Á MESA DO CONGRESO
DOS DEPUTADOS
O GRUPO PARLAMENTAR MIXTO, a instancia do deputado
Francisco Rodríguez Sánchez (BNG),
ao abeiro do disposto no artigo 193 e ss. do
vixente Regulamento da Cámara, presenta
a seguinte PROPOSICIÓN NON DE LEI, relativa
á adecuación da denominación
das provincias marítimas de Galiza á
legalidade vixente en materia de toponimia,
para o seu debate en Comisión.
EXPOSICIÓN
DE MOTIVOS
A Lei de Normalización Lingüística
de Galiza, no seu artigo 10, estabelece que
os topónimos terán como única
forma oficial a galega. Esta disposición
legal conlevou consecuentemente diversas actuacións
lexislativas a nivel estatal como a Lei 2/1998,
de 3 de marzo, sobre a mudanza de denominación
das provincias de La Coruña e Orense
polas de A Coruña e Ourense, ou o Real
Decreto 1735/1998, de 31 de Xullo, polo cal
se modifica o Código de circulación
para mudar as siglas das licenzas de circulación
e das placas oficiais de matrícula dos
vehículos da Provincia de Ourense. Esta
lexislación estatal non fai máis
que ratificar e levar a cabo, no ámbito
das súas competencias, o estabelecido
no artigo 10 da Lei de Normalización
Lingüística galega, de 1983.
O estabelecemento das formas orixinarias e
galegas dos topónimos como as únicas
legais, no uso de toda a administración,
responde a unha actitude de lealdade e acatamento
ao disposto na lexislación, tanto autonómica
como estatal. E parte da consideración
de que debe haber unha soa forma para designar
oficialmente os nomes de lugares e de que esta
debe ser a orixinaria, non a deturpada, deformada
caprichosamente nun momento histórico
preciso. A posición para o uso oficial
da toponimia debe ser coherente co criterio
do respeito pola forma orixinal, en todos os
casos.
No Real Decreto 3209/1973, de 14 de Decembro,
polo que se denominan e limitan as zonas marítimas,
estabelécense as demarcacións
territoriais e divídese o litoral en
provincias e distritos marítimos, que
continúa a estar vixente. Nel a denominación
dalgunha provincia marítima de Galiza
non corresponde ao estabelecido legalmente na
actualidade, como é lóxico, xa
que non se respeita a forma orixinaria, galega.
Está en aberta contradición con
toda a lexislación vixente nesta materia.
PROPOSICIÓN
NON DE LEI
O Congreso dos Deputados insta ao Goberno a
modificar o Real Decreto 3209/1973, de 14 de
Decembro, de forma que a denominación
das provincias marítimas de Galiza se
adecúe ao estabelecido pola lexislación
vixente en materia de toponimia.
4 de Maio de 2004
Francisco Rodríguez
Sánchez
Portavoz G.P. Mixto
Deputado por A Coruña
*Tradución
realizada pola Mesa pola Normalización
Lingüística. |