Á MESA DO CONGRESO
DOS DEPUTADOS
Francisco Rodríguez Sánchez,
Deputado do GRUPO PARLAMENTAR MIXTO (BNG), ao
abeiro do disposto no artigo 185 do Regulamento
da Cámara, apresenta a seguinte pergunta
para a que solicita resposta por ESCRITO, relativa
á discriminación lingüística
no Rexistro Civil de Santiago de Compostela.
A situación de indefensión de
moitas persoas na Galiza ante a discriminación
lingüística que padecen por tentar
viver facendo uso do seu idioma, o galego, resulta
incríbel, ollada dunha posición
minimamente democrática e de respeito
polos direitos humanos fundamentais. E paradoxal
resulta cando, ademais, o galego ten o recoñecimento
dunha língua oficial na Galiza. O último
episódio ten a ver cun pasmoso feito
de discriminación lingüística
no Rexistro Civil de Santiago de Compostela.
Ao se informar sobre os trámites neste
Rexistro para contraer matrimónio, unha
parella achou-se coa sorpresa de que absolutamente
nengun dos documentos que deberian preencher
estaba en galego.
Para alguns destes formulários, os funcionários
propuxeron-lle á própria parella
que realizase a tradución, se os querian
en língua galega. Aduciron que as versións
que habia en castelán ao dispor dos usuários
as fixeran eles e non a Administración,
de forma que non consideraban que fose a sua
obriga entregá-los en galego.
Para o caso dos impresos oficiais que deben
cobrir tamén para poderen contraer matrimónio
civil, a única opción que se lles
deu á parella foi a de facer unha solicitude
formal e agardar a que chegase a tradución
ao galego, trámite que desde o próprio
Rexistro datan en dous ou tres meses.
Para colmo, neste Rexistro Civil informaron
á parella de que o xuiz que lles correspondia
non era da Galiza, polo que, se querian que
a voda fose en galego, lles terian que pór
un intérprete.
Até cando imos ter unha Administración
de Xustiza que, en vez de estar ao servizo dos
cidadáns e asumir a oficialidade do galego,
se comporta como un aparello burocrático
insensíbel e despótico cun dos
direitos humanos máis elementais, cal
é o das persoas a seren atendidas na
sua língua?
Como é posíbel que, a estas alturas,
nengun dos documentos que se deben preencher
no Rexistro Civil para contraer matrimónio,
concretizadamente en Santiago, mais que é
mostra dunha situación xeral, teña
versión en galego?
Como se lles pode dar, como única solución
aos cidadáns, se queren cobrir impresos
en galego, a de facer unha solicitude formal
e agardar a que chegue unha tradución,
trámite que o Rexistro data en dous ou
tres meses?
Como se pode chegar ao incríbel e dramático
esperpento de que, se unha voda se quer en galego,
se deba pór un intérprete, aducindo
que o xuiz correspondente non é da Galiza?
Que medidas se van tomar desde a Administración
competente para que non se continuen a producir
estas situacións de intimidación,
burla, desprezo e prepoténcia nun servizo
encarregado precisamente de velar polos direitos
dos cidadáns?
Pensa-se facer unha inspección para
comprobar cal é a situación de
respeito pola oficialidade do galego no Rexistro
Civil de Santiago, en particular, e nos da Galiza,
en xeral?
Quen está ao servizo de quen, os cidadáns
ao da Administración ou a Administración
ao dos cidadáns?
Cando vai haber realmente unha oficialidade
real do galego na Administración de Xustiza,
e máis concretamente no Rexistro Civil?
11 de Decembro de 2003
Francisco Rodríguez
Sánchez
Deputado pola Coruña (BNG)
*Tradución
para o galego feita pola Mesa pola Normalización
Lingüística. |