A Mesa pola Normalización Lingüística
Noticias
Quen somos?
Que facemos?
Campañas
Mediateca
Lexislación
Ligazóns
Colectivos
Especiais
Tenda
Asóciate

Á MESA DO CONGRESO DOS DEPUTADOS

O GRUPO PARLAMENTAR MIXTO, a instancia do deputado Francisco Rodríguez Sánchez (BNG), ao abeiro do disposto no artigo 193 e ss. do vixente Regulamento da Cámara, presenta a seguinte PROPOSICIÓN NON DE LEI, relativa a modificar o rexime lingüístico dos Rexistros da Propriedade e Mercantil, para o seu debate en Comisión.

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

O rexime de dupla oficialidade lingüística deseñado na Constitución de 1978 supón a declaración de oficialidade lingüística efectiva e plena da lingua española e as linguas basca, catalá e galega naquelas CCAA que así o estipulan nos seus Estatutos de Autonomía. A constitucionalización da cooficialidade lingüística supuxo a atribución da condición de vehículo de comunicación válido e eficaz para calquer actividade de trascendencia xurídica das linguas proprias das Comunidades Autónomas, tanto se afecta ás relacións entre os poderes públicos situados no seu territorio, como ás relacións destes cos cidadáns.

O actual rexime lingüístico dos Rexistros dependentes do Ministerio de Xustiza, tanto da Propriedade como Mercantil, obriga a que os asentos sexan efectuados unicamente en lingua española, impedindo dese xeito que as escrituras públicas redixidas nas restantes linguas cooficiais do Estado sexan asentadas en ditos Rexistros na lingua escollida polos outorgantes do acto ou negocio xurídico plasmado na escritura pública. Na práctica, calquer documento público outorgado e redixido en lingua galega, catalá ou basca está a ser traducido previamente á lingua española para a súa inscrición rexistral, e, da mesma maneira, calquer petición de información rexistral é remitida polos Rexistros Mercantil e da Propriedade exclusivamente en lingua castelá, aínda que exista petición expresa dun cidadán residente nun territorio con lingua cooficial de que lle sexa remitida a resposta á súa solicitude na lingua propria dese territorio.

Esta regulación en torno ao uso das linguas cooficiais nos Rexistros da Propriedade e Mercantil sitúa á marxe do proceso de normalización lingüística os citados Rexistros, e converte en papel mollado a declaración de cooficialidade das linguas galega, basca e catalá, pois supón non admitir a plenitude de efectos xurídicos destes idiomas e discriminalos a respeito do español no ámbito rexistral, ao permitir a legalidade de calquer documento redixido nas linguas oficiais dunha Comunidade Autónoma, mais rexeitando agora a inscrición do documento nesa mesma lingua nun Rexistro Público.

O uso das linguas cooficiais nos Rexistros da Propriedade e Mercantil está fixado polo Estado, na normativa que regula os Regulamentos de ditos Rexistros, e dita competencia estatal foi avalada pola xurisprudencia constitucional.

Porén, cando o Goberno exerce esa competencia debe respeitar as cláusulas xerais e normas relativas ao proceso normalizador das linguas cooficiais do Estado, e que foron ditadas desde as diferentes Comunidades Autónomas. Se nos orientarmos por este duplo marco normativo, as Leis de normalización lingüística de Euskadi, Catalunya ou Galiza son semellantes, e coinciden ao sinalar con claridade, e como criterio xeral, que os asentos dos documentos se farán na lingua oficial en que estea redixido o documento, así como que as certificacións literais se expedirán na lingua oficial interesada polo solicitante.

O Goberno debe rectificar o actual rexime lingüístico dos Rexistros Públicos dependentes da Administración de Xustiza que aínda manteñen o idioma español como única lingua oficial, adaptándoo ás directrices normalizadoras das CCAA en materia lingüística, e por tanto aceitar nos mesmos a cooficialidade das linguas catalá, galega e basca, non só a efectos de admisión na presentación de documentos, senón para que se efectivice a inscrición nas linguas cooficiais daqueles redixidos nas mesmas. Ademais, a propria organización territorial dos Rexistros da Propriedade e Mercantil facilita a implantación deste rexime lingüístico, e a coordenación central dos mesmos non se verá prexudicada polo simples feito de que os asentos sexan practicados nas linguas galega, catalá ou basca.

PROPOSICIÓN NON DE LEI

O Congreso dos Deputados insta o Goberno a que proceda a modificar os Regulamentos dos Rexistros da Propriedade e Mercantil para reformar o rexime de oficialidade monolingüe que rexe nos mesmos, e en concreto:
Acoller de maneira expresa a cooficialidade das linguas galega, catalá e basca nos mesmos.

Regular a posibilidade de realizar a práctica dos asentos rexistrais nas linguas cooficiais do Estado, efectuando os asentos na lingua en que estean redixidos os documentos.

Contemplar a expedición de certificacións e notas informativas rexistrais na lingua interesada polo solicitante, ou no seu defecto, na lingua na cal se efectuase a inscrición reproducida.

27 de Abril de 2004
 

Francisco Rodríguez Sánchez
Portavoz G.P. Mixto
Deputado por A Coruña

*Tradución realizada pola Mesa pola Normalización Lingüística.

 

     
   

Noticias | Quen somos | Que facemos | Campañas | Mediateca | Lexislación
Ligazóns | Colectivos | Especiais | Tenda | Asóciate