A Mesa pola Normalización Lingüística
Noticias
Quen somos?
Que facemos?
Campañas
Mediateca
Lexislación
Ligazóns
Colectivos
Especiais
Tenda
Asóciate

Á MESA DO CONGRESO DOS DEPUTADOS

Francisco Rodríguez Sánchez, Deputado do GRUPO PARLAMENTAR MIXTO (BNG), ao abeiro do disposto no artigo 185 do Regulamento de la Cámara, apresenta a seguinte pergunta para a que solicita resposta por ESCRITO, relativa ao respeito pola legalidade lingüística vixente en matéria de toponímia nas informacións do Aeroporto de Madrid-Barajas.

AENA tenta ser respeitosa coa legalidade vixente en matéria lingüística. De facto, aplicou a Lei 2/1998, do 3 de Marzo, sobre a mudanza de denominación das províncias de “La Coruña” e “Orense” para pó-las en consoáncia coa denominación das suas capitais, que ficou estabelecida como A Coruña e Ourense no Decreto da Xunta da Galiza 146/1984, do 27 de Setembro, de conformidade coa Lei 3/1983, do 15 de Xuño, de normalización lingüística. O artigo 10 desta Lei estabelece que “os topónimos da Galiza terán como única forma oficial a galega”. Os lexisladores tomaron esta decisión unanimemente, conscientes de que existia unha deformación xeralizada dos mesmos por un proceso de castelanización, primeiro, e españolización, despois, que conduciu a formas grotescas, sen sentido, arbitrárias, híbridas e caprichosas. A única solución era, pois, a restauración das formas orixinárias. Esta posición é a única válida para todas as administracións, xa que se trata dunha competéncia exclusiva da Xunta da Galiza. Precisamente, a única competéncia estatal, a denominación das províncias, adaptou-se á denominación das suas capitais.

Con preocupación observamos que, despois duns anos de usar polas megafonias e nos monitores do Aeroporto de Madrid-Barajas a forma legal, orixinária e oficial, A Coruña, ao anunciar as saídas dos voos con este destino, recentemente mudou-se por “La Coruña” nas informacións orais, mantendo-se A Coruña nas escritas. Esta mudanza introduz un factor de dualidade moi negativo en actuacións que se deben submeter á legalidade administrativa, e non aos caprichos, preconceitos e desprezos de influentes sectores culturais, ideolóxicos e políticos intolerantes que confunden usos do español con anulación da oficialidade de topónimos orixinários doutras línguas. É esta unha forma de anular as consecuéncias da legalidade administrativa que excede con moito a duas únicas formas como as de Ourense e A Coruña. Resulta elocuente comprobar a incapacidade existente nestes sectores para asumir unha legalidade lingüística tan de mínimos no respeito polo pluralismo lingüístico. Resulta grave que as institucións e organismos oficiais acaben por incumprir leis das que democraticamente nos dotamos e que deben ser de obrigado cumprimento, se é que realmente estamos nun Estado de direito.

Cando exactamente e por que se tomou a decisión de usar a forma “La Coruña” e non a oficial, legal e orixinária “A Coruña”, na megafonia do Aeroporto de Madrid-Barajas, como se viña facendo nos últimos anos?

Quen é o responsábel desta decisión, que non se fundamenta en nengunha legalidade administrativa?

Que forma se utiliza oralmente nos aeroportos de AENA para se referir a Girona?

Non é unha dualidade, imprópria dunha información oficial coerente, usar a forma non legal e deturpada, “La Coruña”, nas mensaxes por megafonia, e a forma legal, A Coruña, nos monitores?

Como é posíbel que unha legalidade que tardou en ser asumida a nível estatal case vinte anos, desde 1984, se vexa agora fraxilizada, discutida e violada co recurso a argumentos sobre o uso do español que nada teñen a ver coa fixación de formas únicas de validez legal e oficial para designar os nomes de lugares dentro do território do Estado?

Pensa-se restaurar o uso correcto, respeitoso, legal, que AENA viña facendo da forma A Coruña, en todo o tipo de formato informativo do Aeroporto de Madrid-Barajas ou outro calquer?

 

19 de Novembro de 2003
 

Francisco Rodríguez Sánchez
Deputado pola Coruña (BNG)

*Tradución para o galego feita pola Mesa pola Normalización Lingüística.

 

     
   

Noticias | Quen somos | Que facemos | Campañas | Mediateca | Lexislación
Ligazóns | Colectivos | Especiais | Tenda | Asóciate