A Mesa pola Normalización Lingüística
Noticias
Quen somos?
Que facemos?
Campañas
Mediateca
Lexislación
Ligazóns
Colectivos
Especiais
Tenda
Asóciate

Lei 40/1999, do 5 de novembro, sobre nome e apelidos e orde dos mesmos.
(B.O.E. nš 266 do sábado, 6 de novembro de 1999)

JUAN CARLOS I

REI DE ESPAÑA

Saiban todos os que a viren e a entenderen que as Cortes Xerais aprobaron e eu sanciono a seguinte lei:

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

A regulación existente no Código Civil e na Lei do Rexistro Civil en matéria de orde de inscrición de apelidos estabeleceu até o momento presente a regra xeral de que, determinando a filiación os apelidos, a orde destes será o paterno e o materno; recoñece-se tamén a posibilidade de modificar esta situación pola filla ou fillo unha vez que acaden a maioria de idade.

Esta situación, que xa tentou cambiar-se con ocasión da modificación do Código Civil operada pola Lei 11/1981, de 13 de maio, é a que se pretende modificar á luz do princípio de igualdade recoñecido na nosa Constitución e en atención a distintas decisións de ámbito internacional adoptadas sobre esta matéria. Cómpre lembrar, neste punto, que o artigo 16 da Convención de Nacións Unidas de 18 de decembro de 1979 prevé que os estados signatários tomen as medidas precisas para facer desaparecer toda disposición sexista no dereito do nome; que o Comité de Ministros do Consello de Europa, dende 1978, estabelece na Resolución 78/37 a recomendación aos Estados membros de faceren desaparecer toda discriminación entre o home e a muller no réxime xurídico do nome e que o Tribunal Europeo dos Dereitos Humanos sancionou, na seténcia do 22 de febreiro de 1994 no caso Burghartz C. Suisse, as discriminacións sexistas na escolla dos apelidos.

É, por tanto, máis xusto e menos discriminatório para a muller permitir que xa inicialmente poidan os pais de común acordo decidir a orde dos apelidos das suas fillas e dos seus fillos, entendendo ben que a súa decisión para a primeira filla ou fillo valerá tamén para as fillas e fillos futuros de igual vínculo, feito que non impide que, ante o non exercicio da opción posíbel, rexerá o disposto na Lei.

Por outra banda, transcorridos máis de vinte anos dende a aprobación da Lei 17/1977, do 4 de xaneiro, sobre reforma do artigo 54 da Lei do Rexistro Civil, que estabelecia a posibilidade de substituir o nome próprio polo seu equivalente onomástico en calquer das línguas do Estado español, atopamo-nos con que calquer cidadán que alcance a maioria de idade e teña inscrito o seu nome en língua castellana no Rexistro Civil, ve-se privado da posibilidade de ser traducido o seu nome própio a outra língua do estado español oficial.

Por todo isto, a Lei que se aproba facilita o uso normal das diferentes línguas do Estado español e a obtención dun estatuto xurídico que respeite a súa riqueza idiomática.

Asi mesmo, e polas mesmas razóns, a Lei permite regularizar ortograficamente os apelidos cando a forma inscrita no Rexistro non se adécue á gramática e fonética da língua española correspondente.

Polo demais, a presente Lei completa-se cunha disposición transitória que prevé o suposto de existéncia de fillos menores de idade no momento da entrada en vigor daquela. A alteración da orde dos seus apelidos subordina-se á necesária audiéncia, se tivesen suficiente xuízo.

 

Artigo primeiro

O artigo 109 do Código Civil queda redactado nos seguintes termos:
«A filiación determina os apelidos conforme ao disposto na lei.
Se a filiación está determinada por ambas as liñas, o pai e a nai de común acordo poderán decidir a orde de transmisión do seu respeitivo primeiro apelido, antes da inscrición no rexistro. Se non se exercita esta opción, rexerá o disposto na lei.

