PERGUNTA
DO DEPUTADO DON FRANCISCO RODRÍGUEZ SÁNCHEZ,
DO GRUPO PARLAMENTAR MIXTO, SOBRE POR QUE NO
CANAL INTERNACIONAL 24 HORAS DE TVE, CONCRETIZADAMENTE
NO MAPA DO TEMPO, NON SE USAN AS ÚNICAS
FORMAS OFICIAIS E LEGAIS, A CORUÑA E
OURENSE, PARA REFERIR-SE A ESTAS CAPITAIS GALEGAS
E ÁS SUAS PROVINCIAS.
(Número de expediente 182/000613)
A señora PRESIDENTA:
Pergunta número 3, que formula o deputado
don Francisco Rodríguez Sánchez.
O señor deputado ten a palabra.
O señor RODRÍGUEZ SÁNCHEZ:
En 1983, o Parlamento da Galiza aprobou unha
lei de normalización lingüística
que no seu artigo 10 deixou claro que os nomes
dos concellos de Galiza terian como única
forma oficial a galega. Isto foi posíbel
porque todos os grupos parlamentares, todos,
sen excepción, consideraron que os nomes
dos municípios estiveron submetidos durante
séculos a deformación, burla e
sen sentido, através de actos de forza
que o vencedor impón ao vencido ou, se
vostés quixeren, máis claramente,
o colonizador ao colonizado. Somente asi se
pode producir unha situación tan esperpéntica
con nomes de municípios como Puenteareas,
que mestura a metade en galego e a metade en
español, cando o orixinário é
Ponteareas, ou Sanjenjo, que non ten nengun
equivalente en español. Sanjenjo non
existe en español e foi a tradución
burda e brutal de Sanxenxo, que é en
todo caso San Ginés en español,
ou Niño d’Aguia, un topónimo
dun monte de Vigo, traducido nada menos que
como Niño de la Guía pensando
que o galego é un dialecto do español
e que se fixo por proximidade, cando na tradución
seria en todo o caso Nido del Águila
—que xa está ben!—, ou cando
se traduz o termo Viveiro por Vivero, pero non
se fai o mesmo con Ortigueira e é Ortiguera,
e asi sucesivamente. Un princípio fundamental
desta lexislación foi a coeréncia,
o ataque e a deformación, a burla agresiva,
os actos despóticos e, portanto, todo
o mundo se puxo de acordo en que a única
forma de normalidade era a orixinária.
Esta formulación levou a que en 1984
a Xunta decretase que os nomes oficiais das
capitais eran A Coruña e Ourense e, con
moi bon critério, este Congreso dos Deputados
en 1998 aprobou unha lei para restituir os nomes
das capitais das suas províncias que,
en concordáncia —di a própria
lei—, pasarán a ser A Coruña
e Ourense. Esta situación está-se
a consolidar en todos os meios de comunicación,
nas empresas enerxéticas, de telefonia,
informáticas e comerciais , porque é
prescritiva, non deixa lugar a dúbidas,
obriga a todas as actuacións e actividades
que teñan unha finalidade legal e desde
a legalidade; portanto, en primeiro lugar ao
Governo, á Administración pública
e a todas as empresas del dependentes. Por iso
facemos a seguinte pergunta: Por que no Canal
Internacional, concretizadamente no mapa do
tempo, non se usan as únicas formas oficiais
e legais, A Coruña e Ourense, para se
referiren a estas capitais galegas e ás
suas províncias?
A señora PRESIDENTA:
Ten a palabra o señor Director Xeral.
O señor DIRECTOR XERAL DO ENTE
PÚBLICO RTVE (Sánchez Domínguez):
Non creo que faga falta aclarar-lle, señor
deputado, por se da sua intervención
pudese caber algunha dúbida, que eu non
teño absolutamente nada a ver coas orixes
de todo o que enumerou vosté, se son
vencedores ou vencidos ou se eu prefiro colonizador
ou colonizado. Eu non teño nada a ver
con iso, nen cos vencedores nen cos vencidos.
