación da administración e
dos poderes públicos.
No Concello de Vigo ademais da aplicación
directa de todas as leis e normas que nos competen,
desenvolvemos a Ordenanza municipal en matéria
de normalización linguística.
Temos outro importantísimo texto legal
que pola sua especial releváncia vou
a citar, dado que forma parte do noso ordenamento
xurídico de conformidade ao disposto
no artigo 96 da Constitución:
O 15 de setembro de 2001 publicouse no Boletín
Oficial do Estado o instrumento de ratificación
da Carta Europea das Línguas Rexionais
ou minoritarias, feita en Estrasburgo o 5 de
novembro de 1992. O Estado español declara
expresamente no seu texto a sua promesa de dar
cumprimento, observar e facer que se cumpra
e garanta pontoalmente en todas as suas partes
o texto ratificado, e declara, para os efeitos
previstos nos artigos da Carta, que se entenden
por linguas rexionais ou minoritarias do Estado
español as línguas recoñecidas
como oficiais nos Estatutos das Comunidades
Autónomas do País Vasco, Catalunya,
Illes Balears, Galiza, Valencia e Navarra. O
Preámbulo da Carta Europea posúe
un valor declarativo e hermenéutico de
grande importancia ao permitir que, por primeira
vez, o Estado español asuma de forma
directa, respeito de cada unha das línguas
antes referidas, que o dereito á sua
utilización na vida privada ou pública
constitúe un dereito imprescritíbel
de conformidade cos principios contidos no Pacto
Internacional de Dereitos civís e políticos
das Nacións Unidas, e de acordo co Convenio
do Consello de Europa para a Protección
dos Dereitos Humanos e das Liberdades Fundamentais.
Tras unha magoante historia de persecución
e marxinación das devanditas linguas,
e dunha sobrevivencia lingüística
lograda polo loita calada de milleiros de persoas
que, a pesar da aberta hostilidade do poder,
continuaron empregando a sua língua propria,
o Estado español fai por primeira vez
unha declaración, non só política
senón xuridicamente vinculante, que situa
o dereito ao uso da língua propria ao
mesmo nivel que un dereito fundamental.
Neste téxto desenvólvense conceitos
que están na Declaración Universal
dos Dereitos Linguísticos, e en repetidos
textos de xusrisprudéncia internacional.
Os dereitos linguísticos son un dereito
fundamental, pero un dereito fundamental que
se exerce colectivamente, tal como sinala a
norma, fronte a prática tan frecuente
en non poucos governos de recoñecer dereitos
individuais e impedir socialmente o uso dos
mesmos. É o dereito de falarmos, de ser
atendidos, de receber información, de
educarmonos, de desenvolver a nosa vida persoal
plena na própria língua.
Os membros do corporación de Vigo somos
autoridades, comezando polo seu alcalde e os
membros dos grupos políticos que asumen
o papel municipal governante, e independentemente
do noso dereito individual, que ninguén
cuestiona, a expresarmonos na língua
que estimemos mais conveniente das entre mais
de mil cincocentas que hai no planeta, temos
unha obriga, que como vimos ven ligada a recuperación
das liberdades e dos dereitos cívicos,
que é garantir os dereitos linguísticos
dos cidadáns e das cidadás galegas,
e a obriga legal de promover, defender, e impulsar
a língua própria de Galiza.
Como vimos, aquí o polinómio das
liberdades tiña en todos os casos como
denominador común o respeito e a promoción
da língua galega , así o veu entendendo
en boa medida o lexislador e así o veu
apreciando de forma unánime a corporación
viguesa, desde a primeira das corporacións
democráticas: todos os alcaldes que teñen
tido entre as suas máns a vara do governo
desta cidade, independetemente da sua ideoloxia
ou do seu partido de pertenza teñen tido
un compromiso democrático que os honra
coa recuperación e dignificación
da língua galega,
Por todo o exposto sometese ao pleno da corporación
municipal a adopción dos seguintes:
ACORDOS
1- O Pleno do Concello manifesta o seu compromiso
con a extensión social do uso do galego
é a recuperación de ámbitos
e usos para o mesmo, tanto no ámbito
cidadán como da administración
e entidades dependentes do Concello.
2- O Pleno do Concello insta ao Alcalde Presidente
do mesmo, ao cumprimento da ordenanza municipal
de normalización líinguística,
e a dar exemplo cívico no compromiso
coas normas legais a prol da língua galega,
adoptando unha actitude firme de defensa da
mesma, aperfeizoando e profundizando nas liñas
que nesta matéria honraron a todos os
seus predecesores democráticos.
Vigo a 12 de Setembro de 2003
Margarida Martíns Vilanova,
Concelleira de Festas e Animación Socio-cultural
|