A orde dos apelidos inscrita para a máis vella das fillas ou fillos rexerá na inscrición de nacemento posteriores das suas irmás e dos seus irmáns do mesmo vínculo.

O fillo ou a filla, ao alcanzar a maioria de idade, poderá solicitar que se altere a orde dos apelidos.»
 

Artigo segundo

O artigo 54 da Lei do 8 de xuño de 1957, do Rexistro Civil, queda redactado nos seguintes termos:

«Na inscrición expresará-se o nome que se dá ao meniño, se ben non poderá consignár-se máis de un nome composto, nin máis de dous simples.
Quedan prohibidos os nomes que obxetivamente prexudiquen á persoa, asi como os diminutivos ou variantes familiares e coloquiais que non acaden sustantividade, os que fagan confusa a identificación e os que induzan no seu conxunto a erro en canto ao sexo.

Non pode impoñer-se á meniña ou ao meniño o nome que ostente unha das suas irmás ou irmáns, a non ser que finara, asi como tampouco a sua traducción usual a outra língua.

A petición da interesada ou do interesado ou do seu representante legal, a encargada ou encargado do Rexistro substituirá o nome próprio daquel polo seu equivalente onomástico en calquer das línguas do estado español».

 

Artigo terceiro

O artigo 55 da Lei do 8 de xuño de 1957, do Rexistro Civil, queda redactado nos seguinte termos:

«A filiación determina os apelidos.

Nos supostos de nacimento cunha soa filiación recoñecida, esta determina os apelidos, podendo o proxenitor que recoñeza a súa condición de tal determinar, ao tempo da inscrición, a orde dos apelidos.

A orde dos apelidos que se estableza para a primeira inscrición de nacimento determina a orde para a inscrición dos posteriores nacimentos con idéntica filiación.

Alcanzada a maioria de idade, poderá-se solicitar a alteración da orde dos apelidos.

A encargada ou encargado do Rexistro imporá un nome e uns apelidos de uso cotián á meniña ou meniño cando a sua filiación non poida determiná-los.

A encargada ou encargado do Rexistro, a petición do interesado ou do seu representante legal, procederá a regularizar ortograficamente os apelidos cando a forma inscrita no Rexistro non se adécue á gramática e fonética da língua correspondente do estado español».
 

Artigo cuarto

Engade-se unha disposión adicional segunda á Lei do Rexistro Civil co seguinte texto:

«En todas as peticións e expedientes relativos á nacionalidade e ao nome e aos apelidos, as solicitudes dos interesados non poderán entender-se estimadas por siléncio administrativo.»
 

Disposición transitória única

Se no momento de entrar en vigor esta Lei os pais tiveran fillas ou fillos menores de idade dun mesmo vínculo poderán, de común acordo, decidir a anteposición do apelido materno para todos os irmáns. Agora ben, se estes tivesen suficiente xuízo, a alteración da orde dos apelidos dos menores de idade requirirá aprobación en expediente rexistral, no que estes terán que ser escoitados, conforme ao artigo 9 da Lei Orgánica 1/1996, do 15 de xaneiro.

 

Disposición derrogatória única

Derroga-se o artigo segundo da Lei 17/1997, do 4 de xaneiro, sobre reforma do artigo 54 da Lei do Rexistro Civil. Do mesmo xeito quedan derrogadas cantas disposicións legais xerais se opoñan ao estabelecido na presente Lei.

 

Disposición derradeira única

A presente Lei entrará en vigor aos tres meses da sua publicación no «Boletín Oficial del Estado». Dentro do prazo indicado, o Governo procederá a modificar o Regulamento do Rexistro Civil no que sexa preciso para adecua-lo ao previsto na presente Lei.

Madrid, 5 de novembro de 1999.
JUAN CARLOS R.

O Presidente do Governo
JOSÉ MARÍA AZNAR LÓPEZ

 

     
   

Noticias | Quen somos | Que facemos | Campañas | Mediateca | Lexislación
Ligazóns | Colectivos | Especiais | Tenda | Asóciate