Referindo-me en concreto á sua pergunta,
direi-lle que a fixación da toponímia
oficial das comunidades autónomas con
língua própria, cooficial coa
do Estado, corresponde a cada unha das comunidades
e rexe no seu próprio ámbito.
As Cortes Españolas, como ben subliñou
e sabe-o mellor ca min, señoria, aprobaron
como denominación oficial, con carácter
xeral para toda España, as de Lleida,
Girona, A Coruña, Ourense e Illes Balears,
que se fan obrigatórias, portanto, no
uso dos documentos oficiais en toda España.
Fóra do ámbito dos documentos
oficiais que acabo de expor-lle e da fixación
da toponímia no seu próprio ámbito,
quen escrebe en castelán pode utilizar
con toda a liberdade a denominación castelá
dun topónimo ou da sua instituizón
ou departamento correspondente.
A señora PRESIDENTA:
O señor Rodríguez Sánchez
ten a palabra.
O señor RODRÍGUEZ SÁNCHEZ:
Señor Director Xeral, acaba de responder
escapando pola tanxente. Estamos a falar da
legalidade constitucional dun Estado de direito
e as denominacións das cidades ou das
províncias somente é unha a efeitos
oficiais e legais, somente unha, non é
unha cuestión de usar o galego ou o español.
Oralmente un indivíduo en privado ou
nas suas situacións particulares pode
falar como queira e dicé-lo como queira.
Se vostés quixeren chamar La Coroña,
chamen-na, fagan-no en inglés, no que
quixeren, mais no que di respeito ás
actuacións da denominación oficial
non hai máis que unha: A Coruña
e Ourense. Isto obriga a todas as instituizóns,
a todos os organismos públicos, a todas
as empresas públicas e, por certo, a
empresas privadas como Telecinco e outras que
empregan esas formulacións nos mapas
do tempo. É suspeito que precisamente
un organismo público como Televisión
Española sexa o que viola a legalidade,
legalidade sentenciada polo Tribunal Superior
de Xustiza da Galiza, polo Tribunal Supremo
e polo Tribunal Constitucional. (Rumores.) Estamos
nun Estado de direito ou nun Estado selvaxe
donde cada un se pode permitir o luxo de facer
o que queira? Non estamos a falar de línguas,
señor director xeral; estamos a falar
de denominacións oficiais das cidades.
E non creo que a nengun español en actuacións
oficiais e legais se lle vaia cair o dente por
dicer A Coruña ou Ourense, e menos por
escrebé-lo nun mapa do tempo. Estamos
a falar de legalidade, non de diversidade lingüística.
(Un señor deputado: ¡Non te enfades!)
O señor DIRECTOR XERAL DO ENTE
PÚBLICO RTVE (Sánchez Domínguez):
Efectivamente, señor deputado, de legalidade
falaba eu, da lexislación vigorante.
Eu non o inventei; está aí. Ainda
hai máis. A raiz da sua pergunta, a Dirección
Xeral de Radiotelevisión Española
elevou unha consulta á Real Academia
de la Lengua (O señor Rodríguez
Sánchez: Que non é o Congreso
dos Deputados.), e a Real Academia de la Lengua
respondeu o seguinte: "Por respeito ás
diversas línguas de España, alguns
meios de comunicación españois
adoitan utilizar actualmente a versión
catalá, galega ou basca destes nomes,
mais —subliño— trata-se dunha
opción libre". Aqui fechan-se as
aspas. Quero recordar ao señor deputado
que a multidifusión das noticias
e rótulos nos nosos canais internacionais
tamén aconsellan, para evitar confusión,
o uso dos nomes en español, que é
a denominación máis estendida
e entendida por emigrantes e estranxeiros.
(Tradución do debate producido na Comisión
de Control Parlamentario de RTVE celebrada o
mércores 26 de marzo de 2003)

|