A Mesa pola Normalización Lingüística
Noticias
Quen somos?
Que facemos?
Campañas
Mediateca
Lexislación
Ligazóns
Colectivos
Especiais
Tenda
Asóciate

LEI 12/2005, de 22 de xuño, pola que se modifica o artigo 23 da lei de 8 de xuño de 1957, do rexistro civil (b.o.e: 23/6/2005)

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

O artigo 3 da Constitución Española declara que o castelán é a lingua española oficial do Estado e estabelece que as demais linguas españolas serán tamén oficiais nas respectivas Comunidades Autónomas de acordo cos seus Estatutos. Ao amparo de dita norma constitucional, seis Estatutos de Autonomía declararon a oficialidade das respectivas linguas propias nos territorios das Comunidades Autónomas que lles corresponden.

O Tribunal Constitucional declarou que o artigo 3 da Constitución supón unha habilitación das Comunidades Autónomas con lingua propia para que, no marco estabelecido nos seus Estatutos de Autonomía, poidan regular o alcance do concepto de oficialidade (STC 82/1986, de 26 de xuño, e 56/1990, de 29 de marzo), o cal supón estabelecer o contido básico de dita oficialidade (STC 337/1994, de 23 de decembro) e, ademais, determinar as medidas que sexan precisas para o fomento ou a normalización da súa lingua propia (STC 74/1989, de 24 de abril, e 337/1994, de 23 de decembro).

En cumprimento da normativa constitucional e estatutaria as Comunidades Autónomas con lingua oficial propia distinta do castelán aprobaron varias leis de política lingüística, normalización lingüística ou ensino e uso das respectivas linguas propias que conteñen normas distintas para a regulación da dupla oficialidade con varias opcións, entre outros ámbitos, no dos rexistros públicos.

No desenvolvemento legal do recoñecemento da realidade plurilingüe de España, é ao Estado a quen corresponde, en virtude da súa competencia de ordenación dos rexistros e instrumentos públicos, estabelecer a regulación do Rexistro Civil, regulación estatal que debe respectar en canto ao uso das linguas en dito Rexistro público o principio de dupla oficialidade contido nas lexislacións autonómicas correspondentes. Deste xeito concílianse as actuacións que en materia de uso das linguas no Rexistro Civil corresponden ao Estado e ás Comunidades Autónomas con outra lingua oficial ademais do castelán.

Esta Lei estabelece unha norma de carácter xeral en virtude da cal os asentos deben realizarse nunha lingua oficial no territorio en que radique o Rexistro e estabelece que nas Comunidades Autónomas con lingua oficial propia distinta do castelán as follas dos libros do Rexistro Civil, os impresos, os selos e os sistemas informáticos se distribúen nas dúas linguas oficiais.

Artigo único. Modificación da Lei do Rexistro Civil

Acrecéntase un novo parágrafo ao final do artigo 23 da Lei do Rexistro Civil, de 8 de xuño de 1957, co seguinte texto:

“Os asentos realizaranse en lingua castelá ou na lingua oficial propia da Comunidade Autónoma na que radique o Rexistro Civil, segundo a lingua en que estea redixido o documento ou en que se realice a manifestación. Se o documento for bilingüe, realizaranse na lingua indicada por quen o presente ao Rexistro. Todo iso, sempre que a lexislación lingüística da Comunidade Autónoma prevexa a posibilidade de redacción dos asentos dos rexistros públicos en idioma cooficial distinto do castelán.”

Disposición adicional única. Distribución de follas, impresos e selos

A partir da entrada en vigor das disposicións regulamentarias previstas na Disposición Final e a efectos do estabelecido na presente Lei, nas Comunidades Autónomas con lingua oficial propia distinta do castelán as follas dos libros do Rexistro Civil, os impresos e os selos serán distribuídos impresos en cada unha das linguas oficiais.

Disposición transitoria única.- Rexistro Civís non informatizados

Aos Rexistros Civís que non estivesen informatizados na entrada en vigor desta Lei, seralles de aplicación o previsto no último parágrafo do artigo 23 da Lei do Rexistro Civil segundo a súa incorporación efectiva ao proceso de informatización.

Disposición final única.- Desenvolvemento regulamentario

No prazo de tres meses desde a entrada en vigor da presente Lei, o Goberno aprobará as disposicións regulamentarias precisas para que a práctica dos asentos e a emisión de certificacións ou outro tipo de documentos se poidan realizar nas linguas oficiais na Comunidade Autónoma correspondente.

 

     
   

Noticias | Quen somos | Que facemos | Campañas | Mediateca | Lexislación
Ligazóns | Colectivos | Especiais | Tenda | Asóciate