Á MESA DO CONGRESO
DOS DEPUTADOS
Francisco Rodríguez Sánchez,
Deputado do GRUPO PARLAMENTAR MIXTO (BNG),
ao abeiro do disposto no artigo 185 do Regulamento
da Cámara, presenta a seguinte
pregunta para a que solicita resposta por ESCRITO,
relativa ao cumprimento do manual normativo
de sinalizacións no que di respeito
ao uso do galego nos aeroportos de Santiago,
A Coruña e Vigo e perspectivas de uso
igual co castelán en todas as sinalizacións
e mensaxes.
Segundo resposta do anterior Goberno a este
deputado, “co fin de igualar o uso do
idioma castelán e o segundo idioma da
comunidade autónoma, AENA elaborou o
documento “Directrices para o uso igual
e equilibrado dos segundos idiomas oficiais
nos aeroportos”, que recolle as pautas
que deben adoptar os aeroportos tanto en información
oral como en información gráfica”.
O documento inclúe as regras para a
rotulaxe dos elementos de sinalización
que aparecen no manual normativo de sinalizacións
nos aeroportos españois, edición
de Xaneiro de 2003. Nel dise o seguinte: “No
referente ás autonomías que teñan
dous idiomas oficiais as pautas a seguir son
as seguintes:
- O castelán aparecerá na
parte inferior do rótulo, na parte
próxima
ao lector e portanto de maior lexibilidade,
co texto en trazado groso, tamaño
de letra superior aos outros idiomas estranxeiros
que se permiten, e na cor principal da información;
amarela se for información básica
e azul clara se for información secundaria.
- O inglés grafarase en letra fina,
de tamaño menor que o castelán
e en branco neutro para diferenciar do idioma
principal.
- O idioma propio da autonomía
grafarase en letra branca neutra co mesmo
tamaño
e grosor que o castelán”
No aeroporto de Santiago non se cumpren estas
pautas totalmente, xa que aínda hai
sinalizacións nas cales o idioma galego
figura con letra de menor tamaño e grosor
que o castelán. Ademais, nas paredes
exteriores do edificio, os indicativos de saídas
e chegadas figuran só con grandes letras
en castelán.
Cando estarán todos os paineis e informacións
públicas do aeroporto de Santiago adaptadas
ao manual normativo indicado no que se refire
ao uso do galego?
Pensa AENA sinalar no exterior do edificio
do aeroporto a zona de chegadas e a de saídas
en lingua galega, como está indicado
en castelán?
Quen asesora a AENA para que estas sinalizacións
aparezan correctamente escritas en lingua galega?
Vaise ter especial coidado para que o uso
desta lingua sexa o correcto?
Cando se van utilizar por igual os dous idiomas
nas mensaxes por megafonía e en todos
os monitores do aeroporto?
Cal é o grao de cumprimento do manual
normativo de sinalizacións, en canto
ao uso do galego, nos aeroportos de Vigo e
A Coruña?
En que idiomas está a sinalización
de saídas e chegadas na parte exterior
dos edificios dos aeroportos da Coruña
e Vigo?
Vaise ter especial preocupación para
que o uso do galego sexa igual ao do castelán
nas megafonías, sinalizacións
e informacións en xeral, nos tres aeroportos
da Galiza?
30 de Xuño de 2004
Francisco
Rodríguez
Sánchez
Deputado pola Coruña
(BNG)
*Tradución da Mesa pola Normalización
Lingüística
|